Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Novo disco de Fanny + Alexander |
|
O dúo compostelán edita o seu segundo álbum, Finais dos 70s, comezos dos 80s, no que converten o verso libre de nove poetas contemporáneos en alfaias de pop electrónico. Alén disto, no álbum, disponible nas tendas , pero tamén en descarga gratuíta no netlabel A Regueifa Plataforma , hai algunha sorpresa: unha remestura a cargo de Projecto Mourente, a relectura do S.O.S. de Manuel Antonio que Fanny + Alexander fixeran hai un tempo, ou a versión completa do Berlín de María Lado musicado precisamente por F+A. Ah, e un regaliño máis: a versión galega do "Panic" de The Smiths, que nos leva dende o "pánico nas rúas de Vigo, pánico nas de Compostela..." até un retrouso que se vai repetir moito nos vindeiros meses "imos queimar a disco, meterlle ao papán do DJ, porque a música que anda a poñer non di nada sobre a nosa vida, ¿que che dixen? Merda de DJ". O disco é unha delicia, unha hora de música e poesía que engancha e que ás veces fai tremer. A beleza é ás veces terrible (...)
Este disco contén algunha das letras mais fermosas da historia da musica galega. Non teño na cabeza moitos discos contemporáneos, e moito menos en Galicia, baseados case en exclusiva en poemas musicados. ¿Regresan Voces Ceibes pero electrónicos?
A verdade é que a intención era esa, recuperar a tradición que había nos 70s, un fenómeno que, visto con perspectiva, deu á poesía galega un caracter verdadeiramente popular xa que foi quen de popularizar obras que doutro xeito nunca terían saído dos andeis das librarías. Se hoxe en día a xente sabe de memoria versos de Celso Emilio, Curros, Manuel María ou Rosalía é grazas a esta promiscuidade entre música e poesía que se deu nos 70s. Ademáis pensa que na época era xeralizado, non só se cinguía a Voces Ceibes, facíao dende Amamcio Prada até Juan Pardo pasando por Los Tamara. No noso caso a dificuldade sempre reside en percurar poemas mínimamente "modernos", que concorden no ton, no estilo e nas temáticas cos postulados etico-estéticos de Fanny e Alexander. Por certo que a diferenza do noso debut, Lusco e Fusco, neste disco todos os empréstitos son de poetas contemporáneos, dende María do Cebreiro a Daniel Salgado pasando por Elvira Riveiro, Pilar Pallarés ou Lois Pereiro. A única que se sae un pouco desta liña é María Silenzo, baseada nun poema que Carvalho Calero escribiu na súa mocidade, en plena guerra civil. Aínda asi, a súa temática -a sinistralidade laboral- segue tan vixente coma entón asi que non desentona en absoluto.
¿Por que o título: "Finais dos 70, comezos dos 80"?
Aínda que non é un disco conceptual si queriamos porlle un título "xeracional". En certa maneira enlaza co que se ven chamando a xeración Songoku, que é a que nasceu neses anos, os que nos perdimos a movida pero vivimos o Bravú e o Xabarín, os que aforrabamos para mercar un CD cada tres meses, os que non soupemos o que era falar coa nosa primeira moza por un teléfono movil e bebimos nos bares no canto de nos parques. Eses pequenos grandes detalles que marcan as diferenzas entre unha xeración e a posterior. Evidentemente o espazo temporal do título tamén ten moito que ver coa música xa que case todas as influenzas que sobrevoan sobre os temas do disco son desa etapa do século XX.
¿Hai algún poeta co que aínda non traballarades e ao que vos gustaría poñerlle unha bola de discoteca aos seus versos?
Faltounos un pelo para musicar uns versos da amiga Yolanda Castaño, ao final ese tema quedou nun caixón. E menos mal, que co recente affaire Yolanda-Aduaneiros igual se interpretaba coma unha mostra de apoio ou algo. Que conste que nós somos filoaduaneiros de vello.
Defíneme a "postpunkeirada" (titulo dun dos cortes do álbum, realizado a partir dun poema de Lois Pereiro)
O título orixinal era "electropunkdeirada", que case que a definía moito mellor. No primeiro disco metimos un tema, Lene, no que poñíamos as percusión tradicionais ao servizo do pop e a electrónica. Con Postpunkdeirada a idea era levar o concepto máis alá, enriquecendo a fórmula e mesturando gaitas, cunchas, pandeiretas e pandeiros con sintetizadores, caixas de ritmos e guitarras eléctricas. Nese tema a receita sería un terzo de electrónica, un terzo de punk-rock e un terzo de música tradicional galega. No fundo é levar a proposta dos Resentidos ao século XXI.
Traballades sobre textos poéticos alleos, ¿como é o proceso de creación?
No musical é moi natural, sempre e cando o texto sexa inspirador e afin. En xeral o máis complicado é adaptar os poemas ás músicas xa que a maioría dos poetas dos que gostamos soen empregar métricas libres, cun estilo cercano á prosa. Moitas veces non queda máis remedio que deconstruir o poema e voltalo construir de novo.
Xa sei que tedes un millón de influencias, e seguramente das máis delas nin sequera sodes conscientes. ¿Algún grupo que vos impactara nos últimos tempos e que pensades que si influiu no son deste album?
Si, dende logo, todo o que escoitamos na nosa vida está ai. Pero está claro que o último que escoitas sempre está máis presente. No disco hai pegadas de grupos ben diversos que van do electrónico ao pop máis espido, dende Ladytron a Belle & Sebastian. Pero aínda que no disco hai dous experimentos mesturando outros estilos con música tradicional galega, Postpunkdeirada e Cando eu era mozo, eu creo que a todos os temas do disco os cubre a moi abrigosa manta do pop, na percura da melodía e da canción redonda que emociona e é lembrada ao momento.
Grazas por "Pánico", unha cancion necesaria, que podería converterse en todo un himno. ¿Como xurdiu? ¿Foi un intento consciente de facer un "Panic" en galego, como fixera Fangoria en castelán? ¿Ou saiu de casualidade e aí quedou?
Foi a típica cousa que se che ocorre ás 4 da madrugada cando estás nun local e o DJ non para de poñer a peor música do mundo. Pensamos que se houbese un tema equivalente ao dos Smiths estaría ben que a xente o cantase e empregase coma arma contra os DJs papáns, que son lexión, dende os que se cren músicos até os que se cren que por mercar un par de pratos en Ebay xa teñen background musical suficiente e non son máis que cutres Jukeboxes. A versión é, igual que a orixinal, un canto ao bon gosto e ao criterio musical.
Por certo, moi bo o vídeo de Amei-te tanto . ¿Quen é o autor?
Os tres videos que temos até agora fixemolos nós mesmos, igual que o deseño gráfico do disco. Gustanos poder facer todo o que teña que ver con F+A, ter o control creativo total. E en xeral, nisto dos videoclips, cunden moito máis as boas ideas que 3.000 euros. Non hai máis que ver os boísimos videos de Niño y Pistola e 6PM, tamén realizados polos propios grupos.
Faise música en galego en todos os estilos, mesmo música bailable en calquera discoteca, por exemplo a que facedes vós, ou Mourente, Colectivo Oruga, etc., pero nas discotecas de Galicia seguen sen entrar, o mesmo que nas listas de hits tipo 40 Principales, ¿como potenciar a industria musical galega?
Sinceramente creo que o que se está facendo dende as institucións (Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Locais de ensaio...) é o camiño, está sendo moi importante xa que apoia e pon as infraestruturas pero non orienta, algo fundamental. E sobre a industria, pois tendo en conta que a nivel mundial está a esmorecer vexo un futuro feliz e non moi lonxano en que non exista, onde as relacións entre os artistas e os ouvintes sexan directas, sen intermediarios. Non hai máis que ver o caso do novo disco de Radiohead para comprobar que a industria non vale para nada. E quen quera vivir da música que traballe, ou sexa, que dea concertos, coma sempre se fixo antes de existir os malditos royalties. Ademais estamos vendo como a xente non paga 15 euros por un disco pero si 30 por un concerto. O negocio está ai, evidentemente.
Fanny+Alexander, Homens, Mourente, Leo, Apenino, Ataque Escampe, 6pm, Niño y Pistola, novas cousas de TAB e moitos outros discos novos: ¿Significarán estes ultimos meses de 2007 a madurez da música galega?
Si, levamos dende 2006 anunciando o do mellor momento que se recorda da música galega. Agora chegaba o auténtico exame, o da continuidade, o dos segundos discos. Eu creo que o nivel se está a manter e aínda por riba non paran de sair propostas novas. Este final de 2007 promete ser o da confirmación.
¿Vaise poder escoitar a Fanny+Alexander en directo máis veces? Mira que a Mourente xa non hai quen o baixe dos escenarios...
Si, seguro que si. Temos ademáis unha vantaxe importante pola natureza da nosa música, que podemos adaptar o noso formato e as propias cancións á situación, tanto podemos dar un concerto case acústico en plan intimista e con ar experimental e co público sentado como podemos poñer a todos a bailar cun formato 100% festa rachada.
Links relacionados:
http://www.myspace.com/fannyealexander
http://www.aregueifa.net/fannyalexander.htm
www.sono-tone.net |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|