Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249 literactúa
O Concello de Carballo e o Café Valle Inclán convídana/o á conversa con Teresa Moure, autora de Herba moura, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego.
A autora estará acompañada por Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Día: mércores 28 de febreiro
Hora: 20.30 h
Lugar: Café Valle Inclán. Rúa de Valle Inclán 32
Podes mercar o libro en Carballo nas librarías Brañas, Teldy, Trasgo ou Villar.
ISBN: 84-9782-347-8
Editorial: Xerais
Páxinas: 442
Ano de edición: 2005
Premios: Premio Xerais de Novela 2005, Premio da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega 2005, Premio Irmandade do Libro á Autora do Ano 2005, Premio Benito Soto á Mellor Novela 2005 e Premio da Crítica Española 2005
Prezo: 18,70 ?
Presentación editorial:
Herba Moura, de Teresa Moure, novela gañadora do Premio Xerais 2005, trasládanos, da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil ?nunha perspectiva inédita do filósofo? e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entráñabel meiga residente en Amsterdam. A través dunha miscelánea de textos (cartas, poemas, receitarios, herbarios) a autora, coma se fose un compendio de estilos literarios e botando man de recursos tan dispares como a epístola, o diario, o ensaio, a poesía, o estilo directo, etc., constrúe unha novela estilisticamente abraiante, sen caer nunca no lirismo gratuíto nin no sentimentalismo, chamada a situar á narrativa galega nun novo contexto. Herba Moura é un canto ás paixóns: á paixón amorosa, dende logo, mais tamén a outras paixóns deostadas como a do amor polo coñecemento, a da amizade, a da maternidade, a da lectura e a da palabra. Unha novela que deita unha ollada crítica sobre o devir das mulleres na historia, dándolles voz e recuperándoa para elas.
Conversa coa autora:
Teresa Moure conversará cos lectores e lectoras de Herba moura o mércores 28 de febreiro de 2007 ás 20.30 h no Café Valle Inclán de Carballo (Rúa de Valle Inclán 32).
Críticas e opinións sobre o libro na rede:
>Crítica de Manuel Rodríguez Alonso no Cartafol de Libros de Vieiros.
>Presentación en Culturagalega.org.
>Ficha técnica na Editorial Xerais.
Teresa Moure
...a autora do libro de Literactúa para febreiro de 2007, Herba moura.
Teresa Moure é doutora en Lingüística xeral e exerce a docencia nas Facultades de Filosofía e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa especialidade ten publicados máis dunha ducia de traballos onde salienta a responsabilidade ética do investigador, o temor ao colonialismo e á homoxeneización cultural dentro dunha decidida vocación anti-globalización.
Gañou premios como o Lueiro Rey de novela curta 2004 pola novela A xeira das árbores, o Ramón Piñeiro de Ensaio 2004 con Outro idioma é posible (2005), o Xerais de Novela 2005 con Herba Moura, o Premio Irmandade do Libro á Autora do ano 2005, o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2005, o Premio Benito Soto á mellor novela de 2005 por Herba moura, o Premio da Crítica Española 2005 tamén por Herba moura, etc.
Así se presenta ela na Biblioteca Virtual Galega:
"Non me gusta mirar para atrás porque non sempre me recoñezo no que foi pasando. Contáronme que nacín cando os astronautas comezaban a explorar a Lúa; de aí véñenme o espírito soñador e as ganas de ir por libre. Toda a miña infancia estivo marcada pola enfermidade que me atou a unha cama e, consecuentemente, obrigoume a ser amante dos libros e dos mimos. Contravindo as decisións habituais na miña tribo para as mulleres do meu tempo, deume por ser nai cedo e, para seguir distinguíndome, por recuncar varias veces no experimento. Os meus tres fillos vanme criando como poden, porque son un xardín húmido, con especies imposíbeis de clasificar que poñen a proba a súa capacidade de xardineiros, domadores de enredadeiras tumultuosas e exterminadores de plagas. Noutras palabras, que son rebelde e desconfiada, gústame escarmentar en cabeza propia e levar o pelo sobre a cara. Eles, os meus tres, que son sabios, van orientando as miñas inseguridades, templando a miña natureza volcánica, axudándome a decidir; vanme, xa o dixen, criando como poden: cravándome titores nos laterais e abonando os meus soños selváticos. Ás veces tamén lles axudan na tarefa os meus alumnos e as miñas alumnas, outro grupo de seres alucinantes, que teiman en facer de min un ser que ame a linguaxe. Se cadra, xa o amaba antes mais non me decatei ata que @s estudant@s universitari@s se me puxeron diante pedíndome que falase de algo. Nese momento da miña boca abrollaron os adxectivos barrocos e os verbos de acción, mais axiña albisquei que as que realmente nos facían gozar eran as preposicións. Gústanme os salseiros que salfiren con pingas prometedoras cando bogo pola ría, os nomes de lugar, o queixo, as árbores, os gatos, a cor verde, o Subcomandante Marcos, os crebacabezas, nadar, as flores das cerdeiras, remexer nas librarías, as películas de Humphrey Bogart, a auga, ter tempo, o viño, os bicos, escachar a rir ata que me doa o ventre, a chuvia, o sol, a Revolución, os ordenadores, a poesía, o jazz, limpar a fondo e ordenar os armarios, as conversacións con respostas picantes e rápidas, os cadros de Magritte, os amorodos, o vento nordés e a utopía. Porén, o que máis me gusta é poñer o mundo patas arriba. Para que os tópicos non boten raíces e nin eu mesma crea que é verdade todo o que digo".
Conversa coa autora:
Teresa Moure conversará cos lectores e coas lectoras de Herba moura o mércores 28 de febreiro, ás 20.30 h, no Café Vallé Inclán (Rúa de Valle Inclán 32).
Teresa Moure pola rede:
>Ficha da autora na Biblioteca Virtual Galega.
>Ficha no Centro de Documentación da AELG.
>Ficha da autora en Xerais.
>Entrevista en Vieiros.
>Entrevista en Gara.
>Entrevista en La Voz de Galicia.
>Entrevista en A Nosa Terra.
>Entrevista na Cadena Ser.
>Entrevista en Folque.com.
>Teresa Moure gaña o Premio Xerais de novela, no web da AGE.
>Teresa Moure publica en castelán e catalán Herba moura, en La Vanguardia.
>"Una història de dones, uns valors amagats", Herba d'enamorar en catalán, en Vilaweb.
O xoves 1 de febreiro, o programa As Quimbambas da Radio Galega fixo unha reportaxe sobre o comezo de Literactúa. Nel participaron Diego Ameixeiras, o primeiro autor proposto neste proxecto, e Belén Lendoiro, concelleira de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística de Carballo.
Aquí están os case vinte minutos de entrevista.
Por outra banda, o carballés Quico Balay publica hoxe, 2 de febreiro, en La Voz de Galicia unha interesante crónica do acto titulada Retrato dun mozo "oitocentoseurista". Uns grolos con Diego Ameixeiras. Pódese ler aquí.
Onte, mércores 31 de xaneiro, tivo lugar no Pub Silfo de Carballo o primeiro acto de conversa cun autor dentro do proxecto Literactúa.
Desde as 20.30 h e até preto das 23.00 h, Diego Ameixeiras, autor de Tres segundos de memoria, estivo no Silfo conversando cos lectores e lectoras que por alí se achegaron.
Xan Fernández foi o encargado de presentar a este mozo ourensán, do que destacou a súa mocidade, o seu bo facer como autor, o éxito dos seus libros, a proximidade á realidade, aos temas actuais, etc.
Logo, Ameixeiras introduciu algunhas reflexións sobre Tres segundos de memoria, pero decontado as persoas asistentes comezaron a facerlle preguntas, a dar a súa opinión sobre a obra, etc.
Nun ambiente agradábel e distendido, entre pinchos de tortilla, lambonadas e cervexas, falouse da precariedade laboral, da situación da mocidade na actualidade, do sistema capitalista, de grupos de música, de sexo, de relacións sentimentais, de ambientes urbanos e rurais, da memoria, do sistema literario galego, das funcións da literatura e dos/as autores/as, da imaxinación do protagonista da obra, etc.
La Voz de Galicia puxo como titular Lectores activos en Carballo, e tamén lle fixo unha entrevista a Diego. Tamén recolleron información deste primeiro acto as versións en papel de La Opinión e de Diario de Bergantiños e radios como Radio Voz ou a Radio Galega, entre outras.
Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0