Arredor de Lámbrica


👉 ❤️ A arte na citania de Lámbrica (II): Máis que petroglifos
Panel de Lámbrica, ofidio, cérvido e antropomorfo


No mesmo monte da Citania de Lámbrica, a Cidade da Chaira, non lonxe da pedra de Xúpiter (IOVI) e das potentes murallas do grande poboado da Idade do Ferro situado entre San Cibrao das Las e Ourantes, puidemos, non sen sorpresa, fotografiar a finais do verán de 2016, nos derradeiros días do mes de agosto e en horas cercanas ao solpor, esta pedra que semella conter unha escea.

Hai que facer notar que, como acontece noutros petroglifos con grande desgaste, só poden ser percibidos en determinados días do ano, con certa luz e en determinada posición do Sol no ceo. Afortunadamente chegamos á hora xusta e no día adecuado.

Vemos unha serpe ou ofidio á esquerda, a silueta dun cérvido con gran cornamenta no centro e un antropomorfo á dereita, que parece levar algo na súa man. Tamén vimos algúns pequenos círculos concéntricos que nesta fotografía non se perciben moi ben.

Non é posible, polo momento, ofrecer máis detalles. O ofidio da esquerda e algunhas liñas concéntricas están claramente gravados, pero no cervo e no antropomorfo que vemos ao seu lado non se aprecia nidiamente que estivesen realmente gravados, a non ser que estivesen moi desgastados, dándose a posibilidade de que fosen pintados.

En principio, a figura do antropomorfo pode recordar a outras representacións da arte esquemática da Península Ibérica, realizadas con procedementos pictóricos e presentes dende os finais do Neolítico ata os inicios da metalurxia, pero que poden sobrepasar este marco cronolóxico.

Como exemplo da realización deste tipo de prácticas pictóricas, non tan alonxadas do Noroeste como se cree, podemos citar o descubrimento en 2011 de pinturas esquemáticas na zona do Bierzo, en Vega de Espinareda.

Máis apropiado a un xacemento da Idade do Ferro como é a citania de Lámbrica, podemos establecer paralelismos, seguindo co caso do antropomorfo, con outras pinturas da Península Ibérica, como as do guerreiro celtibérico estudadas en Mosqueruela, en Teruel (descargar artigo en PDF). Este tipo de pinturas da Idade do Ferro podería datarse entre os séculos IV e II antes de Cristo.

Este achádego en Lámbrica, ou citania de San Cibrao das Las, podería tratarse dun panel que combina insculturas e pinturas. Está inédito e non moi ben conservado, correndo serio perigo, coñecendo as tropelías que ao longo da nosa xeografía fan as máquinas desbrozadoras que a cotío limpan os montes.

A temática e, posiblemente, a técnica do panel poderían ser novidosas en Galiza, polo que merecerían certa atención por parte das autoridades culturais. Paso previo sería a súa verificación e catalogación.

Moi pretiño desta alucinante escea atopamos tamén algún petroglifo inciso que representa un puñal e, noutra peneda distinta, o que parece ser a representación do perfil do monte do Santrocado. Un paralelismo da representación do perfil deste monte témolo nas terras de Amoeiro, vinculado a un evento que se produce no Abeiro do Raposo nos solsticios de inverno. Neste enlace hai unha foto do petroglifo do Abeiro do Raposo.

LÁMBRICA e os seus arredores estannos a ensinar que a súa importancia pode ser moito maior da que se lle supón e que a súa cronoloxía pode retrotraerse algunhos séculos das datas que se lle outorgan oficialmente. En Lámbrica xa estaba o home dende moito antes do "seculo II antes de Cristo", independentemente de que as estruturas conservadas dentro das murallas poidan ser desa cronoloxía.

O territorio vinculado a Lámbrica é moito máis estenso do que delimitan os muros do actual castro e do centro de interpretación que alí loce. As grandes citanias non teñen sentido se non hai un territorio circundante que aporte os recursos alimentarios que esas protocidades necesitaban. Ademais, esas grandes citanias xorden en territorios nos que existía vida anteriormente.

As tradicións antergas, que neste caso poderían levarnos posiblemente ao inicio dos metais ou ao final do Neolítico (entre o segundo e o primeiro milenio antes de Cristo, para ser prudentes), xunto coas novidades de grupos de xentes foráneas que van chegando, formarían, como pasa noutros lugares, un mundo cultural que vai adaptando esas tradicións que, así, logran pervivir no tempo. Unha parte desas tradicións culturais poderían estar representadas no panel de Lámbrica.

Na contorna hai máis exemplos de petroglifos. A menos de dous quilómetros deste achádego están os petroglifos de Eiras, a peneda da Ermida, da que se notificou á Xunta do seu achádego, pero que continúa no mesmo abandono baixo toxos, xestas e piñeiros.

Cando falaba, hai algúns anos, dos petroglifos de Eiras referíame ao monte da Cidade como elemento común de certa relevancia na contorna.

Alí, nese monte, subindo da Chaira, será onde, a finais do primeiro milenio antes de X.C., se constrúan as defensas e moitas das cabanas do actual castro, seguramente sobre outro poboamento anterior. Desa tradición anterior aos séculos II e I antes de Cristo, darían fe estes petroglifos de Lámbrica que, sen querelo, atopamos nunha noitiña preto do equinoccio de setembro.

Os petroglifos de Lámbrica e as posibles pinturas esquemáticas seguen a esperar catalogación e, xunto cos gravados da contorna, estudo, difusión e protección.




Ver máis




Cérvido da citania de Lámbrica. Pintado?





Antropomorfo na citania de Lámbrica, coa mesma técnica do cérvido.




Serpentiforme ou ofidio, claramente gravado nunha peneda na citania de Lámbrica, San Cibrao das Las




Posible serpentiforme, esta vez nunha peneda do Castelo de Laias




Puñal en Lámbrica









A lenda da Moura de Lámbrica
Ver Arte na citania de Lámbrica (I)
EL GUERRERO CELTIBÉRICO DE MOSQUERUELA (TERUEL)
Artigo publicado o 11-01-2017 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0