A bidueira do
Santrocado, no cumio do monte, onde anteriormente houbo un castro, significaba algo de misterio para moitas persoas, pois observaban como unha árbore que require de certo grao de humidade no chan medraba alí na cima, xusto ao lado da capela do santo.
Hai uns sesenta anos, a capela tiña dúas bidueiras, unha a cada lado. Chamaban máis a atención naquel monte limpo, sen a repoboación dos piñeiros. Descoñezo cando desapareceu o do lado dereito.
A bidueira que chegou ata os nosos días, estaba ao lado esquerdo da ermida, mesmo a rentes da
parede, onde convivía cunha pedra gravada, antiga marca de término, e cunha pía natural onde se acumulaba a auga da choiva.
Coa súa casca branca e as súas folliñas en forma de corazón, que aledaban o adro da capela sensibles á máis mínima brisa, a bidueira do Santrocado formaba xa parte inseparable daquela contorna.
Abandonada e maltratada, mesmo por moitos dos visitantes, a vella árbore deixou de existir en 2017, despois dunha longa enfermidade.
Aos bidueiros, bidueiras ou bidos (de nome científico
Betula pubescens) chamóuselles as "
árbores da sabiduría", pero non hai acordo sobre a causa deste alcume. Uns din que a súa casca branca era usada para escribir. Outros pensan que é porque nas súas raíces medran cogumenos alucinóxenos, como a A
manita muscaria... O que é certo é que as bidueiras foron moi empregadas por zoqueiros e outros artesáns para facer zocos, utensilios domésticos e apeiros de labranza, debido á facilidade para traballar a súa madeira.
Esta do Santrocado era puramente ornamental e, quen sabe!... se milagreira. Cando menos, quedará para sempre na literatura grazas ao Patriarca de Trasalba:
"
Na ribeira do grande río galego, non lonxe da aldea dos Solovio, a maina curva dun meandro demarca a larganza e fartura da veiga chá, de fondo terrón fillo do río, presidida ao Leste polo esquemento azul do Coto da Bidueira (...)" (OTERO PEDRAYO, Arredor de Si, cap. XII).