
Se unimos cunha liña as pedras con pías do cumio do Santrocado veremos que esa liña apunta cara o solpor do solsticio de inverno, aproximadamente ós 239º azimutais, polo que podemos sospeitar de que eses aliñamentos eran intencionados.
Este aliñamento, en sentido inverso, apunta cara o abrente no solsticio de verán e cara un lugar importante: o Abeiro do Raposo, no concello de Amoeiro. Desde O Raposo tamén vemos ó sol pórse no solsticio de inverno, aparentemente, no cumio do Santrocado, e a luz do solpor entrar dentro dun abeiro de penedos alumeando un petroglifo. É logo indiscutible a importancia que os pobos antigos lle daban ós solsticios.
As postas de sol no solsticio de inverno na actualidade non son moi diferentes das que había hai tres ou catro mil anos segundo o programa informático Cartes du Ciel, que se utilizou para calculalas. Cos datos deste programa, as postas de sol nun horizonte limpo, sen árbores nin montañas, produciríase nas nosas latitudes ós 238º azimutais.
Na composición gráfica que se adxunta fíxose unha comparación da liña teórica do solsticio de inverno que se localizou entre as dúas penedas do Santrocado coa liña que une dous dos petroglifos do monte da Ermida, na parroquia de Eiras, onde se xa se comprobaron aliñacións de petroglifos, aínda que no outro solsticio: no de verán. A existencia no panel da Ermida dun petroglifo cara o suroeste, a 233º azimutais, do petroglifo principal, fai posible o trazado dunha liña de orientación semellante á do Santrocado, aínda que na Ermida detéctase unha pequena diferenza entre as dúas orientacións de 6º.
As observacións solsticiais poden obedecer a algunha vertente relixiosa, que perviviría no Cristianismo coa construción da ermida no cumio do Santrocado.
Ver artigo posterior sobre o aliñamento no Santrocado.
|