Esta fotografía foi realizada en 1997 no xacemento do
Castelo de Laias, un poboado mineiro na ladeira sur do Monte do Santrocado, complementario da
Cidade de Lámbrica ou
Castro de San Cibrao das Las, situado a catro quilómetros e engrandecido cos beneficios económicos que xeraba a minaría do ouro
na súa contorna en poboados coma o referido do Castelo de Laias. Pero este último foi destruído totalmente pola construción da autovía das Rías Baixas, A-52.
Conservo o recorte do xornal provincial
La Región, do xoves 6 de febreiro de 1997. O artigo titúlase:
"O xacemento arqueolóxico de As Laias, en Cenlle, deixa á luz importantes achados", e subtitula: "
É similar ó de San Cibrán e os veciños reclaman unha recompensa".
Comeza o artigo dicindo que unha asociación de comuneiros reclamaba saír "
beneficiada economicamente dos achados que se obterían nas escavacións arqueolóxicas do xacemento romano de As Laias". Os veciños sabían que a Lei de Patrimonio contempla gratificacións para os descubridores por azar de achados arqueolóxicos que non sexan bens inmobles, por iso reclamaban compensacións económicos porque sabían que no seu monte aparecían, segundo o mesmo xornal "
diversos restos arqueolóxicos que deberán ser estudados detidamente para coñecer o seu valor real. Concretamente moedas, ánforas e algúns pendentes, deixando ó mesmo tempo ó descuberto unha zona na que se pode contemplar a estrutura de diversas edificacións que, segundo as primeiras apreciacións, datan da época prerromana e de grande valor".
Segue a dicir o artigo: "
Este xacemento está situado baixo o de San Cibrán de Las, na ladeira que dá o Miño. Unha vez construída a futura autovía esta pasará por riba deste asentamento."
É evidente que os veciños ignoraban que o verdadeiro valor do seu monte non eran os achados casuais senón o conxunto do xacemento, susceptible de constituír unha grande rexión ou zona arqueolóxica cos inmediatos castros do San Trocado, da Cidade de Las-Ourantes e de outros que os arrodean, incluso dos concellos limítrofes de Amoeiro, Maside e Carballiño.
Hoxe o xacemento está perdido, coa autovía A-52 non por riba, senón nun nivel inferior ó de gran parte do xacemento arqueolóxico, polo que este non quedou enterrado, senón que literalmente
desapareceu no aire.
A petición dos veciños recórdame ó conto da
galiña cos ovos de ouro. En vez de conservar e coidar a galiña, cada parte tratou de abrila para quitarlle os codiciados ovos. Para gobernantes e empresa construtora os ovos de ouro eran soportar o menor custo posible das obras e rematalas pronto; para os veciños, eran ovos de ouro as compensacións económicas que teimaban en recibir polos achados arqueolóxicos. Pero agora... a galiña morreu.
O venres, 11 de abril de 1997, o mesmo xornal de
La Región da unha mala noticia: "
Cultura niega que pueda desviarse la autovía en Barbantes". Remata o artigo dicindo cunhas palabras do presidente da Xunta de Galicia: "
los trabajos van a todo gas". Así foi.
O 9 de maio de 2004, Jesús Manuel García publica un interesante artigo no xornal La Voz de Galicia: "
O complexo mineiro que a autovía tapou".
O descoido de veciños e gobernantes que mataron a galiña dos ovos de ouro en Barbantes segue a producirse na actualidade en moitos puntos da nosa xeografía. Un exemplo témolo a dous quilómetros de Laias, na
fonte romana de Lagharellos, tamén moi maltratada por aquela obras da autovía. Outros exemplos da contorna podedes velos neste blog, pero en Galiza os atentados ao Patrimonio son incontables.