|
|
|
Exposta aos temporais. Pilar Pallarés |
|
EXPOSTA aos temporais,
cercada polo vento,
circundada de ausencias.
A chaminé da estufa explora firmamentos,
engaiola as estrelas,
e unha lúa raquítica dorme sobre os guindastres
de ollos entreabertos.
Eu gardo o teu djembé
e, en caixas diminutas,
materiais co adn dunha pedra preciosa,
dun navío sonámbulo
que me manda S.O.S. nunha lingua enigmática,
dun leopardo errático
que repite unha sura cincuenta e tantas veces
por conxurar o diabo:
?anxo da señardade, anxo escuro do medo,
non fagas casa en min, non me abata a túa sombra?
Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Pero ti. Pilar Pallarés |
|
PERO ti, vaidosa, soñabas co silencio expectante de abril
tronzado co teu berro como un talo de hortensia.
Salutación da terra. As pombas son ourives,
lúen ancos de sombra, acarrexan espigas,
poñen o ramo á casa.
Raíña cativa e megalómana, o paso vacilante, o dedo firme
a decretar que o ceu nunca tolda,
que o mundo é afirmación: un longo urro
de gata apareándose, a pavana perfeita.
(Hai aves que non nacen, choivas que non escampan,
a morte do teu pai ceifando maios).
Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Hai estratos distintos de vacío. Pilar Pallarés |
|
HAI estratos distintos de vacío.
Un medra indiferente
alimentado da miña indiferenza,
o meu rosto de pálpebras fechadas,
o visgo lento das horas, a súa orde
que simula (non mantén)
a vida.
Dentro dos ollos pode haber rúas con sol,
unha avenida con árbores que conto
para chegar á casa, un longo corredor
con lóstregos nas costas
e a confusión de bocas e de tactos
nun cuarto que foi branco
e crepita coas voces da mañá
en tanto se enche de sombras e borralla
e fica para sempre nas paredes
a silueta dun home, un can, unha muller,
e nas estantes un animal sen pel
desvalido e voraz como o meu medo.
Non quero abrir as portas,
non quero ouvilo arfar tras os espellos,
meu amor sen caricias e sen bocas
asfixiando nas pálpebras fechadas
no seu vacío sen tempo
(o tempo é un espellismo)
en carne viva.
Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Son de novo eu voltando. Pilar Pallarés |
|
SON de novo eu voltando, despiadada,
femme Lazare aínda,
aterecida boca que reclama alimento
de fóra.
Deberíate odiar porque xa non me abonda co meu sámago?
Es ti ao fin que volta, a miña carencia,
o meu brazo amputado que xa manca.
Tes outro rosto, é certo, e mudaron as formas do teu corpo.
É tan meu que a duras penas nel me recoñezo
eu ?senlleira e poderosa,
morta, dona de min.
Deberías saber que non che podo dar o que precisas.
Non creas no meu sorriso, porque non teño poutas,
nen dentes,
nen unha lingua ávida que se sacie de vida.
Talvez son branca e tépeda aos teus ollos,
mais fun eu quen ceifou as flores do xardín
-a prisioneira-
quen cegou os mananciais e se tapiou
nunha cámara espida.
Pedes que sexa fonte
-e son a sede.
Pilar Pallarés, 2011, Leopardo son, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Eva Veiga no Breamo |
|
 
 
Grazas, Eva, pola túa xenerosidade. Foi un pracer enorme escoitarte falándonos de poesía no Breamo, achegármonos á emoción das túas palabras e compartirmos contigo este reencontro co teu instituto. Desexámosche moita felicidade no teu camiño nas palabras de Clarice Lispector que ti nos descubriches:
Sonhe com aquilo que você quiser. Seja o que você quer ser, porque você possui apenas uma vida e nela só se tem uma chance de fazer aquilo que se quer. Tenha felicidade bastante para fazê-la doce. Dificuldades para fa zê-la forte. Tristeza para fazê-la humana. E esperança suficiente para fazê-la feliz.
|
|
|
|
tiven un soño. Eva Veiga |
|
tiven un soño
no que aparecías
a penas un instante
e abondaba
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
A túa presenza. Eva Veiga |
|
A túa presenza
Agora sagrada
Como a folla que cae
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Cada cousa aparece e disípase. Eva Veiga |
|
CADA cousa aparece e disípase.
Todo semella pasar cara a un lonxe.
Agás o tempo.
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Que sabe o corazón. Eva Veiga |
|
QUE sabe o corazón
do que lle sobrevive?
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
Levantar as pálpebras do corazón. Eva Veiga |
|
LEVANTAR as pálpebras do corazón
Coma quen esfolla no aire
A súa espiga de luz
Sentir na carne viva
A intemperie do mundo
E pronunciarse das bágoas
Suavemente dende a dor
Até o rostro invisible
Eva Veiga, 2010, A frecha azul do teixo, A Coruña: Espiral Maior
|
|
|
|
|
|
|