Arredor de Lámbrica


O castro de Ourantes
Fragmento de muro orixinal do castro de Ourantes

No concello de Punxín (Ourense), a 700 metros en liña recta da Citania de Lámbrica, atópase este pequeno castro de arredor de 0,56 hectáreas de superficie, na parroquia de Ourantes e moi cerca da aldea de Rubiás.

Polo lado Norte do castro, dende a estrada que baixa ata Barbantes, pódese ver un pequeno tramo da antiga muralla, destapado nunhas escavacións.

O castro anúncianos cal foi a orixe das aldeas de Rubiás e de Ourantes. Poderíamos aventurar que estaría habitado entre os séculos VI e I antes de Xesucristo, ou, incluso, posteriormente, aínda que a empresa que realizou unha pequena escavación, no contexto do "estudio territorial realizado en torno al Centro de la Cultura Castreña de la RGPA", afirma na súa páxina web que se dataría nos séculos "IV-III a. C".

As labouras agrícolas e gandeiras, posiblemente tamén mineiras, poderían constituír o sustento daquelas xentes, que observarían ó seu Occidente -a menos de oitocentos metros, como xa dixemos- a impresionante silueta da Cidade de Lámbrica, coa que os habitantes do castro de Ourantes terían inevitables e comprensibles relacións de sometemento.

Seguindo os caprichos do parcelario, o castro de Ourantes estaría unido coa citania de Lámbrica, na actualidade, por un camiño de, aproximadamente, 1400 metros, que pasaría moi cerca da aldea de Vilar.

Temos logo un territorio cunha grande citania -Lámbrica- que está rodeada por unha constelación de pequenas aldeas castrexas dende as que se explotaría e se vertebraría ise mesmo territorio (Santrocado, Castro Martiño, Castro de Ourantes, Castelo de Laias, Eiras, Castro de Salamonde e Castro de Casardomato ou de Beariz).

Todos eles tiveron que estar, debido á súa proximidade, suxeitos ao poder político da gran citania de Lámbrica ou de San Cibrao das Las. Nunca poderemos comprender ben a citania de Lámbrica se non tratamos de ver como se distribuía o poboamento polo territorio que a circundaba.

Tras deste anel inmediato de castros que poderíamos chamar dependentes, podemos situar, nun segundo nivel, outros xacementos algo máis lonxanos, pero case sempre comunicados visualmente con Lámbrica e a poucas horas de camiño ata ela: castros de Amoeiro, Armeses, Piñeiro, Corneda, Cameixa...

Como case todo nesta terra, do castro de Ourantes non existe sinalización, nin información pública accesible, nin xiquera limpeza. Polo que poidemos escoitar dunha veciña, o monte é propiedade da Igrexa. Está a menos de cen metros da reitoral e da igrexa parroquial de San Xoán de Ourantes, nunha fermosa contorna con castiñeiros centenarios e cunha reitoral lastimosamente abandonada, digna de ser un museo, onde se cobraban impostos de portazgo para o conde de Ribadavia. Aínda hai na porta unha pedra co escudo dos Sarmento.

Na fotografía superior, feita en abril de 2015, vemos un fragmento do paramento orixinal dunha construción do castro de Ourantes, coa característica disposición das pedras. Estaba descuberto por unhas escavacións que se fixeran uns meses antes. Moi complicado para visitar, pero a rentes dunha estrada. Case todos os visitantes do Parque Arqueolóxico pasan ao seu carón sen decatarse da súa presenza.




Igrexa de Ourantes

















Artigo publicado o 14-09-2017 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0