|
|
|
❤️ Eiras... fai cen anos... |
|
 "Eiras era unha aldea chea de mofo e humidade, de rúas estreitas, lamacentas, moi escuras pola noite, e tiña cinco igrexas e cento cincuenta habitantes.
(...) Eiras tiña cinco barrios e era o centro daquilo. Pertencía ao Partido Xudicial do Carballiño. A pesar de que chovía arreo e estaba sempre cuberta de brumas, celebrábanse moitas festas. Recordo que viñan músicos de Beade e tocaban moi ben, cantaban airiños e muiñeiras e bailábase a xota galega.
(...) o 24 de agosto era a de San Bertomeo. Traballo non había moito pero festas sobraban. A máis grande duraba dous días e bebíase viño en grandes cantidades e ata xenebra. Iso era no verán, porque no inverno non había quen aguantase o frío e o orballo persistente.
A aldea parecía un cemiterio pobre á luz do día. As noites eran moi escuras, aburridas e só servían para conversar, oír e contar mentiras e que se fixesen contos pra meter medo, contos de lobos, de fantasmas e trasnos que aparecían a media noite e meigas que saían en lúa chea facer os seus encantamentos. Eu non podía durmir, pois todos os ruídos pensaba que eran dalgún aparecido que me viña facer dano."
Esta descrición de Luís Tizón foi recollida no libro de COMAS PARET, Da vendima á zafra, crónica dun emigrante galego en Cuba (Ed. Sotelo Blanco, 2007).
En 2020 fai un século que Luís marchou pra Cuba -con tan só quince anos- xusto o día de San Bertolameu:
"O 24 de agosto de 1920 saímos para A Coruña. A viaxe fixémola en tren. Era a primeira vez que montaba nun tren. Sentín unha cousa estrana por aquí, pola barriga, porque era campesiño, do interior, e vía pasar as cousas e as árbores coma se fosen correndo, e ao principio quedaba mirando a ver se chocaban, pero nunca chocaron. Vira o tren pero non subira nel. Collémolo nun lugar chamado Barbantes, que quedaba como a unha legua da casa. Había unha estación de ferrocarril e moitos almacéns".
|
|
|
|
💫 Arredor de Lámbrica... |
|
 A citania de Lámbrica, cunha superficie de case dez hectáreas, non é visible dende o val do río Miño, pois queda oculta polo monte do Santrocado, de altitude maior.
Podería tratarse dunha estratexia defensiva, xa que as vías fluviais navegables, como era o Miño, suporían certa vulnerabilidade a posibles agresións externas. Ademais, a súa visibilidade cara as terras do Carballiño e de Maside podería servir para o control territorial de xacementos mineiros máis alonxados (Puzo do Lago, Castro Grande de Amarante, montes da Madanela, castros de Mosteiro e Souteliño...).
O monte do Santrocado, que ten no cumio un pequeno castro, aglutina arredor de si unha serie de xacementos, sendo os máis importantes a citania de Lámbrica e o Castelo de Laias. O monte do Santrocado está dentro dunha zona aurífera e estannífera, con presenza doutros minerais coma o wolframio. A derradeira mina, nas inmediacións de Xinzo, foi pechada nos anos cincuenta do século pasado.
O Castelo de Laias foi literalmente arrasado polas obras da autovía A-52. Era aínda de maior superficie que Lámbrica e contiña zonas con silos, almacéns de madeiras entrelazadas (cabaceiros?), vestixios de traballos mineiros e lugares de poboamento. As primeiras datacións chegan ata o século VIII (oitavo) antes de Xesucristo.
Unha calzada unía a porta oriental de Lámbrica cun embarcadoiro no lugar da Barca, tamén moi preto do xacemento mineiro do Castelo. Así, Lámbrica estaba discretamente separada do río, pero sen quedar incomunicada. Pola principal vía fluvial do país, o río Miño, que era navegable ata Camposancos, circularían mercadorías do país, posiblemente minerais e peles, que trocarían por produtos foráneos necesarios para a vida cotiá, particularmente o sal, imprescindible para a conservación da carne, abundante na costa pero inexistente nas terras do interior.
Arredor de Lámbrica, fóra da citania, aínda se poden ver restos romanos, a maioría descoñecidos, como a fonte de Lagharellos, unha fonte monumental abovedada que estivo a piques de ser derrubada polas obras dunha autovía. Ao dano, que foi grande, hai que engadir o abandono ao que está sometida, non habendo moito espazo para o optimismo de cara a súa conservación.
A ara, ou altar romano, de Eiras, presenta un dos primeiros textos en latín daquela contorna. É de propiedade privada e non visitable. No seu epígrafe parece conterse o nome da antiga citania, LÁMBRICA, a pesar de que as opinións máis populares, mal documentadas, decántanse polo falso topónimo *lansbrica. Que conteña o nome da Cidade de Lámbrica non significa que aparecese na citania. A orixe da ara, posiblemente dos séculos II ou III despois de Cristo, está na parroquia de Eiras, moi probablemente nos montes da Ermida.
|
|
|
|
A igrexa de Eiras |
|

Uns negativos de 1995 permitiron rescatar imaxes que, pese á pouca calidade, deixan entrever o marabilloso e esquecido legado patrimonial que temos nas nosas parroquias.
Destacar a facilidade coa que moitos feligreses e feligresas se poñen a reformar, reparar ou mellorar, segundo o seu limitado criterio -aínda que non con mala intención- obras de incalculable valor artístico e patrimonial. Comparando estas imaxes coa situación actual do templo, podemos decatarnos dalgunhas "desfeitas" irreversibles que a boa vontade dalgúns e dalgunhas poden chegar a ocasionar.
Invitalos a actuar con sentidiño e co consello de especialistas. Así poderase conservar o legado artístico e histórico que está espallado por todas as nosas aldeas.
E, como non, chamada de atención tamén ás administracións culturais da Xunta e locais (tamén ás relixiosas, que se consideran os "propietarias" de moitos monumentos, aínda que foran erixidos coas doazóns e coa man de obra dos feligreses) para que tomen as medidas adecuadas, porque o patrimonio das nosas aldeas non está valorado e necesita atención urxente.
Recordar tamén que restaurar non é "acementar", nin limpar con area, nin repintar... e que, acompañando á restauración, ten que ir a difusión do coñecemento artístico e histórico para que os veciños sepan o que teñen, poidan valoralo e se convirtan nos gardiáns do seu propio patrimonio. Máis alá disto, xa se podería falar da rendibilidade social e económica para as aldeas.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor... |
|

|
|
|
|
|
|
|
|
|
|