Arredor de Lámbrica


Luís Tizón e a Casa Grande de Eiras
A Carballa de Eiras
O 24 de agosto de 1920, día de San Bertolameu e festa na parroquia, saía para Cuba un veciño de Eiras, Luís Tizón, que nunca voltará á súa terra. A Danza dos Millóns, o éxito de moitos dos que marcharan anteriormente e a miseria animaron a este veciño da Casa Grande de Eiras a emigrar. Alí, en Cuba, formou a súa familia e, andando o tempo, o escritor cubano Emilio Comas Paret, casado cunha filla de Luís, conseguirá debullar a historia vital do vello nunha noveliña titulada Da vendima á Zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba. Unha historia curiosa e persoal, pero paralela á de moitos emigrantes anónimos da terra, especialmente daqueles que, por circunstancias da vida, se viron impedidos a voltar.

Na introdución, o novelista fálanos de como fixo para arrincarlle os datos da súa vida ó vello Tizón, nado en Eiras, na Casa Grande, onde había unha enorme carballa "que non podían abrazar nin tres homes xuntando as súas mans": En 1987 Comas Paret visitou casualmente Galiza e Eiras. As noticias que lle levou de volta ó vello, "agradables unhas e desagradables outras", e unhas fotos da aldea, da Casa Grande, da Carballa e do hórreo, animaron ó señor Luís a contar a súa historia. Así naceu "Da vendima á zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba".

Estamos acostumados a escoitar historias de pazos, de fidalgos, de xenealoxías, de brasóns, foros, pleitos e misas. Pero a cotío esquecemos que nesas familias fidalgas non todo é grandilocuencia nin fartura. Aquí a historia dun Tizón que vivía na Casa Grande, descendente de fidalgos pero traballador, obrigado polas circunstancias e polas necesidades.

O pazo, chamado a Casa Grande, estaba naquela época dividido. Os seus habitantes procuraban vivir, como podían, do seu traballo, como os demais da aldea, alleos ós brasóns, ás xenealoxías e ós santos de pedra que adornaban as fachadas das súas casas. Algúns chegaron a emigrar á Arxentina.

Anos despois, Avelino Tizón, outro emigrante da Casa Grande que fixo fortuna na Arxentina, reunificará a maior parte do pazo para facer unha reforma moi sonada, que levará a Ángel del Castillo a describilo así: "Destrozado su típico aspecto por modernas y desgraciadas construcciones, todavía conserva los dos edificios antiguos o cuerpos que lo forman, entre los cuales va la escalera principal de acceso; tiene una buena solana de balaustres sobre algunos arcos de medio punto, así como su portalada con almenas. Se tiene por fundado en 1600 por Juan Vázquez de Castro" (Inventario monumental y artístico de Galicia).

De seguido, grazas a Emilio Comas Paret e a uns cantos parágrafos extraídos literalmente das primeiras páxinas da súa obra "Da vendima á zafra", poderemos achegarnos a unha descrición da aldea de Eiras a principios dos anos vinte do século pasado. Unha verdadeira fonte oral recollida e transmitida por Comas Paret. Hai que precisar que os recordos son os dun rapaz de quince anos, que eran os que tiña Luís cando marchou para Cuba, polo que hai que tomar con prudencia algunhas das afirmacións que realiza.

Escoitemos, logo, a Don Luís Tizón:

"Naquela época a miña casa era Galicia e eu era campesiño. Da miña infancia teño pouco que contar. Non ricos, pero tampouco pobres de pasar fame. Noutros séculos a miña familia, aínda que non foron condes nin marqueses, si deberon ter propiedades e algún mando, porque viviamos nunha boa vivenda, a Casa Grande lle dicían, e era como un castelo pero pequeno e con moitos anos. Había ata escudo da familia no frontal da casa e un santo, creo que un San Roque e un Sagrado Corazón, todo feito na mesma pedra na fronte da casa.
Eiras era unha aldea pequena chea de mofo e humidade, de rúas estreitas, lamacentas, moi escuras pola noite, e tiña cinco igrexas e cento cincuenta habitantes.
Nunha soa tenda de víveres que lle chamaban O Adrio e era do meu tío don Emilio, podíanse mercar patacas, garavanzos, fabas, touciño, algún xamón da Cañiza, o mellor de todos, e viño branco do Ribeiro.
A miña familia tiña unha boa posición e algunhas terras. No "castelo" vivíamos todos.
Eiras tiña cinco barrios e era o centro daquilo. Pertencía ao partido xudicial do Carballiño. A pesar de que chovía arreo e estaba sempre cuberta de brumas, celebrábanse moitas festas. Recordo que viñan músicos de Beade e tocaban moi ben, cantaban airiños e muiñeiras e bailábase a xota galega.
O día do patrono, santo Antonio de Padua, era o 13 de xuño e celebrábase cunha gran festa, onde vendían chulas e pan centeo, e os curas medalliñas e escapularios. En maio era a festa das Flores, e logo a das Fillas de María e o 24 de agosto a de san Bertomeu. Traballo non había moito, pero as festas sobraban. A máis grande duraba dous días e bebíase viño en grandes cantidades, e ata xenebra. Iso era no verán, porque no inverno non había quen aguantase o frío e o orballo persistentes.
A aldea parecía un cemiterio probe á luz da lúa. As noites eran moi escuras, aburridas e só servían para conversar, oír e contar mentiras e que se fixesen contos para meter medo, contos de lobos, de fantasmas, de trasnos que aparecían á media noite e meigas que saían en lúa chea para facer os seus encantamentos. (...)
En Eiras as rúas eran de terra e algunha laxe. Como en toda Galicia o verdín cubría as paredes das casas. Cando chovía, o lamazal que se facía era tremendo. Había que saír da casa con zapatos de madeira, deses que lle chaman zocos, para vadear a lama. Nas rúas plantábanse vides, que logo se cruzaban por enriba e facían como un teito. Era moi bonito e daba sombra e uvas. Alí a propiedade é moi respectada e de fronte á túa casa non había quen cortase un acio.
(...)
Iamos a Ourense vender viño e augardente. Había cinco leguas e eran dous días de camiño nun carro de bois. Pero as autoridades non deixaban fabricar a augardente e había que levala clandestina. Por iso enchoupábamos ben de viño o tapón do barril de augardente e así pasabamos a revisión da Garda Civil. Cando destapaban o barril de augardente, o tapón ulía a viño. Nunca nos colleron.
(...)
Papá liquidou o capital da familia. Foise para Arxentina e, en vez de buscar máis diñeiro, hipotecou as terras que tiñamos. Ata a casa familiar, a Casa Grande de Eiras, como lle chamaban, perdeuse tamén.
(...)
O 24 de agosto de 1920 saímos para A Coruña. A viaxe fixémola en tren. Era a primeira vez que montaba nun tren. Sentín unha cousa estrana por aquí, pola barriga, porque era campesiño, do interior, e vía pasar as cousas e as árbores coma se fosen correndo, e ao principio quedaba mirando a ver se chocaban, pero nunca chocaron. Vira o tren pero non subira nel. Collémolo nun lugar chamado Barbantes, que quedaba como a unha legua da casa. Había unha estación de ferrocarril e moitos almacéns".




EMILIO COMAS PARET: "Da vendima á zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba"
Traducido por Xosé M. García Crego e Gustavo Luca de Tena
ISBN: 978-84-7824-539-0
Edicións Sotelo Blanco.
Compostela. 2007.







Patio do pazo de Eiras c. 1930 (fotografía modificada da orixinal en branco e negro publicada por M. DE QUINTANAR et al.: Los Pazos Gallegos. Cuaderno VII. Ed. PPKO. Vigo. 1932)


Artigo publicado o 22-03-2015 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0