Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

A brétema. Noriega Varela


A BRÉTEMA

Pra miña filla Cándida.


A brétema, ¿tu sabes?, é ceguiña:
os piñeirales pouco a pouco explora,
e anda sempre descalza, e si se espiña,
sangrar, non sangra; pero chorar, chora...

Chora copiosamente a pobresiña,
como chorou Jesús, cal chora a aurora;
e en maus do sol é cada lagrimiña
derramada, unha estrela brilladora...

Lagrimiñas preciosas, recollelas
mil veces se me ocurre, pra con elas
facer... (si xa non soño, ¿que eu faría?)

¿Unha sarta me pides? Lograreina,
como un rei a quixera pra unha reina,
como nunca se veu na xoiería.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 11-07-2011 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
Laberquiña. Noriega Varela


LABERQUIÑA...

Laberquiña, que te axotas
das degaradas gueivotas
oíndo o salvaxe berro,
musa, que a mariña extrañas,
olla as azules montañas
desde as plaias do desterro.

Esquence o mar, lembra o gado
miúdo, e o regalado
vivir, as tumbadas festas,
e as cantigas dos pastores,
que fan grinaldas coas frores
amareliñas das xestas.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 11-07-2011 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
O Mariscal. Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte
Cartel do Centro Dramático Galego en 1994

O MARISCAL. OBRA TEATRAL DE RAMÓN CABANILLAS E ANTÓN VILAR PONTE:

Cabanillas escribiu en 1926 a traxedia de temática histórica O Mariscal en colaboración con Antón Vilar Ponte.

A peza O Mariscal foi representada polo Centro Dramático Galego en 1994 dirixida por Marcelino de Santiago "Kukas". Eis un fragmento da representación:



O exemplar da obra impresa, corrixido a man por Cabanillas:



A FIGURA HISTÓRICA DO MARISCAL PARDO DE CELA:

"Ascenso e caída do mariscal Pardo de Cela" por Carlos Barro (Universidade de Santiago de Compostela)

"O Mariscal Pardo de Cela", artigo publicado en Setestrelo, Revista de difusión cultural dos alumnos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, que sintetiza a información do artigo de Carlos Barro e ilústrao con imaxes dos personaxes históricos referidos.

A figura de Pardo de Cela en Historias de Galicia (TVG):



Fragmendo do documental O Mariscal. Lenda, mito e realidade (Damián Varela, 2006):



Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 08-04-2010 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
A espada Escalibor (fragmento). Ramón Cabanillas
Excalibur
Merlín ofrece a espada Excalibur
-procedente da galega illa de Sálvora-
para ser coroado rei quen a dea erguido.


Nun nimbo luminoso xorde o bardo adiviño
envolveito en brancuras recendentes de liño,
ollos gazos, profundos, longa barba florida,
cingue a fronte coas hedras da coroa druída
e na man, que reloce como un lirio bendito,
ten a fouce de ouro do litúrxico rito;
a fouce segadora da mandrágora, ao raio
de feitizo e de agoiro dos luares de maio.

É Merlín o profeta, o celta armoricán,
dos silfos e das umias ollado por irmán,
sabedor dos encantos e os máxicos conxuros,
das virtudes das herbas e dos fados escuros,

que nos claros dos bosques e os baixíos costeiros
aprendeu a divina linguaxe dos luceiros;
o bardo das idades, o da secreta ciencia
que a terra fixo súa, impóndolle obediencia
ás augas da riada, aos rochedos do cume,
ás nubes da tormenta, á ardentía do lume.

Impoñente, amosando nativa maxestade,
na mirada un sereno claror de eternidade,
ten os pés -cruz de ouro, folla núa afiada-
sobre o manto da neve unha fúlxida espada.
Aceiro puro e virxe das entrañas da terra,
cos lumes siderais das estrelas en guerra
nas fragas treboantes dos lóstregos forxado,
que no dolmen batido e no Xordán templado,
foille dado a unha raza de homes sans e valentes,
cabeceira de pobos, guiadora de xentes,
para impór unha ciencia, sinalando o camiño
que por riba dos tempos leva ao triunfo diviño.

Ergueito como o pino que as altas nubes fende,
os brazos sarmentosos o bardo aos ceos tende,
e escóitase na noite solemne resoar
a súa voz bruante, sonora como o mar:

Baixo a dozura do ceo
da nobre Galicia irmá
onde pola nosa gloria
inda dourando o fogar
vive aceso o lume sagro
dos claros días do clan,
hai unha illa encantada
de rochedos coral,
esmeralda verdegaia
ao resplandor do luar,
bicada de manseliñas
augas de limpo cristal
na que as sereas ensaian
seu namorante cantar
mentres os pinos lanzales
escoitan voces leviás
que chegan esmorecidas
do misterio de alén-mar.

Nunha furna que galgantes
cerran as ondas do mar,
apreixada nas ferintes
poutas dunha aguia real,
gardada por un dragón
de alento que é solimán,
brillaba a fúlxida espada
Escalibor, o triunfal
aceiro da heroica idade
cantada por Osián,
que ten de ser sobre a Terra
ergueita en céltigas mans,
símbolo, florón e escudo
da Cruz, do Amor e da Paz.

Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida, 1926


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-12-2009 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
Sobredo. Ramón Cabanillas

SOBREDO

¡Galicia encadeada con ferros de Castela
por fillos treizaoeiros e por caciques-lobos,
no teu ceo azuado hai unha nova estrela!
¡ardente e sanguiñenta, agoira os tempos novos!

¡Irmáns¡ ¡Erguede o berro
de amor e santidade!
¡Galicia e libertade
do traballo e do Chan!

Son verbas de Dios mesmo
de Dios Todopotente.
¡Co suor da túa frente
gañaras o teu pan!

¡Nai galega que diche a sangue xenerosa
para calmar a sede rabioa da impiedade,
nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!
¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!

Son verbas de Dios mesmo,
de Dios Todopotente.
¡Coa suor da túa frente
gañaras o teu pan!

¡Irmáns! Erguede o berro
e o legón aferrade!
¡Galicia e Libertade
do Traballo e do Chan!



Ramón Cabanillas, Da terra asoballada, 1926


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-12-2009 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
¡En pé! Ramón Cabanillas



¡EN PÉ!

A Luís Porteiro

¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas?
¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
?¡A nosa terra é nosa!?


Ramón Cabanillas, Da terra asoballada, 1917


No blog Son de poetas pódese escoitar este poema cantado nunha versión de Cristina Fernández e noutra de Juan Pardo.


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-12-2009 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
¡Meu carriño! Ramón Cabanillas
Carro do país


¡MEU CARRIÑO!

Prá alma acesa de Antón Vilar Ponte.

¡Carriño forte e xeitoso
meu carriño,
arrolador e mimoso
como o berce dun meniño!

¡Meu carriño cantareiro!
¡O de xugo e cabezalla
coa puntiña da navalla
pulidos da miña man!
Sempre ó paso, sempre xuntos
entre estripos, e entre frores,
cantemos nosos amores,
sin saír do noso chan!

¡Meu amor de carreteiro!
¡Meu carriño!
¡O do eixo de ameneiro
e os canisos de sanguiño!

Lévame, meu carro, leva,
pola meiga terra nosa
que a miña alma saudosa
lonxe dela non se afái.
¡Lévame por onde escoite
a fala doce e sentida
entre bicos deprendida
no colo da miña nai!
¡Roda polos nosos eidos!
Anque hai lama no camiño
¡é tua terra , meu carriño,
e a terra de meus abós!
¡Non collas pra chan alleo!
¡Non me leves a Castela
que non quero nada dela
xa que arrenegóu de nós!

¡Vermello, leva coidado
co carriño,
que pode caír tumbado
no goio dun tremesiño!

Canta, meu carriño, canta
a redención esquencida,
o dor da Terra ferida
de traidores e ladróns.
¡A alma galega dorme,
a santa Ideia está morta
e tés de ir porta por porta
encendendo os corazóns!
Berra por vilas e aldeas,
que hai que vinga-la inxusticia
dos que teñen a Galicia
axugada cun cansil.
¡E dille ós irmáns que atopes
que nas mans dun home enteiro
o estadullo carreteiro
non lle ten medo ó fusil!


¡Marelo, tira con xeito
e a modiño,
que hai que andar moi ó dereito
co eixo do meu carriño!

Hoxe corredoira abaixo,
mañán corredoira arriba,
mentras ti dures e eu viva
teremos un camiñar.
E cando ti xa apodrezas
e eu dé o laio derradeiro,
¡que fagan do teu chedeiro
a caixa pra me enterrar!
¡O de eixo de ameneiro
e os canisos de sanguiño!
¡Meu amor de carreteiro!
¡Meu carriño cantareiro!
¡Meu carriño!


Ramón Cabanillas, Da terra asoballada, 1917


Léxico do carro galego:




Partes do carro.

O carro e o home, documental realizado en 1941 na aldea de Facós, no concello ourensán de Lobeira. (Duración: 12:28 minutos)


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-12-2009 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
Himno de Acción Gallega. Ramón Cabanillas
"ACCIÓN GALLEGA"

HINO

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó val.


Ramón Cabanillas, Vento mareiro, 1915


Versión do grupo de rock bravú Xenreira:




Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-12-2009 17:58
# Ligazón permanente a este artigo
Sementador. Ramón Cabanillas
Basilio Álvarez caricaturizado por Castelao


SEMENTADOR


¡Sementador! O trigo dos veirales

mostra as espigas mestas e douradas,

e as segadoras fouces, afiadas,

teñen tráxico brillo de puñales.



O teu verbo, estalante nos pinales,

troca, ó chegar ás chouzas das valgadas

os salaios das gorxas abafadas

en ruxidos guerreiros e trunfales.



A aldea erguéuse e-o craror da aurora

agardando a siñal, e non sosega

en axexo da loita vingadora.



¡Xa a lus do sol do mediodía cega,

sementador! ¡Sementador, xa é hora

de dar o berro e comenzar a sega!




Ramón Cabanillas, No desterro, 1913


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-12-2009 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Musa queiroguenta. Noriega Varela
Queirogas medrando sobre o penedo

MUSA QUEIROGUENTA

Pra arredala do seu huraño sino
debalde foi que se xuntase o medo
coa imponente mudez do ermo penedo,
coa queixa vaga do harmonioso pino.

A musa queiroguenta que me asiste
da rixidez dos montes está ó cabo,
e ama a flor mareliña, porque é triste,
e a presencia do toxo, porque é bravo...

¿Mellor que a lus phebea? ¡Ceio torvo!
¿Antes que o pintasilgo? ¡Negro corvo!
Entre seixos a auguiña que ela bebe,

son breñosos os cimbros donde inverna,
e é unha moza, descalza de pé e perna,
tripando cardos, encarando a neve.


Antonio Noriega Varela, Do ermo, 1920

NORIEGA VARELA, Antonio, 1982, Do ermo, Vigo: Galaxia


Comentarios (0) - Categoría: 043. Antre dous séculos - Publicado o 03-12-2009 16:15
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0