A ubicación e o tamaño da citania de San Cibrao das Las
-Lámbrica- adquire moito máis sentido cando pensamos nas explotacións mineiras de ouro na súa contorna, tanto na máis inmediata, nas abas do monte de Santrocado, como na máis alonxada (o Puzo do Lago en Maside, os montes de Loureiro en Irixo ou as terras de
Lobás no Carballiño). Destas dúas últimas tamén puideron extraer mineral de ferro, moi presente nas
escouras que aparecen con frecuencia nas escavacións en San Cibrao das Las, Lámbrica.
A extracción, tratamento e comercialización dos minerais ou dos produtos metálicos elaborados, estaría controlada por unha élite dominante, como case sempre pasa, e o centro administrativo desa vida económica situaríase en Lámbrica, explicándose así o seu maior tamaño e a súa ubicación estratéxica, non moi alonxada das beiras do río Miño, pois antes da chegada dos enxeñeiros romanos as principais vías de comunicación eran fluviais.
Ao Sur de Lámbrica, moi, moi cerquiña, está o monte do Santrocado, desde onde se podería ter un control case total de toda a contorna, existindo alí tamén
un pequeno castro. Nas ladeiras meridionais do mesmo Santrocado, na caída cara o val do Miño, está o poboado do Castelo de Laias.
O
Castelo de Laias foi estudado na primeira metade do século XX por Cuevillas, Xaquín Lourenzo e Chamoso Lamas. O Castelo de Laias denomínase na bibliografía como '
Barbantes', parroquia de recente creación, inmediata á de Laias, que tradicionalmente se chamaba o lugar de '
A Barca' porque alí funcionaba, ata ben entrado o século XX, unha barca que servía para transportar persoas, enseres e gando entre as dúas beiras do río Miño. Dende este lugar de
A Barca partía unha
antiga calzada, monte arriba, pasando por
Ourantes e chegando ás mesmas portas da citania de Lámbrica.
Volvendo ao poboado de O Castelo de Laias, mencionar que os estudos realizados na primeira metade do século XX permitiron atopar restos dun posible templo escavado na rocha, pero ningún dos achádegos, nin os traballos coidadosamente publicados, nin a importancia do monte do San Trocado, nin a calzada romana, nin a cercanía de Lámbrica, constituíron atranco algún para que nos anos noventa se decidira e se autorizara a súa destrución, no contexto das obras da autovía A-52.
Destacar que as obras públicas fanse con posterioridade a estudos arqueolóxicos, sempre dominados polo poder político, segundo podemos advertir polo desenvolvemento dos acontecementos. Anos máis tarde, o persoal cualificado decatarase da importancia do poboado do
Castelo das Laias, publicarán artigos e, mesmo, promoverán a reconstrución das '
portas de Laias' nas instalacións do parque arqueolóxico -de pago- de San Cibrán das Las.
BIBLIOGRAFÍA
CHAMOSO LAMAS. "Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibran das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)".
Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV. Cuadernos 1-3. Ministerio de Educación Nacional. Dirección General de Bellas Artes. Madrid, 1956.