Tourettes é unha curtametraxe de Martín Fiallega. Interpretada nos papeis protagonistas por Isabel Risco e Marcos Correa, conta cunha peculiaridade interesante, o traballo de Produción foi realizado polo alumnado de Canle Catro, o ciclo de produción de Ourense, que traballou man con man con profesionais facendo un extraordinario traballo.
Agora se entramos en Flocos TV podemos ler "Esta web xa non está operativa" e iso é o que veredes en todos os enlaces que desde este blog se fixeron ás curtas baseadas en obras da nosa literatura que estaban aloxadas nesa web.
Aínda que xa está anotado nas Gabarras, repetímolo aquí: A que viña sendo a mellor xanela do audiovisual galego acaba de ser pechada.
A partir de agora non só non incorporará novas películas ao seu escaparate (había 300 pezas en cola agardando para ser subidas), senón que xa non poderá ensinar ningún dos fondos que podiamos visitar ata hai uns días, máis de 350 obras dispoñibles entre curtas, tráileres, making of, documentais, videocreacións e longametraxes.
E por se alguén pensa que os motivos do peche son económicos, que saiba que o custe de mantemento da web na rede era de 300 euros mensuais.
Claro que a mala noticia non é unha sorpresa para ninguén. Dende o comezo desta última lexislatura da Xunta este non é o primeiro proxecto comprometido co audiovisual galego que se bota por terra, así que a derruba de Flocos TV xa estaba tardando. De nada lle valeu a boa acollida do público nin o recoñecemento dos profesionais.
Quedará na nosa memoria a idea xenial e a brillante execución dunha web que abrigaba curtas e longrametraxes de todos os estilos feitas na nosa lingua, unha auténtica videoteca en liña gratuíta, á que se enlazaban centos de blogues, tamén este.
Como homenaxe a Flocos TV e co agradecemento aos que a puxeron en pé, incorporamos imaxes da entrega do Mestre Mateo 2008 á mellor obra interactiva, que foi recollido polos seus creadores, os integrantes da Navalla Suíza e a desaparecida Axencia Audiovisual Galega:
E se queres seguir a proposta de acción do blog da Profa, entra aquí e pregunta onde vai o noso cine e esixe o retorno do cine galego á túa pantalla, esixe a volta de Flocos.tv á rede!
Curtametraxe de Ricardo Llovo baseada nun relato homónimo de Manuel Rivas, publicado en 1999 nunha colección de relatos do autor que leva por título Ela, maldita alma.
Esta é a historia da primeira marea no Gran Sol de Suso. O rapaz embárcase coa intención de aforrar para unha auténtica guitarra Fender, e será testemuña do drama de Andino, un mariñeiro que leva con el a foto do seu amor, unha muller pola que está disposto a cambiar e abandonar o alcohol.