Arredor de Lámbrica


☀️ Aliñamentos nos petroglifos de Eiras (San Amaro)
Aliñamentos comprobados nos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro).
Dende unha posición ao Leste do petroglifo máis grande (A) podemos observar que o sol se pon no solsticio de verán xusto detrás do petroglifo que está ó Noroeste (B).

Moi curiosa tamén é a orientación ó Norte da liña que une ós petroglifos máis pequeniño (E) e máis grande (A).

Tamén existe unha importante coincidencia xeográfica, xa que a liña que une os petroglifos D e A sinala cara o outeiro onde se ergue o Castro de San Cibrao das Las.

Aínda que falta un estudo rigoroso sobre o significado dos petroglifos da peneda da Ermida, xa estamos en condicións de afirmar estas tres evidencias:


1.- Os aliñamentos de dous petroglifos co solpor de solsticio de verán (A-B).

2.- O aliñamento de dous petroglifos na dirección Sur-Norte (E-A).

3.- O aliñamento de outros dous petroglifos cara o outeiro onde está o Castro de San Cibrao das Las (D-A). É de destacar que nese castro existe unha mámoa ou sepulcro colectivo, parella a outra que hai nas inmediacións dos petroglifos da Ermida.

É salientable que en todos os aliñamentos descritos se vexa involucrado o petroglifo A, o máis grande de todos, o que ten máis liñas concéntricas e o único que ten liñas radiais.
























Ver fotografía do solpor do solsticio de verán
Ver noticia da axencia EFE en A hora dos mouros
Fotogalería
Artigo publicado o 01-09-2009 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
A Ciudá dos Chaos, Lámbrica
Cabana no recinto central de Lámbrica (Ourense).A citania, ou castro, de San Cibrao das Las é coñecida con ese nome porque a bibliografía vinculouna repetidamente a esa parroquia do concello de San Amaro, pero o nome popular e tradicional nos arredores é A Ciudá.

Ademais, pra ser xustos, hai que dicir que a parroquia das Las só posúe arredor da metade do xacemento, servindo de límite a lomba do outeiro. O resto da Ciudá pertence a San Xoán de Ourantes, xa do veciño concello de Punxín.

Na contorna máis inmediata da Ciudá, que aínda conserva o microtopónimo "A Chaira", apareceron restos do Paleolítico, xusto nos arredores do actual edificio do Centro de Interpretación Castrexa. Alí tamén hai unha peneda servindo de fonte que procede do lugar da Ermida en Eiras, sendo extraída do mesmo lugar onde están os petroglifos.

Os achádegos do Paleolítico indícannos que o poboamento dese outeiro da Cidade non se iniciou no período castrexo, senón moito tempo antes. Tamén hai unha mámoa na parte sur do castro, evidencia de que o home tamén estivo por ese outeiro antes da Idade do Bronce, poseblemente xa entre o IV e o III milenios antes de Xesucristo.

Unha das riquezas mineiras da contorna era o ouro, sendo A Ciudá o lugar onde residiría a elite que administraba e comercializaba ese recurso, xunto co estaño.

Tamén aparecen nas escavacións abundantes restos de fundición de ferro.


Os intercambios poden explicar o apoxeo manifestado por esa gran citania das Las e Ourantes na época castrexa e na romanización.

Os romanos, chegados cara o século II antesde Cristo, aproveitarían os recursos mineiros e continuarían as relacións comerciais, que circularon a través da calzada que unía a Ciudá das Las e Ourantes co embarcadoiro de Barbantes (A Barca, hoxe "Barbantes-Estación"). Dende alí a navegabilidade do Miño ata a súa desembocadura, citada por Estrabón, facilitaría a conexión coas canles comerciais do Atlántico.

Porta occidental do recinto central



(Imaxe do PNOA procedente da Wikipedia)



Este castro é o único daquelas terras que ostenta o título de "Ciudá", o que da fe da súa importancia en relación coa pléiade de castros que o arrodean. Destes últimos podemos citar algúns: o Castro de Eiras, o Castro Martiño, o Castro de Salamonde, o Castro de Beariz, o poboado de Laias (desaparecido), o Castro do Santrocado...

No Castro Martiño e en Laias apareceron vestixios que nos falan de labouras mineiras nos terreos que circundan a aba Sur do monte do Santrocado.

A dous quilómetros das Las hai unha testemuña escrita do que podería ser o nome do castro principal e do territorio que a él pertencía, Lámbrica. Trátase da Ara de Eiras, un altar da época romana adicado a "Bandua ... na Cidade de Lam " ou Lámbrica.

Elo vai en desacordo coa lectura máis espallada, a de "Bandua Lansbricae", onde algúns autores quixeron ver Lans como a orixe do nome actual da parroquia das Las. Pero a terminación ?ns non é usual no galego destas terras. Ademais, a atenta observación da ara déixanos ver un "M" na segunda liña, a penúltima letra antes dun erosionado "B". E, entre o "M" e o "B" non hai espazo para o "S".












FOTOGRAFÍAS DA CITANIA DE LÁMBRICA EN 1995
















Web Arredor de Lámbrica
A Lámbrica de Mela?
Ver Descrición da citania de Lámbrica ou castro de San Cibrao das Las
Artigo publicado o 24-08-2009 21:23
# Ligazón permanente a este artigo
A Lámbrica de Mela?
O posible entrante de Mela e a ruta fluvial polo Miño a Lámbrica.Da época da romanización temos descricións de Galicia de autores clásicos. Un deles é un xeógrafo do século I chamado Pomponio Mela que na súa obra De Chorografía, Libro III, describe, entre outras, as terras occidentais da península ibérica.

Cando fala do "Promontorio Céltico" di:
"Totam Celtici colunt, sed a Durio ad flexum Grovi, fluuntque per eos Avo, Celadus, Nebis, Minius et, cui Oblivionis cognomen est, Limia. Flexus ipse Lambriacam urbem amplexus recipit fluvios Laeron et Ullam".

Poderiamos traducilo así: "En todo (o Promontorio Céltico) viven os Célticos, pero desde o Douro ata o entrante (viven) os Grovios, e corren por alí o Avo, o Celado, o Nebo, o Miño e, o que é chamado do Esquecemento, o Limia. O entrante, el mesmo consagrado á Cidade de Lambrica, recibe aos ríos Lérez e Ulla".

O termo "entrante", ou tamén "curvatura", hai que entendelo a grandes trazos, nunha descrición que se vai facendo de sur a norte seguindo a liña da costa e por xeógrafos que non reparan en detalles pequenos. Estas descricións non pretenden ser minuciosas, senón xerais, de grandes espazos xeográficos e, moitas veces, con información obtida de fontes de terceiros.

Ese "entrante" podería referirse ó tramo existente entre os cabos Silleiro e Corrubedo, dous puntos sobresaíntes da costa galaica. Neste tramo, sen entrar nos detalles das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, desembocan os ríos Lérez e UlIa.

Non é difícil percibir que nese entrante, aínda que un pouco cara ó interior, está Lámbrica, xacemento que debeu ser un grande centro político e relixioso naquel tempo, abranguendo un amplo espazo xeográfico. Por iso sería coñecido na costa e citado por Mela.

A "consagración" debemos entendela en termos desa dependencia política e relixiosa que terían os pobos do entrante con respecto á Cidade de Lámbrica.



Ata agora non se coñece, entre os cabos Silleiro e Corrubedo, ningún xacemento castrexo que supere en importancia e extensión á Cidade de San Cibrao das Las, que, para referirnos a ela con propiedade, deberíamos chamarlle a Cidade das Las-Ourantes ou, se se quere, Lámbrica. Sexa ou non a Lámbrica que nomea Mela, a nosa citania de San Cibrao das Las e Ourantes tivo un topónimo semellante, a xuzgar pola inscrición da ara de Eiras.





Reconstrución do mapa de Mela do Dr. Konrad Miller (1898) na Wikipedia. O Norte está á esquerda.






Situación de Lámbrica con respecto ao río Miño e aos outros castros da súa contorna




Ver DESCRICIÓN DA CITANIA DE LÁMBRICA OU DE SAN CIBRAO DAS LAS
Ver M DE LÁMBRICA
Ver Pomponio Mela (Wikipedia)
Artigo publicado o 24-08-2009 21:23
# Ligazón permanente a este artigo

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0