Non hai vestixios de construcións románicas, aínda que por tradición oral chegamos a saber que había "
un carneiro" no adro, desaparecido, e que Eiras tivera unha "
igrexa de carneiro". Con todas as reservas posibles, podemos sospeitar da existencia dunha antiga igrexa en Eiras antes do edificio que agora coñecemos, pois os "
carneiros" son moi habituais coroando os cumios nos tellados das igrexas románicas.
É posible que a fachada principal e o muro norte da nave sexan de épocas anteriores ao século XVII.
Na contorna da actual igrexa e da casa reitoral foron atopados restos aínda moito máis antigos, da época romana: Ademais de
tegula, apareceu algo tan curioso coma un mosaico, que foi
enterrado inmediatamente por orde do párroco, feito do que temos noticia a través de CHAMOSO LAMAS e de RODRÍGUEZ COLMENERO.
No exterior da parte máis antiga da igrexa, no muro norte, atopamos algunhas pedras curiosas con
debuxos de reticulados, que deberon ser aproveitadas de construcións anteriores.
Xa dentro do templo é destacable o retablo maior, feito por
Francisco de Castro Canseco en 1704. Consta de dous corpos e tres rúas, delimitadas por esveltas columnas
salomónicas de cinco voltas cheas de vides e acios de uvas. A principios do século XXI foi "
restaurado", aínda que a colocación dalgunhas imaxes non foi respectuosa coa
disposición orixinal.
Tamén se retiraron os bancos dos laterais do presbiterio, que eran moi antigos, e se eliminou o revoco en pedra nas bases do retablo, que imitaba o mármore.
O sagrario deste retablo xa fora substituído a mediados do século XX polo que hai hoxe, parece que sen ausencia de tumultos. O anterior, do taller de Castro Canseco, tiña unha porta de madeira onde estaba esculpida en relevo a escea da Resurrección de Xesucristo. Na década dos anos noventa do século pasado aínda podía verse gardada nun armario da sancristía.
No corpo alto ou ático do retablo
estaba a imaxe da patroa,
Santa Uxía, cos atributos da espada e da palma do martirio. Esta imaxe foi realizada expresamente para ser contemplada dende abaixo, alongando desproporcionadamente o seu canon. Arredor da súa fornela existen representacións dos astros: Sol, Lúa e estrelas, unha delas con forma de cruz.
Nas fotografías, de 1995, vemos un
San Xosé na súa ubicación orixinal, á esquerda do altar, mirando dende a nave. O
San Xosé é unha deliciosa escultura do mellor barroco galego que resume perfectamente as características da arte relixiosa da época: Un pai que mostra con agarimo ó seu Fillo, soportando o vento que lle move as vestiduras pola súa parte dereita, o vento que
chega da parede norte do templo. A súa intención, posiblemente, sería inserir agarimo, paciencia e amor paternal nos fieis.
Esta imaxe estaba orixinalmente na parte esquerda do retablo, na zona do Evanxeo, colocada simétricamente ó
San Xoán Bautista que está na parte dereita. Ambas imaxes, entre columnas salomónicas inzadas de vides, flanqueaban a canle central do retablo onde debeu existir un expositor do
Santísimo.
O retablo en xeral transmite movemento, inquietude, pero tamén calma e sosego. As súas abigarradas decoracións, os entrantes e saíntes do entablamento, as voltas das columnas, os claroscuros producidos polas variacións de luz natural e sombra ao longo do día e os pregados intensos das roupas -especialmente nas de San Xosé- mostran sensación de fugacidade e ímpeto, contrastando coas actitudes serenas e pausadas dos rostros das imaxes e dos anxos, que delatan o gozo da fe en Deus. En definitiva, transmisión de movemento e calma á vez, unha característica moi coñecida e repetida na estética barroca.
O fermoso
retablo ben merece unha visita, pero terá que ser -como case sempre nestas terras- en horario de culto.

San Xoán Bautista
.jpg&color=002200)
Ecce Agnus Dei, pon na inscrición. Neno San Xoán, posiblemente da mesma época co retablo

"En veinte de octubre del año de mil seteztos. y dos días domingo alas doze del día entró en la playa de Vigo Una armada formidable de Ingleses, y Olandeses hasta duzientos bajeles, y ancoraron mas arriba enfrente el Castille de Ranyte. El día lunes inmediato alas seis de la mañana saltaron en tierra, y desprendieron una cadena o ¿regaro heido? de vigas y arboles e navíos que, atrabesaba la ría que mira a Redondela y ganaron assi mismo dho castillo con muerte de algunos franceses, que estaban enel de guarnición. Hechas estas diligencias trabaron batalla naval con veinte y tres navios de guerra franceses que estaban al abrigo dela dha ria con otros diezinueve de carga enque avía venido la flota de Nueba España, y ellos la avían emboyado. Peleose valerosamente hasta que oprimidos dela multitud de enemigos y los franceses nuestros aliados dieron fuego atodos sus bageles, y lo mismo se fixo a los de la flota que aun estaban cargados dela hazienda que avian traydo (menos el tesoro el que ya se avia trasportado a Lugo en mil y quinientos carros) perdiendose muchos millones assi en la mar, como en Redondela que entraron a saco los enemigos, y profanaron como herejes la iglesia y convento de aquella villa, que ya estava desamparado de las Religiosas- Lebanto velas la armada el dia seis de noviembre. Dios Nuestro Señor sea bendito, y nos de Paz. Amén."
Extraído de
PAZOS NO CONCELLO DE SAN AMARO (OURENSE); LINAXES E LABRAS HERÁLDICAS
(José Ricardo Rodríguez Pérez)
BIBLIOGRAFÍA
RODRÍGUEZ PÉREZ JOSÉ RICARDO: "Pazos do San Amaro. Linaxes e labras heráldicas" en
Ágora do Orcellón, número 26, pp. 92-93. Instituto de Estudios Carballiñeses. Vigo. Decembro de 2013.
AHDOU. Parroquia de Santa Uxía: 14.5.7. Libro de Visitas, Cartas Pastorales y Cuentas de Fábrica.