Ugia Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade despiden esta noite o trío Nordestin@s
Ata aquí. Polo menos, ata aquí. Cinco anos durou a aventura. Cinco anos, ducias de concertos e un disco que vendeu máis do que esperaban no Nadal de 2006. Esta noite péchase o círculo de Nordestin@s. Ugia Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade clausuran o proxecto co que se achegaron ao mar, "ao medo e ao amor polo mar", o seu mar, exactamente como o iniciaron: en decembro e cun concerto no Teatro Principal de Santiago. Volverán interpretar as cancións daquel debut e engadirán catro ou cinco pezas que compuxeron ao longo de todo este tempo. "Pode pasar calquera cousa", avisa Pedreira. "En Nordestin@s nunca ensaiamos moito. O azar sempre navega polo escenario. Improvisar é como tirarse por un cantil".
Pasa a miúdo. Ugia Pedreira é de Foz e Guadi Galego de Cedeira, pero foi en Lalín, terra dentro, onde constataron que tiñan un mar común: o norte. "Traballabamos xuntas en aCentral Folque", recorda Galego camiño dun concerto en Arzúa. "Démonos conta de que compartiamos moitas cancións, con variantes de cada zona, e apetecíanos compartir todo iso cun pianista. Pensamos en Abe Rábade, aínda que eu estaba convencida de que nos ía a dicir que non. Nós procediamos da música popular e el traballaba nun discurso moi diferente, o do jazz, máis conceptual e complexo. Quizá foi iso o que se lle fixo atractivo". E dixo que si.
"Para Guadi e para min foi como un regreso a casa", explica Ugia Pedreira. "Era unha homenaxe á familia e á xente das terras altas do norte. Unha vez que reunimos as composicións, tomamos a gran decisión de Nordestin@s: invitar a ese señor do jazz galego que é Abe Rábade". O disco gravouse nun directo no Teatro Principal e o desaparecido selo Falcatruada púxoo nas tendas. Nordestin@s chegou a estar entre os traballos máis vendidos no mercado peninsular aqueles Nadais. Entre Lendas do mar e Se ti queres mesturaban composicións propias coa memoria musical común das dúas vocalistas. A innovación sempre é relativa. "A xente non queda co que soa a novo, senón co que soa a verdade", di Galego.
"Persoalmente, eu non tiña máis expectativa que a de facer un disco bonito e achegar outro gran de area á música popular galega, pero creo que serviu para abrir os ollos ante a gran riqueza do noso patrimonio marítimo", argumenta Pedreira. "Hoxe non se se venderiamos tantos discos, o mercado cambiou moito. Nordestin@s funciona porque che fai chorar: serve para limpar moitas almas. Hai un compoñente de paixón moi importante, un ingrediente que eu identifico co xeito de cantar dos pescadores do norte, de cantar e de vivir, mirándoche aos ollos".
Non se rompeu nada no trío, pero ata aquí. "Por coherencia", di Guadi Galego, que abandonou Berrogüetto no ecuador deste proxecto. "Porque para continuar habería que ter algo que dicir e non é o caso. foi unha experiencia persoal riquísima, non gardo ningún mal recordo, pero era un proxecto temático. É mellor deixalo agora". Cinco anos son moitos anos para un disco. "Tocaba", terza Pedreira. "Os grupos teñen un principio e un final, como as relacións de amor. É natural, e ademais hai vida logo da morte. Todos temos outros proxectos. Se cadra volvemos atoparnos os tres aos sesenta, quen sabe". Sen dramas.
A directora da escola de música popular aCentral Folque regresa estes días de Moulin du Roc, en Francia, onde estivo colaborando co saxofonista David Murray e a súa banda. Con Marful, o proxecto que comparte con Marcos Teira, Pedro Pascual e Pablo Pascual, editou Manual de sedución, e co brasileiro Fred Martins publicou este ano Acrobata. Guadi Galego debutou en solitario fai dous anos con Benzón e tampouco para. Vai de concerto en concerto con axuda do GPS. "Vivo a música de xeito moi feliz, sen dramatismo. Déixome levar. Se cadra nuns meses estamos falando dun disco, pero agora mesmo todo está no aire".
Son tempos salvaxes, tamén na música. "Non estamos peor que os fontaneiros", apúrase a aclarar Ugia Pedreira. "Como di un amigo, pode haber pouco pan para todos, pero se o repartimos ben e con cancións, saberá mellor. Os artistas podemos mellorar a vida da xente. Por fin, poderemos converternos de novo en trobadores. Fartámonos de explotar os recursos da terra e estamos a piques de chegar ao límite. Tócanos ser humildes".