Pandereiteir@s e festeir@s da beira atlántica da Galiza |
|
|
|

|
Malmequer |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Gaita galega: tradición e evolución (e II) |
|
Do noso punto de vista, non parece rexistrarse inconveniente ningún para que coa gaita galega se interprete calquera tipo de estilo, repertorio ou subxenéro musical
Ao desenvolver hai unhas semanas algúns aspectos referidos ao complexo gradatum 'tradición-evolución' para a gaita galega, ficaron polo camiño outros recorrentes temas que teñen o tipo de repertorio e a ornamentación como albo de conversas. A cuestión asenta, en primeiro lugar, en que tipos de xéneros musicais e que modelos rítmico-melódicos resultan ser os máis acaído. É unha pregunta que xa vén de antigo, pois só temos de lembrar as noticias que aparecen nos medios de comunicación escritos en finais do século XIX e no primeiro cuartel do seguinte cando se sinalaba que tal ou cal gaiteiro interpretaba xéneros alleos ou que adicionaba chaves ao punteiro para así conseguir máis posibilidades na escala: é o caso Xoán Míguez, o famoso gaiteiro de Ventosela, como ben nos lembra Calle García na súa obra Ricardo Portela. Dúas palabras verbo da gaita galega. E temos de convir que, mesmo a día de hoxe, se trata dun debate sen concluír que non coñece unha resposta satisfactoriamente unánime: hai intérpretes que afirman que a gaita só debe ser usada para tocar música tradicional galega e hai persoas que a utilizan para outros estilos musicais notoriamente diferentes, ao paso que existen gaiteiros e gaiteiras que no seu repertorio inclúen ocasional ou habitualmente melodías doutras tradicións musicais xeográfica ou estruturalmente próximas (balcánica, bretoa, escocesa, irlandesa, occitánica etc.), aínda que as máis das melodías que tocan sexan de orixe tradicional ou inspiradas nesta proveniencia.
E en segundo lugar, a outra cerna habitual de reflexión con opinións diversas (ás veces inclusive encontradas) ten as técnicas de ornamentación como pregunta inicial, isto é, ora reivindicando os recursos tidos por máis enxebres e puros, ora a defender a incorporación de sistemas de marcaxe, de repetición de notas e de acentuacións propios doutros tipos de gaita ou até doutros instrumentos. Como acontecía no caso anterior, a variedade argumentativa vira poliédrica: sen renunciar en ningún momento ao que se entende por máis xenuíno, e con moitos matices intermediarios, un notábel grupo de intérpretes reinvidica a adaptación ou incorporación de técnicas doutras cornamusas, dado que, ao contario do que se verifica para outras gaitas, a nosa posúe unha grande versatilidade ornamental que posibilita o emprego de adornos propios doutros instrumentos de fol; outrosí, tamén existe un importante conxunto de persoas que afirma que, aínda que cada zona ou gaiteiro posuía un estilo característico, en xeral a técnica da gaita galega está ben definida, e que, por todo isto, non precisa de incorporar recursos alleos; hai tamén algúns músicos e músicas que, na súa xusta ansia de recobraren técnicas doutras épocas, e na súa lexítima vontade de interpretaren do modo que lles esteticamente resultar máis interesante, parecen decantarse por sistemas propios das gaitas máis afíns: hai algún tempo, nunha edición do famoso "Concurso Constantino Bellón", un coñecido gaiteiro e compositor, finalista no certame, queixábase de que a el lle criticaban que tocase utilizando certa sorte de duplos picados tradicionalmente pouco ou nada empregados entre nós, mais tamén se asombraba de que a persoa que gañou ese ano imitase propositadamente a sonoridade doutras cornamusas existentes no Estado español e que os membros do xuri non tivesen iso en conta, antes ben o contrario.
Do noso punto de vista, non parece rexistrarse inconveniente ningún para que coa gaita galega se interprete calquera tipo de estilo, repertorio ou subxenéro musical. Fica claro que, individualmente, pódese sentir relativa preferencia por determinados modelos rítmico-melódicos, mais negarmos ao noso instrumento nacional a posibilidade de interpretar música clásica (un tipo de repertorio verdadeiramente extraordinario para se incorporar á gaita), country, blues ou mesmo pezas doutras culturas musicais nacionais presupón, de entrada, minguármoslle vías de expresión artística que nin todas as cornamusas existentes no mundo son quen de as desenvolveren. Concordo co que quizais estará a pensar alguén do público lector: a gaita é un instrumento milenario cunha forte carga simbólica na cultura da Galiza e xa posúe un extenso repertorio de seu. A este, obviamente, non pode nin ten nunca de renunciar, pois fai parte do seu percurso evolutivo ao longo de varios séculos, mais tamén non se lle deberían limitar as súas grandes posibilidades melódicas. Non damos imaxinado unha alborada cuxos protagonistas, os membros dun cuarteto ou quinteto, escollesen as cancións de Ray Charles para deleitaren o respectábel en vez das composicións propias dese contexto músico-festivo. Mais tamén non conseguimos pensar nunha gaiteira ou nun gaitero que, nun concerto, acoute a súa capacidade de seleccionar de cando en vez, poñamos por caso, unha aria de Bach, unha tarantela italiana ou un estándar do jazz para así o transmitir ao público asistente.
Isto harmoniza, en certo sentido, coas sensibilidades de diferentes países con tradición gaitística: unha grande parte dos seus instrumentistas ten optado xa, sempre na medida das posibilidades que ofrece cada cornamusa, por non interpretar exclusivamente repertorio considerado típico. Así é que, por exemplo, a música galega se grava e ouve en países en que, até hai ben pouco tempo, posuían un particular descoñecemento ao respecto, de modo similar a como, conforme se sinalaba no artigo anterior, tamén técnicas e recursos propios de aquí se utilizan por parte de formacións desas terras: repárese, a este propósito, en grupos ou solistas de sona internacional como Dulce Pontes, Fred Morrison, Gordon Duncan, Gwerz, Lúnasa, Kevrenn Brest, Patrick Molard, Paul Winter, Solas, The Battlefield Band, The Chieftains, The Tannahill Weavers etc., os cales introduciron melodías galegas contemporáneas ou tradicionais nos seus discos e concertos.
Talvez o que haxa que pór en relevo no repertorio e nas técnicas de execución é que non se deben sobordar certas fronteiras, aínda, tamén neste caso, a gaita, entanto instrumento musical con múltiplas formas espalladas polo mundo, antes obedece aos gostos musicais e á sensibilidade de quen a tanxir que a un escrupuloso respecto polas ansias de quen sinalar o que pode ser o máis acaído e o menos adecuado. Entre eses limites que, como se dixo, nunca deberían ser sobrepasados, estaría, nun extremo, a prexudicial e confusa concepción da gaita que se proxecta por parte da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, cun ordinario e custoso plaxio (pagado con fondos públicos da cidadanía galega) do que se fai noutros países de tradición gaiteiril, nomeadamente coa Piobh-Mhòr das Terras Altas da Escocia. No outro pólo situaríanse as conceptualizacións da gaita galega que preferencialmente reivindican acompañamentos de bombo con pratos e caixa metálica, escalas con graos sen definir (normalmente sexto, sétimo e terceiro) e repertorio e recursos interpretativos máis propio de charangas cervexeiras de verán que de cuartetos ou solistas clásicos. Honestamente, non sinto predilección por ningunha destas dúas liñas e admiro, en troca, todas aquelas formacións contemporáneas que sine ira et cum studio proporciona(ro)n ao instrumento nacional da Galiza doses de brillantismo interpretativo e de características frásicas e melódicas nunca antes imaxinadas.
Concluíndo e a enlazarmos coa primeira parte do artigo, dáse na realidade unha relativa coincidencia co que acontece coa lingua e con outros sinais identitarios: hai xentes que xulgan que o galego non serve para grande cousa; por iso tencionan exprimirse en idiomas doutros territorios, aínda que o resultado conseguido nin sempre sexa o desexado. Na gaita, paralelamente, abandónase o propio e abrázase o alleo, adoito proveniente das rexións setentrionais da Escocia, co cal emerxe unha situación maiúscula de tolemia, pois o produto sintetiza unha simbiose bárbara entre dúas variantes do mesmo instrumento que na práctica non responde a ningunha delas.
E, por outra parte, hai individuos que achan que a nosa lingua só rende utilidade a un limitado abano de funcións, normalmente aquelas vinculadas ao mundo rural, aos ámbitos folclóricos e ás louvanzas culinarias, de forma que non resulta proveitosa na cidade ou nas pesquisas científicas. No mundo da gaita, en paralelo, tamén hai xente que opina que a súa tan procurada autenticidade está na renuncia á extraordinaria evolución dos últimos anos e nesa asunción do instrumento asociada a ambientes moito concretos de notábel índole rural e popularizante, de certo tan dignos como outros, mais totalmente insuficientes para unha cornamusa tan capaz melódica e harmonicamente como a gaita galega construída nos nosos días
www.terraetempo.com |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|