Arredor de Lámbrica


O Coto do Santrocado


Na ribeira do grande río galego, non lonxe da aldea dos Solovio, a maina curva dun meandro demarca a larganza e fartura da veiga chá, de fondo terrón fillo do río, presidida ao Leste polo esquemento azul do Coto da Bidueira. Ten as abas vestidas de piñeirais crecedeiros e o peito asucado polas arroiadas da invernía. Os ribeiráns chámanlle coto cun senso de amor como cousa mimada, presente a todas as horas das súas sazóns, e mírano como algo vivinte, pois ten o cume figura de testa de gato ou de moucho, e ata figura con certos ventos e con certos soles acenar as orelliñas feitucas.

(OTERO PEDRAYO, Arredor de Si, cap. XII. 1930).

O castro do Santrocado, Santorcado ou Santorcato (“o santo que leva o torque“), tamén chamado nos arredores “O Coto“, está no cumio do monte do mesmo nome, a uns 550 metros de altitude sobre o nivel do mar, situado na marxe dereita do río Miño ao seu paso pola provincia de Ourense, entre Arrabaldo e Trasariz.

Na parte máis alta do castro hai unha capela na que se celebraba unha concorrida festa, a romaría do San Torcado o 15 de maio, á que acudían os devotos das parroquias dos arredores do monte: San Cibrao das Las, Ourantes, Laias e Eiras, coas súas cruces e pendóns. Os veciños de San Cibrao das Las subían a imaxe que aínda hoxe se conserva na súa igrexa. Aproveitando a procesión, que recorría a cima do monte, bendecíanse os campos da contorna, poñendo o santo nun curioso penedo que hai a certa distancia ao sur da capela. Despois, tamén era tradicional o concurso de bandas de música, xa que cada parroquia levaba a súa.




Artigo publicado o 15-05-2021 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0