Arredor de Lámbrica


A Lámbrica de Mela?
O posible entrante de Mela e a ruta fluvial polo Miño a Lámbrica.Da época da romanización temos descricións de Galicia de autores clásicos. Un deles é un xeógrafo do século I chamado Pomponio Mela que na súa obra De Chorografía, Libro III, describe, entre outras, as terras occidentais da península ibérica.

Cando fala do "Promontorio Céltico" di:
"Totam Celtici colunt, sed a Durio ad flexum Grovi, fluuntque per eos Avo, Celadus, Nebis, Minius et, cui Oblivionis cognomen est, Limia. Flexus ipse Lambriacam urbem amplexus recipit fluvios Laeron et Ullam".

Poderiamos traducilo así: "En todo (o Promontorio Céltico) viven os Célticos, pero desde o Douro ata o entrante (viven) os Grovios, e corren por alí o Avo, o Celado, o Nebo, o Miño e, o que é chamado do Esquecemento, o Limia. O entrante, el mesmo consagrado á Cidade de Lambrica, recibe aos ríos Lérez e Ulla".

O termo "entrante", ou tamén "curvatura", hai que entendelo a grandes trazos, nunha descrición que se vai facendo de sur a norte seguindo a liña da costa e por xeógrafos que non reparan en detalles pequenos. Estas descricións non pretenden ser minuciosas, senón xerais, de grandes espazos xeográficos e, moitas veces, con información obtida de fontes de terceiros.

Ese "entrante" podería referirse ó tramo existente entre os cabos Silleiro e Corrubedo, dous puntos sobresaíntes da costa galaica. Neste tramo, sen entrar nos detalles das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, desembocan os ríos Lérez e UlIa.

Non é difícil percibir que nese entrante, aínda que un pouco cara ó interior, está Lámbrica, xacemento que debeu ser un grande centro político e relixioso naquel tempo, abranguendo un amplo espazo xeográfico. Por iso sería coñecido na costa e citado por Mela.

A "consagración" debemos entendela en termos desa dependencia política e relixiosa que terían os pobos do entrante con respecto á Cidade de Lámbrica.



Ata agora non se coñece, entre os cabos Silleiro e Corrubedo, ningún xacemento castrexo que supere en importancia e extensión á Cidade de San Cibrao das Las, que, para referirnos a ela con propiedade, deberíamos chamarlle a Cidade das Las-Ourantes ou, se se quere, Lámbrica. Sexa ou non a Lámbrica que nomea Mela, a nosa citania de San Cibrao das Las e Ourantes tivo un topónimo semellante, a xuzgar pola inscrición da ara de Eiras.





Reconstrución do mapa de Mela do Dr. Konrad Miller (1898) na Wikipedia. O Norte está á esquerda.






Situación de Lámbrica con respecto ao río Miño e aos outros castros da súa contorna




Ver DESCRICIÓN DA CITANIA DE LÁMBRICA OU DE SAN CIBRAO DAS LAS
Ver M DE LÁMBRICA
Ver Pomponio Mela (Wikipedia)
Artigo publicado o 24-08-2009 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
Os petroglifos de Eiras e a contorna de Lámbrica
Mapa da contorna das Las, sobre o que se superpuxo un esquema dos petroglifos da Ermida (Eiras).
Na ilustración que se adxunta superpúxose un esquema orientado dos petroglifos da Ermida enriba dun mapa da contorna, facendo coincidir o petroglifo máis grande (A) co Castro de Lámbrica e outro dos petroglifos co lugar da Ermida (D).

Elo fíxose porque a liña D-A do panel dos petroglifos ten a mesma orientación que a liña que une o lugar dos petroglifos da Ermida co outeiro onde está o Castro de As Las. É curioso que ese outeiro de As Las non é visible dende o lugar da Ermida, polo que o petroglifo puido ter utilidade como sinalador dun lugar importante.

No mapa podemos ver que as figuras B e C coinciden con lugares húmidos, onde nacen regueiros. No caso B sería o nacemento dun dos regueiros da Lavandeira e no caso C sería o do regueiro da Reguenga.

A figura E coincide co na nacemento dun regato que baixa pola vertente Leste do monte do Santrocado.

O paralelismo do panel dos petroglifos con estes lugares singulares do contorno que acabamos de ver fainos pensar que na Ermida estaría trazado un mapa dos arredores, tal e como sería visto dende o alto do outeiro do actual castro de San Cibrao das Las, Lámbrica.

Semella, de ser así, que o outeiro de Lámbrica xa exercía algunha supremacía sobre o contorno, cando menos, na Idade do Bronce, arredor do II milenio antes de Xesucristo, bastantes centos de anos antes do período castrexo.

Ademais, no castro de San Cibrao das Las hai unha mámoa.














Ver fotografía dos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver o monte do Santrocado na Galipedia
Ver artigo O mapa dos petroglifos da Ermida e Lámbrica
Artigo publicado o 24-08-2009 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0