A riqueza de estaño no subsolo é apreciable na caída sur cara o val do río Miño, pois alí existen, nunha franxa que ven desde A Barca (chamada Barbantes-Estación) ata Razamonde restos de minas, algunhas delas tan antigas como as escavadas na ladeira Sur do Santrocado antes de que a autovía a Vigo estragase todo, onde estaba o poboamento prerromano e romano das Laias.
En Eiras, aínda que hai minas de estaño no contorno da Ermida, non se coñece a existencia de minaría antiga. Pero sabemos que no mundo antigo, antes da Idade do Ferro, o estaño era un metal imprescindible para conseguir o bronce co que se fabricaban armas e obxectos. É aí onde pode estar a orixe dos poboamentos e das explotacións mineiras do noso contorno, que continuarían no tempo ata a época romana, que coñecemos algo mellor. Pero para os romanos o estaño era un produto secundario comparado co ouro que se podía obter das nosas terras, tanto do subsolo coma dos leitos dos ríos.
Á par das posibles actividades mineiras, os pobos anteriores á Idade do Ferro destacaban polas súas ocupacións gandeiras. A relación cos pequenos vales do contorno, onde o gando atoparía alimento nas épocas menos húmidas, parece entreverse cando superpoñemos o esquema dos petroglifos da Ermida enriba dun mapa do contorno. Dous dos petroglifos sinalan case con precisión o lugar de nacemento de correntes de auga.
Ademais, ese esquema que superpomos parte do punto A, nome co que denominamos o petroglifo principal da
Ermida, pero situámolo no plano dous quilómetros máis ó nordeste, no outeiro onde hoxe están os restos do castro de San Cibrao das Las. Dende alí, o solsticio de verán que na Ermida pon en liña dous petroglifos co sol, poría en liña o castro (onde estaría o observador), o nacemento dun regato e o sol do solpor.
Elo lévanos a pensar que o poboamento ou a referencia ó outeiro onde se edificará o castro das Las xa procede de datas anteriores á Idade do Ferro, cuestión que tamén parecen demostrar as pedras orientadas (unha delas ?romanizada? coa inscrición
IOVI) que están a rentes dunha muralla do propio castro das Las. Se sostemos que a orientación das pedras cara os equinoccios e cara a
Pena Corneira é intencionada temos que retrotraer tal orientación algún tempo antes da época castrexa, da Idade do Ferro, pois a muralla que alí se construíu non permitiría apreciar o horizonte.
Os petroglifos de Eiras poden ser datados na
Idade do Bronce, cando menos, e supoñer que constitúen un ?
mapa? no que o petroglifo principal, con liñas radiais e maior tamaño que os outros, representaría ó outeiro da Cidade de Lás. Elo non entraría en contradición coa maioría das datacións que se soen facer de petroglifos con tipoloxía semellante ós de Eiras, pero aportaríanos a novidade de que na Idade do Bronce se fan referencias a un lugar que hoxe só consideramos castrexo ou da Idade do Ferro, o castro de San Cibrán das Las e Ourantes.
Corroboran este razoamento que nos levou á Idade do Bronce, ou
incluso antes, a existencia de dúas mámoas,
unha pegada ó mesmo Castro das Las, no límite entre as parroquias de
Las e Ourantes, ó sur do xacemento.
A outra está a uns douscentos metros da pedra dos petroglifos da Ermida, na parroquia de
Eiras, onde aínda hoxe din algúns que ?
están enterrados os mouros?.
Penso que co tempo han de aparecer probas de que o outeiro da Cidade das Las e Ourantes, inseparable do veciño Santrocado, foi xa un lugar de importancia moito antes de que os castrexos comezaran a poñer, unha a unha, as pedriñas da Cidade da que aínda hoxe admiramos os alicerces.