|
|
|
rompe un río dende o máis fondo. Eva Veiga |
|
rompe un río dende o máis fondo da casa
e ti es para sempre a luz serena da tarde
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
vai moito frío. Eva Veiga |
|
vai moito frío
nas cámaras interiores
fragmentos lúcidos
aspas de silencio
a dor é xa unha árbore
no primeiro nadal sen ti
xogamos nunha rolda
no canto da raia
corre corre que te pillo
a túa roupa abatida no abafo do armario
cadaquén tece na súa alma unha arañeira
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Vermes e raíces diminutas. Eva Veiga |
|
VERMES e raíces diminutas
transitan a terra escura e lenta.
Vermello é o son
das follas que caen do castiro.
O paxaro ten os ollos
fixos nun punto do infinito.
Non arelas nada.
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
A noite era verde. Eva Veiga |
|
A noite era verde
e somnámbula:
nin un río, nin o mar;
tal vez, unha fonte
que alumeaba o íntimo
-a casa- de ámbar.
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
A noite atravesada pola frecha azul. Eva Veiga |
|
A noite atravesada pola frecha azul do teixo
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Veas de aleivoso silencio. Eva Veiga |
|
Veas de aleivoso silencio abrazando as árbores
que espaventadas buscan aínda o sol.
O camiño de sempre a se perder no lonxe,
area dun impasible e secreto reloxo.
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
EUME. Eva Veiga |
|
EUME
O escorrer sen fin da sombra
e o riso imperturbable da pena.
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
NAI. Eva Veiga |
|
NAI
CANDO veña o tempo de derrubar
as estatuas nosas
pola súa man noutrora ergueitas,
cando os nosos actos
e tamén os desleixos
voen como follas desprendidas
no aire indolente e incomprensible,
cando os nosos átomos e mesmo
os xenes que compartimos
se esquezan xa noutras existencias
da vida e da forma sucesiva que nos deron,
entón, alén do sol e deste inverno
que me anega,
a luz túa sempre acesa
e desa luz a miña sede
avivarán o amor universal
que adoito refai tan alta casa.
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
E o sol pousou no río. Eva Veiga |
|
E o sol pousou no río
A noite
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Levo debaixo das unllas. Eva Veiga |
|
Levo debaixo das unllas a proba fatal e inequívoca
da miña orixe: a terra amortizada co sangue nobre
dos homes e das mulleres da miña estirpe,
a liña ascendente que foi soltándome
do colar e das gadoupas dos Señores
que aínda agora no seu fondo seguen
a poñerlle prezo de embargo á nosa liberdade
Eva Veiga, 2006, Desconcerto, A Coruña: Biblos
|
|
|
|
|
|
|