Arredor de Lámbrica


A ruta terrestre polo Santrocado entre Lámbrica e a Barca de Barbantes
Calzada no lugar de Ourantes (Punxín)
Ao sur da aldea de Ourantes aínda se poden ver tramos da antiga ruta ou camiño utilizado polos romanos, pero seguramente de tradición anterior, que unía a través das ladeiras do Monte do Santrocado o castro de Lámbrica coa ribeira do Miño, onde habería un porto fluvial situado nos arredores da Barca de Barbantes e non lonxe do xacemento mineiro destruído pola autovía A-52.

Na Barca, agora chamada Barbantes-Estación, aínda se utilizaba, non hai moitos anos, unha barca para cruzar o río, o que fai necesaria a existencia dun porto ou embarcadoiro. Na Antigüidade o río Miño era navegable ata estes lugares. Sabémolo por Estrabón, que nos di que o río Bainis ou Miño era navegable 800 estadios, que equivalen a uns 144 quilómetros, dende a súa desembocadura en Camposancos.

Podemos supor entón que o devandito embarcadoiro, ou algún situado nas súas cercanías, tivo que ser utilizado naquela época, tendo en conta a grande magnitude (máis de 9 hectáreas) do castro que se atopa a só 3600 metros da Barca, Lámbrica, un dos maiores de Galiza.

No recorrido ata Lámbrica, partindo do lugar de Barbantes-Estación, atopamos microtopónimos tan fermosos como: O Camiño da Costa, A Costa dos Cucos, A Vesada, O Conchouso, Ourantes (cun monumental peto de ánimas ó lado do camiño), O Valado e Os Agros. Remata a ruta na porta leste da gran muralla máis exterior de Lámbrica, onde a calzada segue ascendendo polo castro.

Lámbrica, o tan nomeado castro de San Cibrao das Las (e de Ourantes), está nunha extensa e rica zona mineira que chega ata lugares do Carballiño e do Irixo, con manifestacións de minas antigas tan sobresaíntes como as do Puzo do Lago ou as de Loureiro. É lóxico pensar que houbo exportación dos minerais obtidos ou dos metais elaborados, e elo só sería posible a través de rutas fluviais que enlazaran cos circuitos comerciais atlánticos, dos que hai abondosas sospeitas que implican a gregos, fenicios, púnicos e, finalmente, romanos. Estrabón tamén nos di que na desembocadura do Bainis había unha illa con dous peiraos, o que suxire unha intensa actividade comercial nun lugar de unión de vías fluviais e marítimas.


O castro do Santrocado
A vía fluvial do Miño e a calzada que discurre polo monte fan que entendamos mellor a función do castro do Santrocado. Ambos castros tiveron, por forza, que ser simultáneos, debido a súa cercanía e a súa complementariedade. Algunhas razóns que apoian o que acabo de afirmar son as seguintes:
a) As defensas de Lámbrica polo lado Sur non son suficientes, pois están nunha zona chá. Elo conleva que máis alá das inmediacións da muralla debería de haber outros recursos defensivos para a poboación. Estes recursos non poden ser outros que a vixiancia permantente dende o alto do Santrocado e a defensa das abas meridionais dese monte, que caen directamente ó val do río Miño. A visibilidade do Santrocado ó val do río Miño é espectacular, presenciando o tráfico fluvial que naquelas épocas transitaba o polo río. Dende o castro do Santrocado poden ollarse incluso tramos de río dende Trasariz a San Paio de Ventosela, onde actualmente está o embalse de Castrelo do Miño. A visibilidade privilexiada do Santrocado tamén serviría para controlar as rutas terrestres.
b) As abas meridionais do Santrocado teñen tramos de moi difícil acceso para eventuais atacantes, fáciles de defender. As actividades bélicas ocasionais de pouca magnitude apenas serían sentidas polos poboadores de Lámbrica, atarefados nas suas actividades cotiás.
c) Dende o Santrocado tamén se ve Lámbrica, polo que a poboación que había no castro podía ter puntual información de movementos agresivos que puderan xurdir no val do Miño, que non vían directamente.

A importancia estratéxica do Santrocado para a poboación de Lámbrica debeu ser suficiente para que non fose abandonado, se é que algún día estivo habitado antes que Lámbrica, pois era imprescindible para poder defender a parte sur desta última. A Cidade de Lámbrica estaba perfectamente situada para non ser visible dende o val do Miño, escondida para os viaxeiros que circulasen río arriba. Pero as vías fluviais eran as autovías da Antigüidade, e Lámbrica necesitaba estar comunicada co río Miño, o que conseguía a través da vía terrestre da que se falou o principio deste artigo.

De momento non se atoparon no Santrocado estruturas de habitación e de actividades tan sólidas como as de Lámbrica, aínda que sí existe unha muralla que cerca un pequeno recinto. Elo non quere dicir máis que en Lámbrica estaría protexida a poboación que realizaba as súas actividades cotiás (xestión dos recursos mineiros e metálicos,fabricación de cerámica, traballo do liño), sen esquecernos dos recursos agropecuarios da contorna, permanecendo só no Santrocado pequenos continxentes de vixías.

A aparición de restos dun crisol con escoura de bronce e dunha punta de lanza de bronce con nervo central datadas a finais da Idade do Bronce fan que se considere como ocupado o castro do Santrocado entre o Bronce final e a Idade do Ferro inicial, particularmente entre os séculos VII e VI antes de Cristo.

As datacións que se manexan do castro de San Cibrao das Las e Ourantes (Lámbrica) non son anteriores ó século II a. de C. Pero é preciso facer as seguintes observacións:
a) Existe unha mámoa, cando menos, moi cerca da muralla sur, o que evidencia que por alí transitaron xentes da Idade do Bronce.
b) O apoxeo de Lámbrica debeu producirse a partir dese século II a. de C. por circunstancias relacionadas co comercio dos minerais, pero elo non impide que poidera haber poboación anterior. É moi posible que tales datas reflictan unha expansión do poboado, dadas as súas características uniformes, aproveitando para elo unha destrución anterior. Pero non se pode aceptar con seguridade que non tivese poboamento antes do século II.
c) En todas as grandes citanias do Noroeste existen datacións que falan, cando menos, dos séculos IV e V antes de Xesucristo.

A insuficiencia ou ausencia de auga sería un grave problema á hora de querer ubicar no Santrocado unha poboación abondosa como a que habitou Lámbrica. Esa pode ser unha razón de peso para o crecemento de Lámbrica, pero o Santrocado, debido ás necesidades defensivas, non puido ser totalmente abandonado.

Non se pode rematar o artigo sen unha chamada á restauración e a conservación da antiga vía terrestre entre os concellos de Cenlle e Punxín, utilizada tamén polos romanos e, posteriormente, como vía de comunicación rural cara a Barca de Barbantes e Ourense. Sen ela, e sen o pequeno castro do Santrocado, Lámbrica estará incompleta.



Bibliografía

FARIÑA BUSTO, F. e XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do Santrocado (San Amaro - Punxín) en Arqueoloxía-Informes 2. Campaña 1988. Xunta de Galicia.

GALLEGO DOMÍNGUEZ, O.: As barcas e os barcos de pasaxe da provincia de Ourense. Anexo 24 do Boletín Auriense. Deputación Provincial de Ourense, 1999.

ALONSO ROMERO, F.: "Sobre los orígenes de los antiguos puertos del noroeste peninsular" en Lucerna. Segunda serie, vol. II. Páx. 135. Centro de Estudos Humanísticos. Porto. 1987.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A Citania do monte `A Cidade´ en San Ciprián das Las". Boletín da Real Academia Galega. Número 164. Pp. 201 a 206. A Coruña, 1924-1925.




Ver Ruta da Barca de Barbantes a Lámbrica

Ver O Castro do Coto do Santrocado









Peto de ánimas en Ourantes, a unha beira do antigo camiño



Ver vídeo de ruta dende Laias ao Santrocado
Ver O camiño entre A Barca e Lámbrica
Ver artigo A Ciudá das Las, Lámbrica
Artigo publicado o 05-08-2011 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
A cada cousa polo seu nome... 🐍 e mirar arredor...

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2021 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0