|
|
|
Contacto |
|
O Concello de Carballo, desde a Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística, adquire o compromiso de fomentar o libro e a lectura en galego. Para isto pon en marcha este novo proxecto, Literactúa, que nace coa vontade de estabilizar e darlle continuidade a ese fomento do libro e da lectura en galego e de englobar e tecer pontes entre outras propostas que xa se desenvolven desde o Concello, como poden ser, por exemplo, a Praza dos Libros, a Semana do Libro e a Lectura, Libros Ceibes, etc., e outras posíbeis organizadas por outras entidades nas que pode participar o Concello de Carballo.
Literactúa é unha proposta concreta, mais ten a vontade de ser un programa aberto, dinámico e participativo, de ir incluíndo novas actividades, de ir adquirindo novos compromisos, de ir incrementando e diversificando as súas accións, de ir implicando ao maior número de persoas, entidades, colectivos, etc.
A proposta concreta consiste en:
- Para cada trimestre proporase a lectura de tres libros, un por mes.
- O último mércores de cada mes, o autor ou a autora do libro proposto virá a Carballo para participar nun acto de conversa cos seus lectores e lectoras nun estabelecemento hostaleiro da localidade.
O programa distribúese en tres trimestres:
- Xaneiro, febreiro e marzo.
- Abril, maio e xuño.
- Setembro, outubro e novembro.
As propostas de libros daranse a coñecer por medio de marcapáxinas que se difundirán por todo o concello, especialmente nas librarías, bares e edificios municipais, e estes libros poderanse mercar nas librarías de Carballo colaboradoras co programa. Serán sempre obras de literatura galega actual.
Ademais, toda a información do programa estará sempre actualizada neste blog, www.carballo.org/literactua, onde se anunciarán e comentarán os libros propostos, onde se difundirán os actos cos autores e autoras, onde haberá información completa do programa, onde todas e todos poderedes comentar e opinar e desde onde se fará un seguimento actualizado de todas as accións que se desenvolvan.
Por todo isto, querémosche convidar a literactuar.
Colaboran con este programa:
- Libraría Brañas (Gran Vía 79)
- Libraría Teldy (Avda. de Bergantiños 53)
- Libraría Trasgo (Rúa do Muíño 48)
- Libraría Villar (Rúa do Caravel 13)
- Café Colón (Rúa de Colón 7)
- Café Taberna O?Patacón (Rúa de Ourense 19)
- Café Valle Inclán (Rúa de Valle Inclán 32)
- Cervexaría Dublín (Rúa do Fomento 25)
- Cervexaría San Xoán (Rúa de Ourense 8-10)
- Pub Silfo (Rúa de Rosalía de Castro 8)
- Biblioteca Municipal de Carballo
- Servizo de Normalización Lingüística
Para propostas e máis información:
981 704 304
normalizador[arroba]carballo.org

Concellaría de Cultura, Ensino e Normalización Lingüística
Concello de Carballo |
|
http://www.blogoteca.com/literactua/ | |
|
|
|
|