O peche de Galicia Hoxe é o enésimo fracaso colectivo do proxecto de Galicia como nación cidadá. O ecosistema da lectura en galego, esa arboriña que agarimamos dende hai máis de cento cincuenta anos, perde outro dos seus froitos máis preciosos. Inevitablemente, dende hoxe todo este ecosistema e toda a súa biodiversidade quedará moi danado; sen esquecer que despois de ter desaparecida xa toda a prensa impresa en galego, os perigos que corremos outros sectores do tecido empresarial da lectura en galego son moi considerables. Sabemos que traballamos á intemperie, nas condicións máis adversas dos últimos trinta anos; como sabemos, tamén, que para facer viables os nosos proxectos só contamos coa intelixencia, esforzo e teimosía dos cadro de profesionais de cada unha das empresas e coa forza e apoio que nos achegan os lectores e lectoras. No marco da fraxilidade provocada pola profunda mudanza do paradigma da comunicación informativa e cultural, non hai outro camiño para soster os medios de lectura en galego que esta corresponsabilidade entre profesionais e lectores. O futuro da nación, da cultura e da lingua dependerá de nós, do esforzo e do compromiso de cada un dos milleiros e milleiros de galeguistas dispostos a non desistir no seu afán. Sinálao certeiramente Caetano Díaz no peche do seu afouto artigo de despedida: "é tempo de silencio".
Como se ven os premios literarios desde a perspectiva do xurado? A xornalista Belén Regueira reflexiona sobre a lectura desde a trastenda do Premios Xerais 2010, despois de participar como xurado.
"Ex libris gallaeciae. Dos libros de Galicia" é o nome dunha exposición comisariada por Xosé Ramón Barreiro e por Xosé Luís Axeitos, que estará ata o 14 de febreiro no arquivo da Cidade da Cultura, e que ofrece un percorrido pola construción da cultura galega a través de oitenta e tres xoias bibliográficas.
A mostra reúne 83 libros, códices ou manuscritos considerados clave na construción da cultura galega e que van desde os primeiros textos romanos que comezan a definir un territorio co nome de Gallaecia ata o primeiro libro electrónico en galego.
Unha das cinco únicas versións completas que se conservan no mundo do Códice Calixtino ou o primeiro documento escrito en galego que se coñece, o ?Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas? (ano 1228) prestado pola Casa de Alba, serán algúns dos tesouros bibliográficos que se poderán ver nesta exposición.
Ao igual que o primeiro libro impreso que chegou a Galicia, Decretales Gregorii Papae Maguncia IX, o primeiro libro impreso en Galicia, Breviarium Auriensis, o primeiro mapa do Reino de Galicia ou o libro impreso en galego máis antigo que se conserva, Proezas de Galicia, tampouco podían faltar nesta exposición os principais nomes da nosa literatura (Sarmiento, Rosalía de Castro, Castelao, Manuel Antonio...).
Mais tamén os grandes científicos galegos ocupan un espazo destacado nesta mostra, que ofrece unha escolma dos tratados científicos galegos que ao longo dos séculos acadaron unha maior sona internacional.
Un total de 17 editoriais galegas levaron o mellor dos seus catálogos á edición 2010 da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña: Kalandraka, Everest Galicia, Rodeira, Baía, OQO, A Nosa Terra, Edicións Xerais, Nova Galicia, El Patito Editorial, Sotelo Blanco, Tambre, Biblos Clube de Lectores, Obradoiro?Santillana, Galaxia, Primera Persona, Toxosoutos e Xerme.
Cun stand propio fornecido pola Dirección Xeral de Difusión e Promoción da Cultura, da Xunta de Galicia, amosaron as súas novidades editoriais e impulsaron a proxección da obra dos escritores e ilustradores galegos na que pasa por ser unha das citas de referencia que ao longo do ano se producen na escena editorial mundial.
Ademais, entre outros actos, presentouse tamén a 32 edición do Congreso da International Board on Books for Young People (IBBY), que entre o 8 e o 12 de setembro terá lugar en Santiago de Compostela.
Por outra banda, a Internationale Jugendbibliothek de Múnic presentou a súa exposición dos libros que en 2010 obtiveron a distinción The White Ravens, prestixiosa selección dos mellores libros infantís do mundo. Entre eles está O último canto. Unha obra de Pablo Albo e Miguel Ángel Díez e que, segundo a editora OQO, "enfronta dun xeito entrañábel e natural a morte, un concepto difícil de comprender para os nenos e de explicar para os adultos".
Neste mapa podemos situar os lugares de procedencia dalgúns dos escritores que foron traducidos ao galego pola editorial Rinoceronte.
Rinoceronte Editora creouse en Cangas do Morrazo en 2005 coa idea de traducir ao galego literatura estranxeira, fundamentalmente recente, atendendo en especial a ámbitos culturais e lingüísticos dende os que nunca se importara nada á nosa lingua. Dese xeito, foron os primeiros en traducir dende o finlandés, o húngaro, o xaponés, o islandés ou o hebreo. En ocasións libros que non están editados en ningunha outra lingua románica.
Recentemente abriron un novo vieiro cunha colección denominada Inversa, na que traducen a outras linguas obras escritas orixinariamente en galego.