O castro de
Coto do Mosteiro ocupa a cima dun pequeno outeiro de 525 metros de altitude, ubicado na parroquia de Santa Uxía de Lobás, no concello do Carballiño (Ourense). A repoboación forestal encheu o monte de piñeiros (
pinus pinaster) que estragaron, co seu crecemento rápido, moitos
treitos de muralla e que dificultan a adecuada percepción do castro por parte dos visitantes que alí se achegan.
O Coto de Mosteiro está
totalmente abandonado, pese a pertencer a unha zona particularmente rica en castros, a
Terra do Carballiño, con asentamentos tan importantes como os castros de San Facundo, no concello de Cea; Corneda, Orros e
Souteliño no concello do Irixo; Cameixa e Moldes en Boborás,
Lámbrica e o
San Trocado en San Amaro...
O Coto de Mosteiro esmorece no
esquecemento entre silvas, toxos e piñeiros. Tamén existen importantes vestixios de época medieval que corren a mesma sorte, como
a igrexa e o mosteiro de San Pedro de Lobás. Xa vai sendo hora de que valoremos máis o Patrimonio que herdamos.
No Coto do Mosteiro realizáronse escavacións en 1984, hai máis de vintecinco anos, un cuarto de século. Pese a que apareceron materiais singulares e a que está relativamente cerca dos importantes xacementos citados no parágrafo anterior, o castro é totalmente descoñecido para moitos dos habitantes da comarca. Os gobernantes, que podían facer moito por il, tamén o ignoran.
ORERO GRANDAL considera que o Coto do Mosteiro sería "
un gran centro cunha gran actividade metalúrxica artesanal" adquirindo os minerais para os seus traballos polos montes da Madanela e polo concello do Irixo. A situación relativamente baixa con respecto á serra da Madanela (875 metros de altitude no Coto da Peniza) pode explicarse pola facilidade de acceso a zonas húmidas e máis chairas onde habería pastos pra o gando e boas terras para a agricultura.
Tamén apareceron fragmentos de
tégula e un sextercio, o que suxire a ocupación do castro durante a romanización. ORERO GRANDAL suxire, como época final na ocupación do castro, da segunda metade do século I d. C. baseándose no fragmento de Terra Sigillata Sudgálica "
do tipo 15/17", que se datan nesta época. Os inicios da ocupación situaríanse dende o
século IV antes de Cristo, pero eu opino que a ocupación destas terras ten que ser moito anterior. De feito, o propio ORERO GRANDAL fala da aparición nas escavacións dunha machada "
de combate" característica da Idade do Bronce, con perforación circular de sección bicónica no seu centro.
A escasos catro ou cinco quilómetros de Mosteiro están os castros do concello do Irixo e os restos de explotación mineira na parroquia de Loureiro, neste mesmo concello, na ladeira noroeste dos montes da Madanela.
Nestas terras tamén temos manifestacións do desenvolvemento dunha ourivería especializada, pois non hai máis que recordar a arracada ou pendente de ouro do Irixo, conservada no Museo de Pontevedra. Atopada en 1905 nunha aldea do Irixo, está fabricada en ouro de 18 quilates. HERVELLA VÁZQUEZ di que este pendente debeu chegar ó Irixo "
procedente dun lugar indeterminado e por unha vía-calzada romana que atravesaba o territorio". E, digo eu, ¿Non podería ser fabricada nos obradoiros de Mosteiro?
MADOZ viu en Larouce, a 3 quilómetros de Mosteiro, "
grandes escavacións, que se coñece que foron practicadas para extraer algún mineral, e que están en comunicación con outras que hai moito maiores no Monte das Grobas, feligresía de Loureiro (?)" e RODRÍGUEZ COLMENERO opina que debeu de tratarse de explotacións auríferas, como as do Lago. No Lago, parroquia situada a medio camiño entre Mosteiro e Lámbrica, tamén existiu unha importante explotación mineira de ouro, onde tamén, cara o norte, existe un lugar denominado "
As Grovas", segundo RODRÍGUEZ COLMENERO. Os minerais que aparecen nestas explotacións son o estaño e o ouro.
Parece claro que houbo, entre mediados e finais do I milenio a. de Cristo, unha intensa explotación dos minerais nas nosas terras que aumentará coa chegada dos romanos. Tamén parece claro que, cos datos que nos ofrece ORERO GRANDAL, no Mosteiro houbo algún tipo de obradoiro que transformaba os minerais atopados nas serras. Fáltanos saber a onde ían parar as extraccións e as producións locais.
Considero fácil supor que dende Mosteiro existiron rutas terrestres que conducirían a
Lámbrica, cunha lonxitude de, aproximadamente, 14 quilómetros, o que permitiría viaxes de tres ou catro horas. Esta hipotética ruta entre Mosteiro e Lámbrica pasaría polas inmediacións do Puzo do Lago ou de Maside. Como anécdota, citar que non hai moitos anos, antes de haber vehículos a motor, os habitantes das aldeas inmediatas a Lámbrica (San Cibrao das Las, Eiras, Ourantes, Salamonde?) acudían a pé ás feiras do Carballiño transportando os animais obxecto de compra-venda. As viaxes a pé ?tamén en cabalaría ou en carro- constituían o único medio de comunicación entre as aldeas.
Dende o castro de Coto do Mosteiro podemos ollar no
horizonte as características siluetas do Monte do Santrocado e de A Cidade de San Cibrao das Las, Lámbrica. As maiores dimensións de Lámbrica e a súa superior disposición urbanística, cando é comparada con calquera dos outros castros da
Terra do Carballiño, conduce a pensar na súa superioridade, ben fose política, militar ou económica, e pola súa privilexiada situación preto das ribeiras do Miño, o que constituiría unha excelente canle de comunicación para dar saída ás producións mineiras, pero tamén posiblemente agropecuarias e artesanais, que se extraían ou manufacturaban nestas terras. Mosteiro tivo que ser, por forza, un deses talleres que enviaría as súas producións a Lámbrica que, á súa vez, as redistribuía. Por iso Lámbrica (
o castro de San Cibrao das Las e Ourantes) é o maior de todos os que temos nas
Terras do Carballiño.