Arredor de Lámbrica


👉 ❤️ A arte na citania de Lámbrica (I)
Deusa Nai de Lámbrica, cortesía de Élida R. Solla

Non son moi abondosas as manifestacións artísticas que ofrece a citania de Lámbrica, pero posúen certa singularidade e non son moi coñecidas.

En granito CALO LOURIDO infórmanos de dous trozos de friso con motivos ornamentais xa coñecidos, que se repiten noutros castros do Noroeste. Tamén apareceu en 1982 unha peza solta de granito, reutilizada como material construtivo, que tiña decoración de trenzado con "dous cordóns lisos".

En escultura exenta destacan dous antropomorfos femininos aparecidos en 2004. A unha delas fáltalle a cabeza, tendo os brazos cruzados e as palmas das mans sobre o ventre. Podería tratarse dunha deidade feminina, similar na súa disposición a moitos exemplos do mundo antigo que se relacionan habitualmente co culto á fertilidade.

O segundo antropomorfo aparecido en Lámbrica, de factura que pode parecernos tosca, ten a boca entreaberta con ollos grandes, carecendo de extremidades inferiores. Coa man esquerda parece tocar o peito dereito, situando a súa man dereita no baixo ventre ou na zona xenital. Descoñecemos se existe intencionalidade, pero o tronco da figura tamén semella ter forma de cabeza humana, con expresión burlona ou de sátiro. Para apoiar esta hipótese podemos destacar a distinta fisionomía de cada unha das mans da "Deusa": A esquerda remata cunha man en forma de bola, que ten no peito, pero a man dereita remata de xeito que simula a boca do "sátiro".

De ser así, trataríase dunha novedosa representación dunha "dualidade", que non somos capaces de explicar, pero que merece lle prestemos certa atención, sen desmerecer o calificativo de artística, frente ao caracter "tosco" co que soe presentarse.

A composición que acompaña a este texto está realizada a partir de dúas fotografías cedidas desa deusa por Élida Rodríguez Solla, a quen debemos agradecer a súa xenerosidade.

A Deusa estaba exposta no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, onde se fixeron as fotografías, aínda que recentes informacións na prensa apuntan a que alí hai unha copia (?). Os arqueólogos descubridores chamáronlle "A Dama de Punxín".

Esta escultura, Dama ou Deusa, seica apareceu reutilizada como elemento construtivo, formando parte dun paramento, o que indica que cando se construíu o muro xa perdera a súa función representativa ou, moi posiblemente relixiosa. O dato ten a súa importancia, pois pode indicar que houbo unha reconstrución dun castro anterior, o que parece corroborar a perfecta planificación de toda a citania, posiblemente refeita de novo a partir do século II antes de Cristo. É posible que os reconstrutores non lle deran o aprecio suficiente, ou non entenderan a descoñecida mensaxe que porta, e por iso a empregaron como material de construción.

En outubro de 2016 recollíase na prensa local ourensá o achádego nas escavacións dunha nova cabeza de pedra, un bloque alongado de granito cunha fermosa figura de testa nun dos extremos, sendo moi lóxica a súa colocación embutida nunha parede coa cabeza cara o exterior. Os arqueólogos descubridores datárona no século II antes de Cristo e, incomprensiblemente para min, tamén a catalogaron como "tosca".

Sabemos da existencia doutra cabeza labrada, de 15 centímetros, nun bloque de granito de 44 x 50 centímetros, da que nos informa CALO LOURIDO, atopada nas escavacións de 1982.

Non podemos esquecernos do fermoso e ben traballado tríscele, ou trisquel, descuberto nas escavacións de X. Lorenzo Fernández en 1948, que formaba parte do sollado dunha construción. CALO LOURIDO califícaa como de "superior en técnica e oficio á meirande parte dos seus contemporáneos".

Nas escavacións de 2016 tamén se atopou unha figura de trisquel pintada na xamba dunha ventá.

Outra peza de interese labrada en granito é unha "roseta de 6 pétalos circundados por unha moldura lisa", atopada por López Cuevillas en 1922 e seica desaparecida.

Tamén sabemos da exhumación en outubro de 2016, dunha peza de granito que ten un trisquel de follas dobles, que poderíamos definir como hexasquel, aínda inédito, que só coñecemos pola prensa.

Para finalizar co granito, referirnos aos "amarradoiros", que presentan unha parte que quedaba embutida nos muros e outra que sobresae con forma de gancho. Esta última parte posúe en moitos casos algún tipo de decoración.

Como reflexión, e tendo en conta o alto número de pezas deste tipo que aparecen nos castros, cabería preguntarse se non formarían parte das construcións a xeito de canzorros, coa finalidade de suxeitar a estrutura de madeira que soporta a cubrición vexetal das cabanas e, de paso, facilitar o atado ou trenzado do material vexetal, moi pouco resistente aos ventos.

Ademais, en San Cibrao das Las, no mesmo que outros castros, non teñen moito sentido os "amarradoiros" para animais nas zonas de habitación, pois a estabulación, se existía, non parece oportuna en cabanas tan reducidas.

Voltando ao tema artístico, faltaríanos completalo cos achádegos de adovío persoal, entre os que apareceron contas de pasta vítrea oculadas, contas de pasta vítrea lisas, agullas e fíbulas. Máis concretamente, un anel de bronce rematado en cabezas de serpe e unha pulseira de aramio de bronce, entre outros. Destacar, finalmente, o anel publicado por Cuevillas.







Bibliografía
ÁLVAREZ GONZÁLEZ et al.: "A ocupación do espazo común e privado na citania de San Cibrán de Las" en Ágora do Orcellón 26. Decembro 2013. Instituto de Estudos Carballiñeses.

CALO LOURIDO F.: A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa. Fund. Barrié de la Maza. A Coruña. 1994.







Ver A ARTE NA CITANIA DE LÁMBRICA (II): MÁIS QUE PETROGLIFOS
A plástica castrexa nos arredores de Lámbrica (II). O relevo de Anllo
La plástica castreña en los alrededores de Lámbrica (I)
Artigo publicado o 10-01-2017 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0