Arredor de Lámbrica


Os petroglifos e o castro de Santa Mariña en Armeses (Maside)
Coto do Santrocado dende o castro de Santa Mariña
O castro de Santa Mariña está situado cerca do lugar de Casanova, na parroquia de San Miguel de Armeses, no concello ourensán de Maside. Santa Mariña está envolto nas repetidas lendas de mouros, pero tamén de lendas milagreiras que fan referencia a curacións, sarcófagos e ocos nos que ?se lavaba a Virxe?. Na localidade de Listanco, a santa que da nome ó castro é a titular dunha fermosa capela barroca, o que permite pensar nun claro caso de cristianización de cultos antigos.

Na contorna do castro existen formacións graníticas nas que poden atoparse petroglifos. BARANDELA RIVERO e LORENZO RODRÍGUEZ falan, nada menos, que de cinco grupos de coviñas, distribuídas por todo o recinto. Nós só atopamos unha. As visitas fanse fatigosas e infructuosas, pois as riquezas arqueolóxicas son gardadas celosamente polas grandes xestas. O concello de Maside atopou nelas ó mellor gardián para custodiar os seus castros.

No horizonte Suroeste de Santa Mariña podemos observar, a menos de seis quilómetros en liña recta, o coto do Santrocado e a parte superior da chaira onde está a Cidade de Lámbrica. Non é o único caso que atopamos na comarca dun castro con comunicación visual directa con Lámbrica e a moi poucas horas de distancia dela para un camiñante.

A magnitude de Lámbrica en relación con todos estes xacementos circundantes fai pensar nunha primacía ou capitalidade exercida por aquela no seu contorno. Os recursos económicos obtidos nese territorio darían lugar a unha especialización de funcións e á aparición de vida urbana entre San Cibrao das Las e Ourantes, o actual castro de San Cibrao das Las e que eu prefiro chamar de Lámbrica (non Lansbriga).

Dende alí sería fácil enviar e recibir recursos pola vía fluvial do Miño ata o Atlántico podendo así ser comprendido o engrandecemento do castro de Lámbrica, considerado como o maior de Galicia, no que foron atopadas evidencias de integración nos circuítos comerciais: ánforas, cerámicas sixilatas, doas de vidro e moedas das épocas inmediatamente anterior e posterior á conquista romana.

Pero a romanización da Cidade de Lámbrica parece obedecer a unha explotación de recursos que xa existía con anterioridade, como evidencian o posible ?mapa? dos petroglifos da Ermida en Eiras, a existencia de mámoas no propio castro de Lámbrica e a pervivencia na ara romana de Eiras do nome dun deus indíxena, BANDUA, común a moitos lugares do Oeste da Península Ibérica e do que se coñecen, ó menos, vintecatro aras.

Os castros que arrodean á Cidade de Lámbrica, entre os que se atopa o de Santa Mariña de Armeses, poden dar moita información sobre a nosa Prehistoria, pero o seu estudo debe vincularse sempre ó da súa posible ?capitalidade?, a propia Lámbrica. Os sistemas económicos que exportaban ou importaban recursos do exterior non poden sosterse sen a participación do seu territorio circundante máis inmediato, o seu ?hinterland?. É dicir, que a mellor maneira de estudar o xacemento de Lámbrica é facelo conxuntamente cos medianos e pequenos castros que a arrodean.

Dentro dese territorio, ademais do castro de Santa Mariña, co que encabezamos este artigo, podemos incluír o castro de Amarante, igualmente no concello de Maside e moi preto ás minas auríferas do Puzo do Lago. Outro interesante castro, do que tamén puideron extraerse recursos mineiros que se exportarían pola vía de Lámbrica e Barbantes, é o de Mosteiro, no concello de O Carballiño. Tamén é posible a visibilidade directa con Lámbrica dende Cameixa, en Boborás, e dende O Formigueiro, en Amoeiro. Ademais destes que citamos, existe unha pléiade de pequenos castros, moitas veces o xerme das actuais aldeas sementadas polo noso territorio. É mágoa que algún deles xa desapareceron.

Tamén poderíamos considerar que algúns dos castros dese ?hinterland? terían unha certa especialización. Como exemplo teríamos o Coto do Santrocado, unha elevación de 550 metros sobre o val do río Miño, que debeu posuír unha función de vixía do contorno de Lámbrica e da principal vía de comunicación fluvial co exterior: o río Miño.

Na ladeira Sur do Santrocado había outro asentamento, entre os lugares de Barbantes-Estación (tradicionalmente chamado A Barca) e Laias. Este xacemento, chamado O Castelo, tamén obedecía a unha especialización, neste caso de tipo mineiro, ocupándose os seus habitantes da extracción de ouro. Foi salvaxemente derruído para construír a autovía A-52. Nunha noticia publicada en "La Voz de Galicia" o 6 de febreiro de 1997 fálase de "unha zona na que se pode contemplar a estrutura de diversas edificacións que, segundo as primeiras apreciacións, data de época prerromana e de grande valor. Este xacemento está situado baixo o de San Cibrán das Las, na ladeira que dá o río Miño. Unha vez construída a futura autovía, esta pasará por riba deste asentamento". Así se fixo.

Todos os castros citados permanecen só na bibliografía dos estudosos sen a posibilidade de que poidamos achegarnos a eles e contemplalos, non xa cunha adecuada rede de información e vixiancia ?que sería o desexable- senón sen a imposibilidade física que dan as xestas, os toxos e os piñeiros, cando non a completa desaparición do xacemento.

Mentres sigamos así non só seremos un exemplo de país que abandona o seu Patrimonio: tamén seremos un país que está a estragar os seus recursos e o seu propio coñecemento, a súa propia Cultura, sendo posible que no futuro continúen a repetirse tropelías como as do xacemento do Castelo, entre A Barca e Laias en 1997, sen que ninguén faga nada por evitalo.

Unha suxestión interesante, e barata, é a de establecer rutas, incluso de sendeirismo, que enlacen e relacionen ós principais castros da comarca, partindo e converxendo sempre no castro de Lámbrica. Necesítaríase información en todos os puntos, vixiancia nos xacementos e as necesarias infraestruturas, pero non fan falta grandes obras nin faraónicas construcións. Abonda con posuír interés polo Patrimonio e pola Cultura. Nada máis.

Ver o país de Lámbrica.










Ver restos de construcións en Santa Mariña
Ver o horizonte Suroeste dende Santa Mariña
Ver coviñas nunha peneda de Santa Mariña
Artigo publicado o 27-06-2010 12:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0