Arredor de Lámbrica


Os segredos do castro de Coto de Mosteiro en Lobás
A minaría e a posible vinculación con Lámbrica

Na parroquia de Santa Uxía de Lobás, moi cerca do Carballiño, existe un castro que foi escavado nos anos oitenta pero que hoxe está totalmente abandonado, con piñeiros de gran porte gabeando polas murallas. Como exemplo do abandono secular, citar manifestacións de veciños que contaban como parte da Igrexa da Veracruz do Carballiño foi feita con pedras procedentes de canteiras que estaban no propio castro.

En artigos anteriores deste blogue xa se comentaba a importancia mineira dos arredores do castro de Coto de Mosteiro, en Lobás (O Carballiño), e a súa posible vinculación con Lámbrica, pois é moi dubidoso que todas as producións mineiras (ouro, estaño e ferro) e metalúrxicas dos arredores da serra da Madanela, nos concellos do Carballiño e O Irixo, quedaran no país.

O interese dos pobos mediterráneos polos nosos minerais que nos achegan as fontes clásicas fai pensar que boa parte da produción debeu viaxar cara os portos marítimos. A navegabilidade do río Miño e a existencia de portos na súa desembocadura, noticias que nos transmite Estrabón, cadra coa existencia de intercambios entre a costa e o interior. A cidade que presidiría este tipo de intercambios nas actuais comarcas do Ribeiro e do Carballiño non pode ser outra que Lámbrica, o coñecido castro de San Cibrao das Las, entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, só separado da ribeira do Miño por 3 quilómetros recorridos por unha antiga calzada.

No horizonte da aldea de Mosteiro -máis baixa que o castro- podemos ver as inconfundibles siluetas do Monte do Santrocado e do castro de San Cibrao das Las, Lámbrica, moi posiblemente a "capital" destas terras na Idade do Ferro e na época romana, cando se traballaron as minas das abas da Madanela e dos seus arredores.

¿Que pobos eran os que habitaban estas contornas da Madanela? Non hai, polo momento, datos para afirmar nada. Aínda así, e sabendo do risco que elo implica, quero propoñer unha hipótese. Ptolomeo (Xeografía, II, 6, 26) menciona o pobo dos baeduos, citando a súa capital, Flavia Lambris. BRAÑAS ABAD, GONZÁLEZ GARCÍA e PARCERO OUBIÑA no apéndice de Los pueblos de la Galicia céltica sitúan o pobo dos baeduos no Convento Lucense, afirmando que COLMENERO, "basándose en la ausencia de referencias a las poblaciones prerromanas que ocupaban el área actual de las tierras de Chantada, Barrela y Lalín, cree probable ubicarlos en estas comarcas, en la zona colindante entre el sector meridional de la provincia de Lugo y en el sector septentrional de la provincia de Pontevedra", no interior de Galicia.

Se miramos no mapa que os autores citados poñen na páxina 544 observaremos como, se seguimos o curso descendente do río Miño, existe un gran vacío de pobos entre os lemavos (que ocuparían o actual Val de Lemos) e os grovios, que habitarían nas zonas entre a actual Tui e a costa atlántica. Pois ben, de momento non hai nada que contradiga que os baeduos ocuparan estas terras do Miño central, entre os conventos lucense e bracarense.

Non sería difícil identificar Flavia Lambris con Lámbrica, aínda que hai que superar primeiro os problemas das ubicacións tradicionais de Lámbrica coa área de Betanzos. Nada impide que alí houbese outra Lámbrica pero é imposible que sexa a Lámbrica citada na ara de Eiras, ó lado da citania de San Cibrao das Las.

Non deixa de ser unha hipótese, pero aínda hai máis. Os pés dos montes da Madanela, a pouco máis dun quilómetro pero dentro da mesma parroquia de Lobás, temos unha aldea cun curioso e pouco común topónimo, Boedes.



Saunas castrexas

A uns escasos douscentos metros do castro está a aldea de Mosteiro, onde vemos o que foi unha casa abacial, un mosteiro, en estado de conservación lamentable. Xusto ó lado está a igrexa de San Pedro de Mosteiro, unha construción de orixe medieval e reformada nos séculos XV ou XVI, época da que deben ser os restos de pinturas murais que aínda se poden ver no seu interior.

Igrexa, mosteiro e castro forman un fermoso conxunto nesa aldea carballiñesa da parroquia de Lobás, á beira do monte da Madanela, conxunto arqueolóxico, histórico e artístico que espera unha obrigada posta en valor.

A igrexa de Mosteiro non é a parroquial, aínda que debeu selo antigamente. Ten a particularidade de ser un edificio relixioso case intacto que pode esconder moitos segredos no seu interior. Os veciños falan dunhas portas con arco, moi baixas, que hai nas paredes laterais da ábsida, das que din que baixaban escaleiras e que comunicaban cun túnel que recorre lonxitudinalmente o templo cara a casa abacial. Estas portas, de pequeno tamaño, están tapiadas e ninguén recorda que se puidese acceder por elas.

Chama moito a atención no centro do templo, entre a ábsida e a nave, xusto diante do arco triunfal, un gran rectángulo de humidade que non procede do teito. Todo fai supor que no seu subsolo hai algún tipo de manancial de auga. O manancial, as portas e o "túnel" recórdannos moito á igrexa da Asunción en Augas Santas, inconclusa, pero erguida sobre unha sauna castrexa moi próxima ó castro de Armeá (Allariz).

Na aldea de Mosteiro de Lobás existe tamén un castro, unha igrexa, moita humidade moi ben localizada, xusto no centro do pavimento da igrexa, e unhas enigmáticas portas que conducen a un lendario túnel.

É urxente que as administracións culturais se poñan a traballar para estudar, restaurar e pór en valor esta marabilla da arte relixiosa que garda os secretos da época castrexa, unha posible sauna cercana o castro do Coto de Mosteiro, castro que debería ser obxecto tamén dunha urxente e obrigada intervención.

A zona mineira da comarca do Carballiño, da que quedan evidencias da súa explotación en épocas moi antigas de estaño, ouro e ferro, pode darnos a clave do crecemento da Cidade de Lámbrica, situada no camiño cara a beira do Miño onde se embarcarían os minerais e os produtos metalúrxicos obtidos nos montes da Madanela.







Bibliografía

HERVELLA VÁZQUEZ, J.: Irixo, natureza, historia e arte nun municipio da Galicia interior. Concello de O Irixo. Ourense, 1999.

GONZÁLEZ GARCÍA, F. J. (Coord.): Los pueblos de la Galicia céltica. Ed. Akal. Madrid, 2007.

ORERO GRANDAL, L.: Castro Coto do Mosteiro. Campañas 1984/85. Arqueoloxía/Memorias 10. Consellería de Cultura e Deportes. Xunta de Galicia. A Coruña, 1988.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidad de Deusto. Bilbao, 1977.






Piñeiros no castro do Coto de Mosteiro (O Carballiño)
O castro do Coto de Mosteiro, no concello do Carballiño
Misterios subterráneos e lendas no mosteiro de Lobás (M. Gago)
Artigo publicado o 27-10-2013 11:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0