|
|
|
Camelias: Cindarella. María Reimóndez |
|

Camelias: Cindarella
A miña mirada divídese
Entre a noite da cabaza
E a cabaza do día a día.
Cindarella. Cinsenta.
O escaparate ten
unha harmonía perfecta.
Dun lado o traxe
que ás doce
se trocará
no da esquerda.
O traxe do rescate,
desa eterna espera
polo príncipe
agora anovado
en loiros, rubios e morenos
de publicidade.
Dúbidas filosóficas da miña infancia:
¿Por que as boas sempre son guapas?
¿Por que nunca mandou ás irmás toma-lo aire?
¿Por que as madrastas son todas malas?
¿Por que o feitizo só dura ata as doce?
¿Como é que o zapato só lle servía a ela?
¿Como se pode perder un zapato por unhas escaleiras?
¿Por que o príncipe só se fixa nela cando vai disfrazada?
E, a fin de contas,
¿quen quere un príncipe como recompensa?
O mellor foi o meu abraio
ó le-la versión dos Grimm
cos pés cortados e paxaros detectores de sangue,
¿e todo iso por un príncipe calquera?
¡Como nos pesa
a boa da Cinsenta,
centos de anos
enfocados cara á percura
do príncipe azul!
Tantas de nós atrapadas
e eu en loita coas miñas ganas
de utiliza-lo vestido de noite
para andar por casa
e deixar que o príncipe
faga terapia
da síndrome
de rescatador frustrado.
Uf,
custoume o meu traballo
e un vestido de veludo azul
de mil pesetas
xenial para limpar.
A el non sei cómo lle irá.
COLECCIÓN DE OUTONO INVERNO. AS RÚAS II
María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas
|
|
|
|
Centro comercial Camelias: Zara. María Reimóndez |
|

Centro comercial Camelias: Zara
E por último aquí está.
O modelo da industria
de mulleres
en cadea.
Un modelo de producción
sumamente rendible
para a economía do páis.
Mágoa que se axuste tan pouco
ó producto autóctono
de carnes tradicionalmente alimentadas
con botelos, touciños e lacón.
A revolución industrial.
As mulleres de talle 36
embutidas no que antes
utilizariamos
para facer uns bos chourizos.
Todas iguais.
Unha por unha.
Unha producción ilimitada
nun mercado mutilador.
Se cadra agora haberá que xustificar
que se segue sendo humana
mesmo se non se cabe
na roupa de Zara.
COLECCIÓN DE PRIMAVERA VERÁN. AS RÚAS I
María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas
|
|
|
|
Balaídos: Esse. María Reimóndez |
|
Balaídos: Esse
Podería se-la entrada
a un portal.
E sen embargo,
aínda cabe o escaparate
a carón da porta,
con dous traxes
chics e modernos.
Imaxino un pequeno probador
e as conversas pequenas
do pequeno comercio.
Realmente
será un portal a algures
ou simplemente levará
a máis corpos
na percura dalgo inmaterial
a través das teas.
COLECCIÓN DE PRIMAVERA VERÁN. AS RÚAS I
María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas
|
|
|
|
Mais de socate. María Reimóndez |
|
VII
Mais de socate,
nun erro de construcción,
nesa masa inxente de cerebros
algúns decatáronse
dun novo poder.
O poder da consumidora.
Non queremos alfombras feitas
por nenas en Nepal.
Non queremos cosméticos
feitos con experimentos animais.
Non queremos máis abrigos
de peles de caimán.
Non queremos seguir sendo
as grandes depredadoras.
E o día en que todas non queiramos,
¡tremade multinacionais!
Se cadra entón o reino
comezará
con algún viso verdadeiro.
COLECCIÓN DE PRIMAVERA VERÁN. PRÉMBULO
María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas
|
|
|
|
Estes son os lugares onde as mulleres. María Reimóndez |
|

V
Estes son os lugares onde as mulleres
dilapidamo-los soldos
dos nosos maridos,
onde segundo as películas de holibud
nos curamos da depresión
cunha tarxeta de crédito
e onde as poucas emancipadas
desatan o seu afán consumista
como se fose unha nova estratexia de poder.
E ante todo isto
eu pregúntome
se realmente os soldos son dos nosos maridos,
se a depresión non nola provocará a tarxeta de crédito
e se o afán consumista non será o cume da antiemancipación.
Nesa masa humana
derrúbanse tódalas crenzas
polos espacios que quedan
entre tantas capas de poder.
COLECCIÓN DE PRIMAVERA VERÁN. PREÁMBULO
María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas
|
|
|
|
Eu son o cazador. Estevo Creus |
|
Eu son o cazador
e desde hai tempo persigo unha idea dolorosa. Non o sei, quizais
precise darlle a forma mutilada do meu corpo; unha pegada de
min sobre unha rocha calcárea.
Tres aviadores fitan dende o alto as couvidades das miñas mans
o ruído
a pintura azulada dos meus ollos
mesturándose coa escuma salgada da marea
e o ruído
o ruído anega os ollos
o ruído
os corpos cando caen
fan ruído.
Teoría do lugar. Parte I (Facer un inventario de miradas)
Estevo Creus, Teoría do Lugar, 1999
|
|
|
|
Construír a teoría do lugar. Estevo Creus |
|
Construír a teoría do lugar:
meterse dentro.
A primeira lembranza é a miña boca soterrada na area e centos de
plumas esparexidas polos brazos.
Desfeitas.
Despois, o ruído
a chatarra inmóbil no centro das dunas
e o ruído
así de inmóbil
coma un animal de aire
pero acuático
o ruído
un vexetal pintado
con anaquiños de xiz
Previo
Estevo Creus, Teoría do Lugar, 1999
|
|
|
|
A min e non a ti. Estevo Creus |
|
A min e non a ti
mordeume de neno unha balea
e no espiral de A.D.N.
mesturóuseme a dolor con tres pasos e tres golpes:
as chemineas enchéronse dos bechos máis pequenos
a cola do alacrán habitoume polos brazos
e a memoria
a memoria
a memoria é un animal
con solitaria.
Estevo Creus, Poemas da cidade oculta, 1996
|
|
|
|
Somos como un lugar de cetáceos. Estevo Creus |
|
SOMOS COMO UN LUGAR DE CETÁCEOS
E TRES DÍAS Á SEMANA
VOMITAMOS O AMOR
DE BOCA A BOCA
LOGO ABRIMOS OS ARMARIOS
ONDE ESTÁN OS PINCEIS
AS FOTOGRAFÍAS
E AS CINTAS DE VÍDEO
COAS NOSAS POSTURAS MÁIS ÍNTIMAS.
TI NUNCA LEVAS BRAGAS
E SEMPRE FAS O MESMO CADRO
AZUL
AZUL COBALTO
EU QUEDO A MIRARTE LENTAMENTE
NON SEI
COMO SE ALGO DE TODO ISTO
ME RECORDARA A TI..
AREADOS
(PARTE II) ULINDO A LANDRAS
Estevo Creus, Areados, 1996
|
|
|
|
Logo, voltaba á casa. Estevo Creus |
|
Logo, voltaba á casa.
Un tigre azul esperábame contigo, e ós poucos, iámolo soterrando de vagar, entre canción e canción, entre baile e baile; deitándolle a area nos ollos e nas patas, esperando a que medrasen mapoulas entre os dentes ou a que caese enfermo de tanta marea sen chuvia.
SOMOS
COMA DOUS NENOS TRISTES
NO MEDIO DAS ORTIGAS
ATRAPANDO CASCARRUBIAS E SALTÓNS
DETRÁS DAS PERSIANAS
MENTRES TODOS DORMEN
NA VENTÁ DA CASA
ATRAPANDO CASCARRUBIAS E SALTÓNS
COS OLLOS PECHADOS
ONDE CASE QUE É IMPOSIBLE
QUE SE REFLICTA A LÚA.
DOS TIGRES
Estevo Creus, Areados, 1996
|
|
|
|
|
|
|