A capela do Santrocado (San Amaro) está orientada de Sur a Norte, mirando a porta de entrada cara o castro de San Cibrao das Las e de Ourantes, a menos dun quilómetro. A parede Leste da capeliña serve de límite parroquial entre Ourantes e As Las e, consecuentemente, tamén de límite municipal entre os concellos de Punxín e San Amaro. Eses límites están sinalados na propia parede Leste e, tamén, cun signo cruciforme e letras, nun penedo que hai na base do mesmo, pola parte exterior, moi cerca dun bidueiro que medra ao lado da parede.
No gráfico esta peneda nomeouse cun
B. Ten a curiosidade de conter un oco ou pía, de tamaño mediano, similar á Peneda da Saínza, entre Cenlle e San Amaro, aínda que esta última non posúe marcas cruciformes nin letras. Ademais das semellanzas coa peneda da Saínza (penedos baixos, de parte superior case plana e contendo unha pía máis o menos profunda) tamén existe a coincidencia de que ambas delimitan actualmente territorios parroquiais e municipais. No mesmo Santrocado, pero agora na parte suroeste da capela, a uns poucos metros, atopamos outra peneda de similares características, cunha pía algo profunda, que denominamos no gráfico cun
A.
Podemos comprobar que a liña que marcan os dous penedos que citei ó principio está orientada, aproximadamente, a 59º e a 239º azimutais. As saídas de sol no solsticio de verán son ós 57º e os solpores do solsticio de inverno son os 238º azimutais, polo que as coincidencias, pese á falta dun estudo máis rigoroso, son evidentes.
Cómpre salientar que a construción da capela interrompeu esta liña visual, pero no esquema podemos ver cómo esa liña que une os dous penedos pasa exactamente polo punto medio da parede Sur, a cabeceira do edificio, onde, pola parte interior, está situado o altar.
Resumindo, a liña dos dous penedos do Santrocado apunta cara o abrente do sol no solsticio de verán, pasando polo lugar do Abeiro do Raposo, e, en sentido oposto, esa mesma liña prolongaríase cara o solpor do solsticio de inverno.
O
Abeiro do Raposo está no concello de Amoeiro, e a súa existencia coñecémola grazas a que foi publicado en 2004 un traballo de García Quintela e Santos Estévez (GARCÍA QUINTELA V., SANTOS ESTÉVEZ, M.: ?Alineación arqueoastronómica en A Ferradura (Amoeiro-Ourense)?. Complutum 15,. 2004. Páxinas 51-74), dispoñible en Internet.
O petroglifo do Abeiro do Raposo constitúe unha importante novidade no estudo da Arqueoastronomía pois nas datas do solsticio de inverno o sol alumea, no intre do solpor, un petroglifo existente nun abeiro de penedos, grazas a unha pequena fenda cara o suroeste. Ademais, o petroglifo parece debuxar, tamén pola parte suroeste,
o contorno ou perfil do monte do Santrocado. Pero o máis destacable e que nesas datas do solsticio de inverno podemos ollar dende O Raposo, tamén no intre do solpor, como
se deita o sol xusto polo cumio do monte do Santrocado, a 238º azimutais.
As coincidencias astronómicas de Santos Estévez e García Quintela poden verse, logo, completadas pola liña que as dúas pedras do Santrocado, posiblemente bases de postes, trazan cara o horizonte, e que coinciden plenamente co fenómeno do aliñamento do solsticio de inverno entre o Abeiro do Raposo, o cumio do Santrocado e o sol no intre da súa posta. É posible que nestes aliñamentos estean imbricadas tanto inquietudes astronómicas coma orográficas.
As preocupacións astronómicas, detectadas tamén no cumio do castro das Las e nos petroglifos da Ermida en Eiras, están a falarnos das preocupacións daquelas xentes polo establecemento de calendarios que regularían tanto as ocupacións e os traballos coma os actos de reunión de tipo ritual ou relixioso.
Serán estas reunións as que aproveitará o nacente Cristianismo, que seguirá levando en procesión ó cumio do Santrocado ás xentes do contorno cada quince de maio que ?
... coas súas bandeiras de cores, gabeaban polas duras encostas dun monte, esquecidas dos seus antergos castrexos, mais obedecendo ós mandados do seu espírito?, segundo afirmaba Cuevillas en
Prosas Galegas.
As coincidencias territoriais poden verse tamén como unha preocupación polo reparto de territorios para a obtención de recursos, sexan agrarios, pecuarios ou mineiros. Estas tradicións de división do territorio serán herdadas, en non poucas ocasións, polas divisións eclesiásticas e, incluso, administrativas, como sucede na pedra
B do Santrocado ou no penedo da Saínza.
A
silueta do monte do Santrocado, destacando no val do Miño medio, é recoñecible dende lonxe e debeu servir como fito de referencia dos pobos que arrodeaban ó citado monte e á inmediata
Cidade de Lámbrica. A distancia en liña recta dende o cumio do Santrocado, onde tamén houbo un castro, e o Abeiro do Raposo en Amoeiro é de case seis quilómetros, o que pode darnos unha idea das influencias que ese gran centro administrativo,
Lámbrica, transmitía máis alá do seu contorno máis próximo.