Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Eu teño esperado días enteiros. Estevo Creus
Eu teño esperado días enteiros
a chegada dos cans
e lentamente
moi lentamente
pintar a miña casa
co ruído dos barcos


Estevo Creus, 2010, O libro dos cans, Ourense: Franouren


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 30-07-2011 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
A vida amábel. Daniel Salgado
A VIDA AMÁBEL

Pronuncia os indicios das portas entornadas,
o heroísmo de desfacer segundo qué cama, as vantaxes
da metrópole posfordista. Qué queres que non traia
o servizo de cuartos, qué pides que non haxa
no menú da televisión. Temos que irnos e tampouco
importa cara a onde. Importa írmonos, importa
roermos as cordas, arrimarmos as mans, darmos
saído. Non contes as horas de lectura e ocupa
terrazas, pasea xardíns, colecciona escaparates.
Escolle un hotel así, máis ben clásico e no centro
dunha capital: das soidades e da dor de dentes,
escusas preguntar. Chama a recepción, transita
corredores, liñas telefónicas. Afoga intencións
e cousas da infancia. Isto éche a idade adulta e
non che hai máis. Unicamente a xornada extraordinaria
que abrogue tantas décadas anódinas.



Daniel Salgado, 2007, Poemas de como se rompe todo, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
Éxodo (fragmento). Daniel Salgado
(...)
na idea de que estamos
respiramos noxo pero dispoñíbeis,
sen dúbida resoltos a non pararmos
de remexer nas cousas vellas que nos trouxeron
acó, onde
retornan os emigrantes e marchan os amigos,
onde parece ser que nos recoñecemos
estranxeiros,
enxoitos,
ríspidos,
amuados,
presos das vidas rotas dos papás
e da asistencia
da meteoroloxía extrema,
pechados en armarios con couza e na casa do avó,
cercados de ladrillo de inminencias de cadáveres de
insectos,
descompostos e os anacos espallados
polo repelo, polas dificultades de espertarmos
e axuntar valor para nos botar fóra da cama,
e confesemos neste intre
de pouco movemento

e máis ben pouco ruído
que non admitimos lique no relato da nosa fundación,
reforzamos
a través dos libros e do sangue,
o todo flúe, a panxea,
as guerras de sucesión e sen embargo
non tiramos proveito
da ancianidade da raza,
escusamos a iniciativa de enxergarmos a cidade,
a cidade non existe e amais nela
non hai terra, a creba de editoriais
é un feito de tan cotián,
aborrecido, e outra volta
nós,
ocupando cada gramo de voz
coa reivindicación do amor imposíbel:
a unha sociedade sen clases
ao posto da lúa
á muller que pasa
ao país ferro
isto comeza a tornar pusilánime,
longo por de mais e igual
que a entrada en setembro
do ano pasado,
xorda e en retirada,
que non andan os días para hostias,
perdón, quero dicir,
para nos laiar de que non florece a rosa no poema,
(...)



Daniel Salgado, 2006, Éxodo, Vigo: Xerais


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
A tarde non está como unha bossa nova. Daniel Salgado
A tarde non está como unha bossa nova.
Conta
o trebón
ameazante,
a pena de morte, o pobo
do Kurdistán
ou os cativos mineiros no Perú.
A tarde está máis ben escura,
pegañenta,
para que nos pensemos un ao outro
neste ventre despezado,
occidental,
mentres nos vai trousando o sol
encol da abundancia
de palabras noutros idiomas menos invadidos.
Encol do remorso
pola suavidade das cereixas húmidas.

(As costas do mundo)




IV VIVIR ENTRE PARÉNTESES

Daniel Salgado, 2004, Sucede, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 18:45
# Ligazón permanente a este artigo
A estas alturas nada colle nun poema. Daniel Salgado
A estas alturas nada colle nun poema,
todo semella tan ancho
que soborda
a cousa ruín dunha palabra.
A estas alturas
nada colle nun poema porque desencadeas,
amor,
a vida aberta fóra do papel.



II A ESTACIÓN SEN TI

Daniel Salgado, 2004, Sucede, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
Baleiráronse as terrazas. Daniel Salgado
Baleiráronse as terrazas
en apenas vinte horas.
Gustoume aquel poema, falaba
de buscar rostros
nas xanelas
dos autobuses
e
despois
morrer.
A ti tamén che gustou.
Non estaba mal
para escribilo un guerrilleiro que
despois
morreu.
En combate.
Proe dicirnos adeus.
Era
cando saen todos os trens.
Un intre apagado:
a estación sen ti.
Por suposto que hai razóns para estarmos vivos:

velaí o inexplicábel.

"Porque los héroes nunca dijeron
que morían por la patria
sino que murieron"

LIONEL RUGAMA




II A ESTACIÓN SEN TI

Daniel Salgado,2004, Sucede, A Coruña: Espiral Maior


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 18:43
# Ligazón permanente a este artigo
Urzáiz: Pre-Natal. María Reimóndez
Urzáiz: Pre-Natal

E velaquí
un negocio
que vai mal,
o de ser mamá.
Ai, ai,
qué decadencia.
Estas mulleres,
unhas egoístas
que non queremos parir.
Vaia, vaia,
a crise da natalidade
¡que preocupación!
¡que se acaban as galegas!
Mentres o mundo afoga
entre caras
de meniñas
que nacen
e nacen
e non deixan de nacer.
Mais, claro,
esas,
sen poder adquisitivo,
non deben de contar.



COLECCIÓN DE OUTONO INVERNO. AS RÚAS II

María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Príncipe: Pronovias. María Reimóndez
Príncipe: Pronovias

Eu queríame casare
e velaquí teño a roupa.
Casa miña filla, casa,
que hoxe en día
unha perna
malamente
tapa a outra.
É o día
nese día
en que sempre vai
radiante noiva.
Sempre,
claro,
que o vestido acompañe,
o peiteado luza
e os zapatos manquen.
Unha boa lección
para a vida vindeira.



COLECCIÓN DE OUTONO INVERNO. AS RÚAS II

María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
Príncipe no Nadal. María Reimóndez
Príncipe no Nadal

Non fai falla máis
que abri-los ollos
e está ó noso lado.
Entre o movimento
espasmódico
das masas,
unha morea de mulleres
que fan horas interminables
ata acabar
por case empaquetarse
a si mesmas
cun lazo dourado.
¿E alguén cre aínda
que lles van paga-las
horas extras,
os pés rotos
ou a falla de posibilidades
de mellorar
no mercado laboral?



COLECCIÓN DE OUTONO INVERNO. AS RÚAS II

María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
López Mora: Ar. María Reimóndez
López Mora: Ar

Ar.
Esa doce palabra galega
a través da cal
os galeguistas e poetas
describiron a sociedade
tradicional galega,
matriarcal,
din eles,
onde as mais
(que non as mulleres)
tiñan un posto social crucial.
Así se lle debe chamar
en termos galeguistas
a traballar nas leiras,
traballar na casa, parir,
estudiar ós fillos (só eles)
e non ter opción a nada,
se cadra a unha malleira opcional
ou unhas pernas cabras de lareira
último modelo.
Mágoa que para unha sociedade
tan matriarcal
só saibamos dela
a través dos homes
porque, malia o seu "posto social crucial",
esas mulleres matriarcais
(¡que estraño!)
só deixaron aparente silencio.
Agora,
con estes vestidiños axustados
de Ar
pregúntome
ata cándo teremos que seguir
desaprendendo
as falacias do pasado.



COLECCIÓN DE OUTONO INVERNO. AS RÚAS II

María Reimóndez, 2002, Moda galega, Santiago: Edicións Positivas


Comentarios (0) - Categoría: 072. Poesía actual - Publicado o 14-07-2011 17:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0