Dende as pedras orientadas de Lámbrica (castro das Lás e Ourantes), posiblemente anteriores ó asentamento castrexo, podemos ver tamén cara o solpor equinoccial o nacemento dun dos regatos do contorno, o que pasará polo lugar da Reguenga. Este nacemento do regato está a moi pouca distancia do castro e contén microtopónimos tan significativos como
O Trulleiro (de trollo, lama),
As Lagoas ou
O Río. Sinálase coa frecha amarela o lugar aproximado.
A zona é máis ou menos visible dende o lugar de Lámbrica que mostra a fotografía, onde están as pedras orientadas ós equinoccios. Esta visibilidade sería mellor se non existise a muralla, polo que estas elaboracións astronómicas deben proceder de épocas anteriores ó mundo castrexo e á Idade do Ferro.
Aproximadamente aquí, nesa zona húmida, é onde podería situarse o
punto C, representado polo
petroglifo C da Ermida (Eiras), do que se falou nun artigo anterior, cando se superpuxo o esquema dos petroglifos a un mapa do contorno (?).
É dicir, que os petroglifos da Ermida poderían representar unha visión do territorio que é posible ver dende o alto do outeiro de Lámbrica, onde están as pedras orientadas da fotografía.
Así, o gravador da
Ermida (Eiras) situaría na rocha unhas referencias que obtivo en
Lámbrica, a dous quilómetros ó Nordeste da Ermida, onde centos de anos despois serán erguidos os muros do castro.
O petroglifo máis grande da Ermida (
petroglifo A), que ten liñas radiais e máis círculos concéntricos que os seus compañeiros, representaría logo ó propio outeiro de Lámbrica, que nos no mapa do contorno aludido figura tamén cunha letra
A. Na base deste artigo hai un vínculo a ise mapa do contorno.
A Ermida está situada, consecuentemente, ó suroeste de Lámbrica, coincidindo co
solsticio de inverno. Aquí temos outra vez repetido o fenómeno da aliñación ó solsticio de inverno, xa vista no Abeiro do Raposo (Amoeiro) e nas rochas do cumio do cercano monte do Santrocado.