Lagharellos (así, con
gheada, era como lle chamaban os nosos maiores) é un fermoso recuncho da parroquia de Razamonde, no concello ourensán de Cenlle e na marxe dereita do tramo central do río Miño. Este lugar está situado ó sur do monte do Santrocado, punto de referencia na arqueoloxía do Miño Central e dos Chaos de Amoeiro por ser un centro cerimonial dende o mundo antigo. Vinculada á inmediata Cidade de Lámbrica (castro de San Cibrao das Las-Ourantes), esta ribeira posúe abundantes ?e esquecidos- restos históricos, etnográficos e paisaxísticos que, aínda hoxe, na sociedade da información e da ?
cultura? continúan a ser pouco valorados.
A dous ou tres quilómetros desta pequena aldea ribeirá de Razamonde está o embarcadoiro de
A Barca, pequena aldea con aires de vila e algúns negocios, tendo alí parada o ferrocarril Ourense-Vigo e que por iso lle trocaron o nome polo de ?
Barbantes-Estación?. Dende esta aldea existe un camiño tradicional, posible
calzada antiga, que remata ás portas do castro da
Cidade de Lámbrica, xa nos concellos de Punxín e San Amaro, coñecido habitualmente como Castro de San Cibrán
de Las.
O aumento de poboación que deu lugar á Cidade de Lámbrica puido ter moito que ver con esta interesante vía de comunicación que, partindo de
A Barca, enlazaría Miño abaixo coas rutas de navegación atlánticas da Antigüidade.
Este gran centro castrexo, unido ó punto de vixía do Santrocado, exercería a supremacía política, administrativa e económica sobre os territorios da contorna dos que aproveitaba os seus recursos agropecuarios e minerais, moi especialmente na época romana. Existen restos de explotacións mineiras a distancia máis ou menos moderada de Lámbrica, coma os do Puzo do Lago (Maside) ou os montes inmediatos á Serra da Madanela, entre as terras do Carballiño e do Irixo. Pero tamén existen vestixios de explotacións romanas en toda a ladeira sur do Monte do Santrocado, onde estaba o poboado mineiro do
Castelo de Laias.
O Castelo de Laias foi totalmente derrubado para a construción da autovía das Rías Baixas (A-52) nos anos noventa do século XX, destacando o silencio de gobernantes, veciños e comunidades de montes. Fixeron unha escavación "de urxencia" que foi a acta de defunción do milenario poboado romano, dos seus depósitos de lavado de mineral, das súas conducións de auga, das súas edificacións e de innumerables restos que aparecían (moedas romanas,
muíños de man, restos de fusaiolas?)
A un quilómetro ó oeste deste poboado do Castelo de Laias está
Lagharellos. Atopamos alí construcións tradicionais con restos de antigos lagares, canalizacións, fermosos muros de pedra, e, ó final do camiño ?cruelmente pavimentado de cemento electoralista- unha fonte romana con arco de medio punto, unha verdadeira xoia na arqueoloxía e na etnografía do concello. Pero esta fermosura de fonte atópase totalmente abandonada pola desidia de habitantes e gobernantes.
Realizada en granito, a fonte está cuberta por bóveda, tamén de pedra. Ó non poder acceder a ela non é posible facer unha descrición máis completa. Ó abandono habitual que permite o crecemento das silveiras únese o maltrato ó que foi sometido o monumento pasando por enriba del nada menos que a flamante autovía A-52, a asasina do
veciño poboado mineiro do Castelo de Laias, que tamén ocasionou movementos de terras que sepultaron parcialmente a fonte de Lagharellos.
A fotografía que encabeza este artigo foi realizada nos anos noventa, antes de existir a autovía. Actualmente é imposible ver o monumento (
ver o estado actual). A importancia arqueolóxica do lugar, a fermosura das súas corredoiras, a vexetación na que dominan os corticeiros ou sobreiras, as preciosas vistas sobre o río Miño, non son impedimento para que xurdan construcións que non respectan a contorna nin para que se enchan de cemento desmesuradamente as tradicionais corredoiras, incluso ata a entrada da propia fonte romana, descoidando con evidente desprezo os nosos restos patrimoniais e a nosa paisaxe.
A carón da silveiras que oculta a fonte romana existe un
panel informativo que di así (sic):
?FONTE DE LAGARELLOS
É unha fonte de captación de auga sen pozo, posiblemente para limpar os minerais de ouro e estaño que se extraían nas ladeiras do monte onde se atopan varias bocaminas de época prerromana-romana e que o confirma os restos dun lavadeiro de mineral existente máis abaixo da fonte, nunha propiedade privada, moi preto, xunto con condutos de auga labrados en pedra e cimentación de construcións presumibles da mesma época.
Fonte de construción sumamente singular, de forma abovedada, asentada sobre un xacemento romano.?
A boa orientación do lugar e un microclima excelente para o cultivo do viño debeu favorecer a fundación dalgunha mansión ou vila romana. Penso que esta fonte, pola súa monumentalidade e a súa situación na cima da aldea, tivo que servir para satisfacer as necesidades domésticas desa mansión e do poboamento que se iría asentanto arredor dela.
A preguiza manifestada na conservación de tan importante lugar fará, coma sempre, que se vaian perdendo posibilidades de coñecer o noso pasado e a nosa historia, unha teima constante das administracións cos claros obxectivos de que sexamos un pobo culturalmente estéril.
Grazas as administracións por deixarnos, cando menos, o panel informativo, aínda que lles recomendo non esquecer que, en pouco tempo, tamén o propio panel estará cuberto polas silveiras.