Literalingua


Caderno de Lingua e Literatura Galega para as alumnas e alumnos de Bacharelato do IES Breamo
 SECCIÓNS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCA NESTE BLOG

Chirrar dos carros da Ponte
Chirrar dos carros da Ponte,
tristes campanas de Herbón:
cando vos oio partídesme
as cordas do corazón.

Ceboleiras que is e vindes
de Adina polos camiños,
á beira do camposanto
pasá leve e paseniño.

Que anque din que os mortos n'oien,
cando ós meus lle vou falar,
penso que anque estén calados
ben oien o meu penar.

(Poema 29 de "Varia" en Follas Novas)
Comentarios (0) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 09-05-2007 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
"¡Nin ás escuras...!"
-Todo está negro, as sombras envolven a vereda,
e nin o ceu ten ollos, nin o pinar ten lengua.

¡Vamos! Do que hai oculto, ¿quen mideu as fonduras?
¡Alma n'habrá que sepa...! ¡Ven...! A noite está escura.

-¿Escura...?; mais relumbra non sei que luz traidora...
-É unha estrela que brilla nas augas bulidoras.

-¿E non oies que runxe algo onde aquel herbal?
-É o vento que anda tolo correndo antre a follax.

-Escoita, sinto pasos, e asoma seica un bulto...
-¡Si é un vivo, matarémolo; non fala si é un difunto!

Mais aquí onde este cómaro, hai unha cova fonda:
ven, e santos ou deños, que nos atopen ora.

II

¿A donde irei conmigo? ¿Donde me esconderei,
que xa ninguén me vexa i eu non vexa a ninguén?

A luz do día asómbrame, pásmame a das estrelas,
i as olladas dos homes na ialma me penetran.

I é que o que dentro levo de min, penso que ó rostro
me sai, cal sai do mare ó cabo un corpo morto.

¡Houbera, e que saíra...!; mais non: dentro te levo,
¡fantasma pavoroso dos meus remordementos!

(Poema 6 de "Varia" en Follas Novas)
Comentarios (9) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:20
# Ligazón permanente a este artigo
¡Quérome ire, quérome ire!
¡Quérome ire, quérome ire!
Para donde, non o sei.
Cégame os ollos a brétema.
¿Para donde hei de coller?
N'acougo cunha inquietude
que non me deixa vivir:
quero e non sei o que quero,
que é todo igual para min.
Quérome ire, quérome ire,
din algúns que a morrer van;
¡ai!, queren fuxir da morte,
¡i a morte con eles vai!

(Poema 14 de "As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos" en Follas Novas)

Escoita o poema cantado por Uxía .
Comentarios (3) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
"Non coidarei xa os rosales"
Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos:
que sequen, como eu me seco;
que morran, como eu me morro.

(Poema 9 de "As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos" en Follas Novas)

Comentarios (12) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:10
# Ligazón permanente a este artigo
"Pra a Habana" IV
"¡Ánimo, compañeiros!
Toda a terra é dos homes.
Aquel que non veu nunca máis que a propria,
a iñorancia o consome.
¡Ánimo! ¡A quen se muda Dio-lo axuda!
¡E anque ora vamos de Galicia lonxe,
verés desque tornemos
que medrano os robres!
Mañán é o día grande, ¡á mar, amigos!
¡Mañán, Dios nos acoche!"
¡No sembrante a alegría,
no corazón o esforzo,
i a campana harmoniosa da esperanza,
lonxe, tocando a morto!

(Poema 1 de "As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos" en Follas Novas)
Comentarios (3) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
"Pra a Habana" I
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono soio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"


(Poema 1 de "As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos" en Follas Novas)

Comentarios (4) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
"En Cornes" III
Ódiote, campo fresco,
cos teus verdes valados,
cos teus altos loureiros
i os teus camiños brancos
sembrados de violetas,
cubertos de emparrados.

Ódiovos, montes soaves
que o sol poniente aluma,
que en noites máis sereas
vin ó fulgor da lúa,
i onde en mellores días
vaguei polas alturas.

E ti tamén, pequeno
río cal n'outro hermoso,
tamén aborrecido
es antre os meus recordos...
¡Porque vos amei tanto,
é porque así vos odio!

(Poema 8 de "Da Terra" en Follas Novas)
Comentarios (9) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
"Xan"
Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai a misa cos nenos,
e fai o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pes no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira si hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:

-Por Dios, non barulles moito,
que me estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña?
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos
de Xan ó ver tales feitos;
mais non temás, que antre mil
n'hai máis que un anxo antre os demos;
n'hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.

(Poema 5 de "Da Terra" en Follas Novas)

Comentarios (5) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
"Apresa, Álvaro de Anido"
Apresa, Álvaro de Anido,
vive moito en pouco tempo,
espolea o teu cabalo
e espoleándoo, revéntao.
¿Que importa un nobre cabalo?
¿Que importan dous nin trecentos?
que importa, Álvaro Anido,
é chegar cedo.

Vai dun polo a outro polo,
rexistra os antros terreos,
monta na locomotora,
sube nos grobos aéreos,
e coa centela recorre
do vacío o espazo inmenso:
es home, e cansarás, Álvaro,
correndo e correndo.

(Poema 33 de "Varia" en Follas Novas)
Comentarios (0) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
"¡Soia!"
Eran cráro-los días,
risóña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra como a orfandá.
Íñase á amañecida,
tornaba coa serán...;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña a esculcar.
Tomou un día leve
camiño do areal...
Como naide a esperaba,
ela non tornou máis.
Ó cabo dos tres días,
botouna fóra o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.

(Poema 36 de "¡Do íntimo!" en Follas Novas)
Comentarios (4) - Categoría: 031. Rosalía de Castro - Publicado o 02-05-2007 23:06
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0