Arredor de Lámbrica


☀️ Os petroglifos de Eiras e Lámbrica
Foto do panel dos petroglifos da Ermida dende o Norte da rocha (Eiras, San Amaro).
A tipoloxía dos petroglifos de Eiras fainos pensar en gravadores da Idade do Bronce, podendo ser datado este panel entre os anos 1700 e 1200 antes de Xesucristo, aínda que a súa utilización pode chegar ata os tempos da romanización.

Só a figura máis pequeniña demostra ser gravada nun período xa tardío, pois á súa distinta factura denuncia que se empregou algún instrumento metálico. Unha coviña tan diminuta non pode ser trazada por desgaste con instrumentos líticos como foron gravadas as demais figuras.

Elo indicaría a longa utilización cronolóxica do lugar, posible evidencia dalgún carácter sacro. Esta sacralidade terá continuidade co cruceiro cristián erguido nas súas inmediacións, a carón dunha mámoa.

A orientación do petroglifo máis grande do panel cara o outeiro onde no período castrexo será edificada a Cidade de San Cibrao das Las lévanos a sospeitar que os gravadores do panel da Ermida xa tiveron en conta ó citado outeiro, moitos séculos antes do período castrexo.

Elo pode indicar a preeminencia que o outeiro onde está o Castro das Las, Lámbrica, puido ostentar xa sobre o contorno. Esta preeminencia estaría simbolizada no panel polo maior tamaño do petroglifo orientado cara ese outeiro, polo maior número de círculos concéntricos que contén e pola presenza de liñas radiais, inexistentes no resto das figuras.

Loxicamente, esta relación tivo que ser anterior ó período castrexo. No castro das Las existe, cando menos, unha mámoa ou sepulcro colectivo, parella de outra que hai nas inmediacións dos petroglifos da Ermida. En moitos estudos asóciase a presenza de petroglifos circulares con mámoas do contorno, polo que deben ter unha cronoloxía semellante. No noso caso, elo implica que a presenza humana na citania de San Cibrao Las é moito anterior ás actuais construcións castrexas que alí podemos admirar.






Bibliografía

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "Os petroglifos da Ermida en Eiras, solsticios e territorio". Ágora do Orcellón 18. Páx. 32-45. Vigo. Xullo de 2009. ISSN 1577-3205.














Ver o petroglifo principal da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver a Pedra Furada da Ermida
Ver algúns aliñamentos nos petroglifos da Ermida
Artigo publicado o 05-09-2010 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0