Somos dun metal que se funde,
somos dun metal que nos funda,
(...)
Somos do metal central
do mundo
Alfredo Ferreiro
Vídeo de Maribel Úbeda sobre o libro de poemas de Alfredo Ferreiro. Ilustración e deseño de capa de Alberto Esperante López. Prólogo de Xosé María Álvarez Cáccamo. Editorial Espiral Maior. 2009.
"Camalibro" é un poema visual de Camilo Franco. Trátase dunha das instalacións da exposición "Palabras contadas" que o autor expuxo na Fundación Lúis Seoane da Coruña en xaneiro de 2007.
"... Ás veces unha voz de muller segue a subvertir papeis na poesía contemporánea, e consegue acadar centralidade para cantar á fatalidade e a tenrura do amor sen complexos. E ao tempo, inventar unha cidade, un can chamado Chespir, un amante cos ollos como Bowie, e a ela mesma e ás palabras. E mesmo un outro, o mesmo, para sempre, (como no disco de Lou Reed ), Berlín." (Mario Regueira)
O vídeo da egoísta é un videopoema de Yolanda Castaño elaborado a partir do poema "A Yolanda", pertencente ao poemario O libro da egoísta:
A Yolanda
Pero eu, filla das miñas fillas, hei desmantelar a golpe de deslumbramentos esta aciaga militancia dunha yolanda emigrante de min. Eu, a soberana estéril, a por desgracia egoísta. Debo tasar a dose exacta de memoria e esquezo. Así a miña visión da vereda é un rostro dende atrás. Todas as escuras raigames que se nacen en min. Non hai dirección que non me conteña, raza que non en min se comece e filas de díxitos extendendo para min os seus dedos ferais. O que interesa son os meus pasos. Coma un bosque de símbolos do que a miña ignorancia é significativa. Moito deixarse a pel pero eu non quixen aprender a chegar. Xardín exiguo, vento pechado de mans, infinita cuadrícula. Renuncio ó lugar do alento. Quero aprender a saír.
Hai tempo que un animal vive nutríndose do esquezo. Pero eu son a ventrílocua, eu, a tirana louca, a analfabeta. Co magnífico libro das venturas agochado na vulva. A que non comprendeu nada pero sentiuno todo. Son a ventrílocua, a que corre cantando polos corredores de chumbo, con voz de pizarra. E abortar foi unha obriga, unha necesidade fonda, un desafío. Para cando o pálido manto da miña memoria se vai cubrindo desta pel que eu serei. Que todas as noites con devoción escribo arrebatadoras cartas de amor e nas madrugadas panexíricos a esta yolanda mesquiña, que sabe venderse e coñece o final.
Son eu na cripta e o meu nome dentro debuxado de tiza. Habitacións concéntricas. Que a miña intelixencia non compre o meu sentido. O tacto, o privilexio, as ganas de tirarse. Nin a miña cabeza será escrava do meu orgullo. Yolanda a soldada, a comerciante. Porque eu son a que nin agarda. Son o auriga do ardente carro. A egoísta porque está soa. Que tanta calamidade me satisface, porque a miña beleza fundará dinastías. E entón será ir cunha minuciosidade de devota recolleitando eses minúsculos e ditosos pedaciños de espello roto que eu son. Yolanda farame un fogar paupérrimo entre os seus brazos de mundo e así aprenderei a inenarrable alegría de ter casa.
E entón virá ese postrímero advento e A VerbA farase carne. E eu direi: " Eu son a da única estirpe de Adnaloy, a que extenderá os seus dedos flamíxeros sobre o horizonte, a que baixará e despois se despoxará do seu manto e vestirá un saial, e logo reclinarase e dará de comer o seu corazón ás bestas".
Yolanda Castaño, O libro da egoísta, 2003
O vídeo foi gravado entre abril e maio do 2003 entre Ames, A Coruña, San Xusto e Corrubedo.
Guión e dirección: Yolanda Castaño
Imaxe: Suso Neira, Fernando Vázquez e Alberto Castaño
Música Orixinal: Alberto Castaño e Manuel Maneiro
Montaxe: José Luis Crespo
Postprodución vídeo: Infernos
Postprodución audio: grudgeSOUNDS corp.
Agradecementos: Mª Dolores Pereira, Alberto Barreiro, Elisa Novás, Manuel Fernández, Keith Jarret
Voz en off gravada en Smoke Tunnel Studio
Galardoado co 1º premio do apartado videocreación do Festival Curtocircuito 2004 . Santiago de Compostela