Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Liña do tempo da poesía de posguerra
Liña do tempo confeccionada no IES María Soliño de Cangas, que inclúe unha escolma de poemas recitados:




Fonte: Remexer na Lingua
Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 13-02-2011 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
Un capitán e o seu cabalo. Álvaro Cunqueiro
Deixárono nun outeiro ao pé dun ciprés
cercado de espadas iracundas.
-Non teñas medo, díxenlle,
que nin de parte bianca nin de parte nera son.
As rosas vólvense pra mirarme
porque canto imitando os ventos de abril.
Douche do meu o sangue que precises.
-Eu quero, respondeume, sangue partidario
soberbio e quente.
Dobregou sobre o peito a nobre cabeza
e morreu. No Inferno está, posto polo Alighieri.
Cando morría, preto del estaba o seu cabalo
pastando nun prado de grilos e abubelas.
Nin se decatou. Para sempre quedou solto
polos campos, e nunca se lembrou daquela espora
tan dura, que o apugaba nas horas de batallas.
Foi pai en Toscana e morreu de vello
cunha bocada de herba na boca,
entre a que ían dúas mapoulas.



Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou de acolá, 1980


Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 07-02-2011 09:52
# Ligazón permanente a este artigo
Quen entenderá este mar vello. María Mariño

"Quen entenderá este mar vello" / María Mariño / 4 from SonCine on Vimeo.



Son Cine. Audiovisual nas aulas do IES Porto do Son
Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 08-04-2010 22:24
# Ligazón permanente a este artigo
Díxenlle á rula. Álvaro Cunqueiro


Díxenlle á rula: Pase miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o río.
O meu anxo da garda, coas azas sob o brazo dereito,
na man esquerda a calabaciña de auga,
ollando a rula irse, comentóu:
-Calquera día sen decatarte do que fas
dices: Pase miña señora!
e é a alma túa a quen despides como un ave
nunha mañán de primavera
ou nun serán de outono.



Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou de acolá, 1980


Versión de Amancio Prada pertencente ao seu disco A dama e o cabaleiro:






Pintura de James Wiens


Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 08-02-2010 16:31
# Ligazón permanente a este artigo
Recoñecemento de Harold Godwinson. Álvaro Cunqueiro
Unha noite de cinza caíu sobor da terra,
as linternas andaban soias por entre os mortos
e nas feridas do máis ferido de todos
Edith Swanehals poñía a luz violeta dos seus ollos
por si aquel era Harold fillo de Godwin
que ela amara tanto.
E aquel mesmo era
a boca pola que saía un fío de sangue
pousada na boca terrea dunha toupeira.

Viña de lonxe o canto da mar. Edith sentóuse
a carón do morto
e cun fío branco que tiróu dos seus soñares
comezóu a tecer un pequeno pano
pra tapar os ollos do Rei.

Escoitábase a mar, e máilas follas secas do bosque
aremuiñando nos camiños entre os outeiros.
A derradeira caricia de Edith foi aquel calado tecer perto do morto, e cando saía a lúa
misturóu fíos azúes da luz da viaxeira cos seus
-as agullas iban e viñan en silencio
as mans movéndose coma quen anaina un neno
asegurándose de que aquel morto era Harold
o mirar violeta de Edith adentrábase máis e máis
nas escuras feridas,
recoñecendo o sangue do amante, e máila morte.
Así foi que Edith xa estaba cega
cando lle preguntaron quén
entre aquelas sesenta ducias de mortos
era Harold
-este, dixo sinalando, a tentas,
que facía cantar os reiseñores nas noites de verán
cando me bicaba e me decía
-Swanehals, Colo de Cisne, envelleceremos xuntos
pro tí máis lentamente.



Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou de acolá, 1980


Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 08-02-2010 16:31
# Ligazón permanente a este artigo
Eu son Edipo. Álvaro Cunqueiro
Non sabía que o fora
ate que non matei a meu pai
e deiteime con miña nai. Un home
marcado pra sempre por un sino fadal
como un poldro no curro co ferro, pra sempre.
Meu pai saíume a un tempo
polos catro camiños da encrucillada.
Miroume, -hai miradas como morcegos
que van e veñen, raudas. Cuspín na man da lanza
e veu decontra min. El mesmo
adentrouse no meu ferro. Estaba escrito.

Acertéille á Esfinxe o seu decir segredo
e caséi coa miña nai. Cando a deixaba preñe
lembrábase dun neno que tivera
e ao que lle quitaron cando aínda nóno vira sorrir.
Iban matalo no monte, ou dálo ás feras.
Aquela baluguiña de manteiga,
aquel peliño mouro, aquelas manciñas inquedas
era eu, regresado á nai como varón,
e á coroa de Tebas como asesino.

Eu son Edipo. Si mirades ben o caso,
un inocente. Agora vello e canso déitome
nas trebas, que me arroupan
como unha nai arroupa ao seu neno.



Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou de acolá, 1980


Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 08-02-2010 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
Eu son Paltiel. Álvaro Cunqueiro
Eu son Paltiel, fillo de Lais
a quen Micol lle foi dada por muller
o que cando David, de quen fora, lla recramóu
"foi chorando tras dela deica Bajurim",
II Samuel, 3, 14. As bágoas estaban sobre as letras
do Libro. Un anxo del Señor secounas co alento
e recolléu a sal que quedou en alef, en zaín,
en nun, en bet, en het e en tau.
Abner díxome: ¡Anda, vólvete!
Todas as camas en que durmo están frías,
toda mel que levo á boca acedóu,
penso que volve o resplandor daquela
branca carne, e é o día que nace.
Eu son Paltiel, un pobre home,
triste, soio coma un can á porta da casa.
Micol botábame auga á cara coas mans
cando a sacaba do pozo.
Non entendo por qué Yahvé quixo
que a miña historia quedase pra sempre
coas miñas bágoas de Bajurim, en II Samuel, 3, 14,
desesperadas.
E aínda para algún pasaréi por cornudo!



Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou de acolá, 1980


Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 08-02-2010 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
Cando ti volvas... Valentín Paz Andrade
NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte;
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare;
cando ti chegues polo mare...

Galiza, 1954


Valentín Paz-Andrade, Pranto matricial, 1955


Versión musicada polo dúo galaico-italiano 2naFronteira en 2012:




Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 08-02-2010 15:52
# Ligazón permanente a este artigo
Ao ver que non tiñas nome
El Cubo presenta esta canción a partir dos poemas "Ao ver que non tiñas nome" e "Era un airiño soave" para o proxecto da Biblioteca Municipal do Porriño Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blázquez.


Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 19-04-2009 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
Era un airiño soave
Kedro & Dj Kiko armaron esta versión do poema "Era un airiño soave" para o proxecto Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blázquez da Biblioteca Municipal do Porriño.


A Biblioteca do Porriño produciron Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blázquez "co ánimo de acadar para a literatura outra canle de difusión", porque "hai palabras libres encerradas nos libros que poden e deben ser liberadas para facelas vida".
Comentarios (0) - Categoría: 053. A Xeración do 36 en Galicia - Publicado o 19-04-2009 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0