Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Ferrín: a prolongación da Xeración Nós
Antón Reixa
Artigo de Antón Reixa
publicado en Xornal.com (06/02/2010)

Castelao e Otero Pedrayo votarían con orgullo e convición a candidatura de Ferrín á presidencia da RAG. Estarían votando por si mesmos. Xa o teño escrito e insisto: Ferrín vén ser o último membro da Xeración Nós. É Nós despois de Nós. Representa os mesmos valores ca eles: a intelixencia, a paixón e a modernidade ao servizo de Galicia. Os de Nós respondían ao concepto clásico de ?sabios?. Curiosidade e sabedoría enciclopédicas, esforzo e afán de transformación. Ferrín é todo iso en máximo grao. Unha curiosidade sen límites e unha fame constante de coñecemento. Unha conversa con Ferrín pode decorrer polos vieiros da toponimia, o rock and roll, Foucellas, a entomoloxía ?a súa literatura está inzada de insectos?, a historia, a poesía ou o motor de explosión.

Ferrín é un coleccionista e transmisor constante de saberes co código da intelixencia emocional e da paixón. Foi o meu profesor de literatura e segue sendo o profesor da literatura da miña vida. Lembro unha das súas mellores clases en COU: o relato detallado dun paseo por unha Compostela nevada con Otero Pedrayo, o seu profesor universitario.

Lembro como me sinalou o correlato do Doutor Kleines da súa novela Arrabaldo do norte no seu escenario ficcionado, a taberna O 42 na rúa do Franco. Lembro a épica coa que nos relatou as mobilizacións obreiras de 1972 en Vigo e Ferrol, épica homologable a como nos fascinou pola obra de Cunqueiro. Impregnounos do vademecum da modernidade literaria: Rimbaud, a poesía radical de Rosalía, o vangardismo de Manoel Antonio, a entropía intelixente de Joyce, o metaforismo terribe de Kafka, o obxectivismo de Robbe Grillet.

Pero Ferrín é, sobre todo, boa xente porque patrimonializa o maior sentido da humildade. A súa biografía completa é a impugnación permanente do politicamente correcto e do previsible. Foi, no seu momento, o catedrático máis novo de España e cando todo conducía a que Ramón Piñeiro o investise da condición do seu herdeiro intelectual e político, optou por ser marxista e clandestino.

Desafiou escrupulosamente o mito de ter sido na liturxia do galeguismo sensato o mellor poeta, o mellor novelista ou o mellor filólogo. Porén, con ese disimulo da humildade xenial, revolucionou a poesía con seu Con pólvora e magnolias, consolidou o cosmopolitismo da prosa narrativa moderna e deulle a volta á crítica lieraria galega co seu De Pondal a Novoneyra. O seu compromiso intelectual resiste calquera tentación cortesana: rexeitou un premio literario na época da Xunta de AP, pero acolleu con gran sentido común o Premio Nacional de Literatura que lle entregou o bipartito.

Nas opcións militantes de Ferrín hai que entender, máis ca súa propia configuración, a autenticidade e a ética-estética de fuxir do acomodaticio, esa rebeldía constante desde a súa mocidade. A súa chegada á Academia é unha das poucas boas noticias para Galicia nos últimos meses. Restaura un espazo de tolerancia e sinceridade que é común á nosa idiosincrasia. A cuestión non é se Ferrín vai actuar desde a RAG con criterio institucional.

Os que vimos da soidade extraparlamentaria entendemos ben o valor das institución e o pragmatismo que requiren. As impecables declaracións de Ferrín nestes días asi o ratifican. A cuestión principal que se plantea é se a actuación da Xunta do PP é efectivamente institucional e digna coas súas previsións lexislativas para o galego ou se é institucional a falta de axudas regularizadas á Academia, que é a nosa autoridade lingüística. Xa o dixen aquí: ?Viva Ferrín!?.


Fonte: Xornal.com (06/02/2010)


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-02-2010 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0