Arredor de Lámbrica


O bispo de San Cibrao das Las
Figura con mitra no cruceiro das LasA carón da parroquial de San Cibrao, e da reitoral de mal recordo polo asoballamento dos poderes fácticos, que creron que o muro e o portalón estorbaban ás orquestas, sobrevive un cruceiro de ánimas que custodia unha serpe enroscada ao seu varal.

O cruceiro descríbeo así FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA:

"Sobre triple escada de forma cuadrangular colocouse un cubo cos cantos rebaixados tanto nas arestas superiores como nas laterais, agás os extremos. Esta base, que sostén unha vara grosa de sección octogonal pola que gabea unha serpe cara arriba, merece ser observada con máis detalle. Así, pola parte dianteira presenta a figura dun cadrado no que se perciben os restos dun antigo epígrafe que non fomos capaces de interpretar debido á forte erosión. Na cara da banda esquerda ten tres ánimas en relevo e por debaixo delas destaca o burato para as esmolas".



FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA debe referirse á cara que está a dereita cando miramos o cruceiro dende o campo da festa (é a cara que mira á estrada). Continúa a descrición:

"A cara traseira adobíase por unha caveira sobre tibias cruzadas, mentres que na cara dereita perfílase a figura dun bispo (leva tiara) cun caxato na man no que cremos ver a figura do San Trocado".

Mirando o cruceiro pola parte dianteira, a que mira cara a igrexa, o "bispo" está na cara esquerda da base. Voltaremos sobre este curioso bispo cando remate a descrición de FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, que segue así:

"O capitel de catro lados, con astrágalo rectilíneo, vese adobiado por diversas molduras e colar redondo. Soporta unha cruz finiña, de sección romboidal cos extremos rematados en catro bicos con botón central. Carece de figuras. Por diante do cruceiro vese unha mesa de pedra apoiada no terceiro dos chanzos e na parte alta da base. Catro boiardos de pedra de sección octogonal parecen protexer ao conxunto de posibles golpes".

En realidade, o que fan os boiardos é delimitar un espazo sacro. Pero, que hai do bispo?



Pois... o bispo vese bastante mal. Nunha fotografía de 1995 podémolo ver con algo máis de detalle. Posúe un gorro que recorda a unha mitra (non tiara) pero, en realidade, tampouco parece unha mitra. Na súa man esquerda, a modo de báculo, leva algo a xeito de vara que parece rematada por unha fouce.

Tamén é curioso que á dereita do bispo haxa un baleiro inusual. O artista ou canteiro que quixera facer un bispo só, faríao, temos que supor, no centro da escea. Ese baleiro á dereita do santo pode obedecer a un "repicado" posterior dalgún elemento considerado precristián ou pagán.

A mitra, que non é mitra, a posible fouce, o baleiro á dereita... E se fose a representación dunha escena, personaxe ou símbolo precristián?

Ademais, nunha parroquia con tres santos bispos (San Brais, San Trocado e San Cibrao)... sería necesario que houbese un elemento que identificara plenamente ao bispo do cruceiro. Este elemento identificador non existe. Polo tanto, ningún dos tres candidatos ten, ao meu ver, posibilidades de estar alí representado.

Non será que os santos bispos que se veneran na parroquia ocuparon o lugar de antigos chamáns, druídas ou personaxes relixiosos, míticos ou fabulosos, presentes nas tradicións e nas crenzas daquelas comunidades precristiáns?

Se os atributos deses personaxes precristiáns eran similares aos dun bispo... tería sentido que a introdución de cultos a santos mitrados sería máis fácil nestas comunidades pra asentar as novas doutrinas. A proliferación de santos que existe nas parroquias e os poderes taumatúrxicos de cada un deles esconden as antigas prácticas politeístas. Para xustificar un só Deus, houbo que darlle "funcións" aos santiños.

O canteiro do basamento do cruceiro de San Cibrao das Las labrou na base do cruceiro algo que nos leva a tempos moi pretéritos, seguramente unha escena que debeu mutilarse posteriormente para impedir a súa plena identificación, ao mesmo xeito que se mutilaron as bestas nas basas dos pórticos románicos, como podemos ver no do Paraíso da catedral de Ourense.

O cristianismo asentouse sobre elementos xa definidos, que houbo que "modelar" para facer coincidir coas novas doutrinas. Pero non se borraron de vez todos os signos daquelas pretéritas relixións, que seguiron manifestando sinais, aínda que foron perdéndose co paso do tempo. No século VI San Gregorio Magno daba instrucións a Agostiño de Canterbury sobre os santuarios pagáns na actual Inglaterra, dicíndolle que non os destruíran.

O bispo de San Cibrao das Las fálanos de cousas que non entendemos, pero que quedaron alí, a carón de Lámbrica, para sempre, o mesmo que os segredos das figuras da Silla do Rei. A orixinal serpe que rube polo varal cara a cruz tamén parece querer dicirnos algo.

"Reparade nos cruceiros e descubriredes moitos tesouros"... dicía Castelao.




Bibliografía
FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA, E.: "Cruces, cruceiros e petos do concello de San Amaro" en Ágora do Orcellón 26. Vigo. Decembro de 2013.
Ver cruceiro de ánimas de Piñeiro en San Cibrao das Las
San Cibrao DAS Las
Artigo publicado o 14-11-2019 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0