Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Os once Premios Nacionais galegos piden a dimisión do conselleiro de Cultura polas súas palabras de desprezo á literatura galega
Once autores galegos, con obras escritas en lingua galega, recibiron nos últimos vinte e cinco anos o Premio Nacional de Literatura que concede o Ministerio de Cultura. Uns como narradores ou autores de textos teatrais, outros como ensaístas ou tradutores. Cada un dende as súas coordenadas estéticas e políticas, cada un a lombos de cadansúa xeración. Ao longo deste tempo, os premiados nunca se presentaron publicamente todos xuntos. De feito, até que asinaron a carta que se fixo pública esta mañá, só tiñan en común unha liña no currículo. Agora comparten tamén unha reivindicación unánime: piden a ?dimisión? do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, pola súa ?falta de consideración? e o seu ?escaso coñecemento? da cultura que se fai en Galicia.

A paciencia ten un límite, e a dos asinantes desta carta caducou o pasado luns. Nun encontro con empresarios, creadores, autoridades e medios de comunicación na Coruña, Roberto Varela confesou que a cultura galega lle parece, ademais dun termo ?espiñento?, unha cousa ?ensimesmada e acomplexada?. As palabras, pouco diplomáticas para vir dun profesional das relacións institucionais, espalláronse decontado a través da rede. Aí apareceron os primeiros indicios do malestar, non só entre os autores que agora promoven esta iniciativa.

Os asinantes da carta son calquera cousa menos descoñecidos. Son Manuel Rivas, Suso de Toro, Alfredo Conde, Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo, Xusto Beramendi, Paco Martín, Antón Santamarina, Fina Casalderrey, Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal.

Aa carta, que se difundiu esta mañá, esixe a ?dimisión? ou o ?cesamento inmediato? de Varela, a quen non consideran acaído para o cargo polo seu desprezo sistemático cara á cultura galega e os seus creadores. Os promotores amósanse tan sorprendidos como ofendidos polas declaracións do conselleiro, que teñen por despectivas e insultantes, e avogan por que abandone o Goberno da Xunta e se recupere a ?cordura?.

?Non se trata de explicarlle ao conselleiro de Cultura o que é obvio, senón de recordarlle que dicir certas cousas non é de balde?, explica o escritor Suso de Toro, Premio Nacional de Narrativa en 2003 con Trece badaladas. ?Cualificar como acomplexada e ensimesmada a cultura é tan grave como se o titular de Medio Rural dixese que hai que deixar de producir viño en Galicia porque é cativo e non serve, e que hai que importalo de fóra. Non se pode deixar pasar algo así?.

UN PREMIO NADA ?ENSIMESMADO?

?Non sabemos se nos doe ou nos fai rir?, engade o vilalbés Agustín Fernández Paz, merecedor do Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado coa singularísima O único que queda é o amor. O autor, para quen este pronunciamento é ?moi significativo? precisamente por vir avalado por escritores que gañaron un premio ?tan pouco ensimesmado? como é o Nacional de Literatura, recorda que as ?faltas de respecto? de Varela non son novas, senón que empezaron xa nas primeiras semanas do seu mandato.

Hai entrevistas, efectivamente, que perseguen a Varela dende que tomou posesión, hai case dez meses. Mil veces intentou explicar que fora un malentendido, que non quixera dicir tal cousa, pero tanto a oposición como calquera que busque unha coartada para ilustrar a súa disconformidade coa xestión do conselleiro rescata aquilo de que ?a cultura galega está ben, pero limita?. Por iso os cualificativos ?acomplexada? e ?ensimesmada? que lle dedicou á cultura galega, nun coloquio no que tamén dixo que ?a meirande parte dos libros que se editan en Galicia os compra a Xunta?, molestaron especialmente en certos sectores das industrias culturais.

A carta chega agora porque os asinantes están ?fartos?, por dicilo con Xabier P. DoCampo, Premio Nacional en 1995 por Cando petan na porta pola noite, pero coincide cun momento delicado para Roberto Varela. O conselleiro de Cultura está a recibir tantas críticas dende a oposición como dende o Partido Popular polo ?escaso? protagonismo que lle concedeu á cidade de Santiago na promoción do Xacobeo. Esta semana mesmo se chegou a especular sobre a súa posíbel dimisión, rotundamente descartada tanto polo seu gabinete como pola Presidencia da Xunta.


Fonte: Xornal.com (25/01/2010)


Comentarios (0) - Categoría: 074. Novelistas actuais - Publicado o 08-02-2010 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0