Arredor de Lámbrica


O tríscele ou trisquel de Lámbrica
Tríscele de Lámbrica
Esta preciosidade de peza foi atopada formando parte do sollado dunha cabana nas escavacións de X. Lorenzo Fernández en 1948, na citania de San Cibrao das Las e Ourantes, Lámbrica.

A súa forma, moi reiterada na plástica castrexa, está conseguida con rebaixes nunha superficie de granito moi ben traballada. Trátase dun trisquel, tríscele ou triskel, xa que posúe tres raios ou puntas que saen do centro do círculo.

Motivos similares en Galicia e Portugal, coas aspas no mesmo sentido de xiro (levóxiro, á esquerda partindo do centro), atopámolos no castro de Troña (Ponteareas), Armeá (Allariz), dúas en Outeiro de Baltar (Ourense); cinco na citania de Briteiros (Portugal), dúas en Castromao (Celanova, Ourense)...

Co mesmo motivo pero coas aspas en sentido contrario (destróxiras) podemos citar as do castro de Santa Trega (A Guarda), Santa Luzía (Viana do Castelo, Portugal), tamén en Armeá (Allariz), Briteiros, Castromao, Sabroso (Guimaraes, Braga, Portugal), Sanfins (tamén en Portugal)...

As interpretacións sobre o seu significado son moi abondosas e a súa utilización, dende tempos moi antigos, fai pensar en símbolos canalizadores de enerxías positivas ou protectores contra factores negativos. Hai quen o asocia con símbolos solares, co número tres e con misterios e antigas relixións célticas, vinculados ós druídas e a triloxía divina Taranis, Esus e Téutates. Non podemos entrar nestes temas tan complexos nunha páxina de blogue, pero si hai que recordar que é un elemento moi repetido na plástica do Noroeste e moi coñecido no mundo celta.

Taranis era o deus do trono e do ceo, atribuíndolle os antigos o poder de controlar as tempestades e tormentas; tamén o encargado de vixiar os ciclos dos días e das noites. Representa a forza e o estrondo das tormentas, do vento e da choiva. Este deus adoita representarse como un home musculoso e barbado que leva nas mans unha roda, símbolo du seu poder sobre o tempo, e un raio.

PENA GRAÑA dinos que Taranus, Xúpiter/Taranis, era o vello deus indoeuropeo do raio e do fulgor e que "aparece na interpretatio celto-romana ora como Iuppiter Taraunucus, mencionado segundo Jan De Vries por unha inscrición de Scardona en Dalmacia, ora como I.O.M.Tanaro, mencionado por unha inscrición do 168 d. C. orixinaria de Chester, ora como Taraunucus, mencionado por dúas inscricións de Godranstein, preto de Landau e de Böckingen, xunto a Heilbronn, ambas en Alemaña".

A asociación Taranis/Xúpiter pode aínda intuírse en Lámbrica e no Santrocado. Xúpiter, foi o deus romano do raio, a romanización do Taranis céltico, estando presente na inscrición do alto da citania de Lámbrica (IOVI), moi cerca da cabana onde estaba o trisquel.

Hoxe existe unha romería no cumio do monte do Santrocado, o castro que defende a Lámbrica pola súa parte meridional. A romería está dedicada a "San Torcuato" ou San Trocado, o bispo suplantador que dende a cristianización protexía a contorna contra as tormentas. Por iso se bendecían os campos dende a cima do monte, a onde acudían en solemne procesión as feligresías das Las, Eiras, Laias e Ourantes, divisións parroquiais nas que acabou fraccionado o antigo territorio que arrodeaba á citania de Lámbrica e ó monte do Santrocado.

Alguén na Idade Moderna soupo ver neste santo "torcuatus", con torque, indicios de cultos precristiáns, por iso se promocionou o culto a San Isidro, canonizado en 1622 polo papa Gregorio XV. San Isidro fora labrador, actividade moi familiar á vida cotiá dos habitantes daquelas terras de Ourantes, Laias, Eiras e Las, e coincidía a súa celebración no día da romería do San Trocado, o 15 de maio.

Quen sabe se non foi tamén por iso, para esquecer ó suplantador Torquatus, o roubo da súa antiga imaxe nos anos sesenta do século XX, cando un bispo de Ourense prohibiu a continuación dos cultos na capela e a celebración da romaría.














Bibliografía

CALO LOURIDO, F. A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa. F. Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1994. ISBN 84-87819-66-4

PENA GRAÑA, A.: "O misterio do trisquel na relixión celta ancestral: monoteísmo trinitario antecedente do presente cristián" en Cátedra: Revista Eumesa de Estudios, Nº. 15, 2008, páxs. 167-236. Pontedeume. ISSN 1133-9608





Nota posterior

Nas escavacións de 2016 foi atopado outro trisquel, esta vez pintado, na xamba dunha ventá
















Taranis, Bandua, Xúpiter e o San Torcado ou Trocado
Fotografías de Lámbrica (San Cibrao das Las e Ourantes, Ourense)
Artigo publicado o 11-05-2013 10:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0