A algo máis de dous quilómetros en liña recta, tamén cara o Oeste, aínda que un pouco ó sur da referencia do artigo anterior (a Pena Corneira), podemos ver dende
Lámbrica a Saínza, lugar alto, con poboación dispersa entre as parroquias de Vilar de Rei e Beariz (concellos de Cenlle e San Amaro, respectivamente).
Este lugar da
Saínza está ó Sur do castro de Beariz, tamén poboado de piñeiros e esquecido por paisanos e gobernantes pese a ser un asentamento castrexo vinculado ó de San Cibrao das Las, por proximidade e visibilidade, susceptibles de pertencer ambos á mesma entidade política e administrativa de hai dous mil anos, á terra de Lámbrica.

Xusto no límite dos concellos de San Amaro e Cenlle atópase unha rocha de moi pouca altura que contén na súa parte superior un oco profundo. O máis salientable é que esta rocha está envolta en lendas, xa que os veciños afirman que
as mozas casadeiras de Vilar de Rei non atoparían mozo se non se sentaban na peneda. Tal afirmación pode provir de antigos cultos á fertilidade, pois para os pobos antigos o matrimonio era a antesala da procreación.
A tradición oral tamén asegura que non hai moitos anos a pedra era máis grande, atravesando a actual estrada. Tiña unha superficie plana, na que se sentaban os mozos da contorna nos seus tempos de lecer. A mesma tradición oral afirma que foron canteiros portugueses os que desfixeron gran parte da peneda para obter postes para os valados que pechaban os eidos.
A orientación equinoccial con respecto ó castro de San Cibrao das Las (
Lámbrica) pode estarnos a falar dunha utilización cando menos da época castrexa, á vez que nos suxire preocupacións astronómicas, ben sexa por necesidades de calendario ou relixiosas.
Ademais, a súa configuración cun gran oco, que puido servir para conter algún tipo de poste, evoca algún tipo de sinalización territorial. A sinalización territorial será herdada na actual distribución das parroquias e concellos, pois as divisións eclesiásticas e as administrativas actuais aproveitarán estas rochas emblemáticas como marcos de división.