Arredor de Lámbrica


☀️ O panel dos petroglifos da Ermida en Eiras (San Amaro)
Fotografía vertical na que se sinalan as cinco figuras dos petrogiflos de Eiras (San Amaro).
Os petroglifos da Ermida están gravados na parte superior dunha rocha de granito que ten uns 6 metros de longo por case 3 de anchura, estando lixeiramente inclinada cara o Sur. A súa altura é variable, debido a inclinación do penedo e á propia disposición do terreo. Pola súa parte máis alta, cara o Leste, ten aproximadamente 1´60 metros de altura, pero polo Noroeste pode accederse facilmente á súa parte superior.

A altura na parte Leste permite a un observador de estatura media ver os solpores dende o chan, cos ollos á altura da parte horizontal e superior do penedo, onde están os petroglifos.

No panel podemos diferenciar claramente cinco figuras circulares con coviña central ben marcada e liñas concéntricas arrodeándoa. As catro figuras máis grandes responden á tipoloxía típica das combinacións circulares. As súas coviñas teñen diámetros que oscilan entre os 8 e os 16 centímetros e unha profundidade de 1,5 centímetros. O diámetro total das figuras vai dende os 20 ós 50 centímetros.

Desas catro figuras hai unha que destaca especialmente pola súa magnitude, o seu maior número de círculos concéntricos e a presenza de liñas radiais. Trátase do petroglifo A.

O modo de execución destes catro petroglifos debeu ser con técnicas de picado, posiblemente con instrumentos líticos de punta roma complementado con labores de fretamento. O resultado é o de sucos moi anchos, nos que tamén incidiron seriamente os procesos erosivos.

O petroglifo máis pequeniño (E) consta dunha coviña central de uns 3 centímetros de diámetro e case dous de profundidade. É de tipoloxía moi desemellante ás anteriores, empregándose posiblemente instrumental metálico para a súa realización. A súa distinta factura fainos pensar nun gravado máis tardío que o do resto das figuras.






Ver aliñamentos astronómicos dos petroglifos.

Ver artigo: Obviedades: Os petroglifos da Ermida Ben de Interese Cultural

Ver artigo: Eiras: minas, petroglifos e mámoas










Eiras: minas, petroglifos e mámoas
Ver fotografías dos petroglifos da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver Os petroglifos de Eiras
Artigo publicado o 05-09-2010 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
☀️ Os petroglifos de Eiras e Lámbrica
Foto do panel dos petroglifos da Ermida dende o Norte da rocha (Eiras, San Amaro).
A tipoloxía dos petroglifos de Eiras fainos pensar en gravadores da Idade do Bronce, podendo ser datado este panel entre os anos 1700 e 1200 antes de Xesucristo, aínda que a súa utilización pode chegar ata os tempos da romanización.

Só a figura máis pequeniña demostra ser gravada nun período xa tardío, pois á súa distinta factura denuncia que se empregou algún instrumento metálico. Unha coviña tan diminuta non pode ser trazada por desgaste con instrumentos líticos como foron gravadas as demais figuras.

Elo indicaría a longa utilización cronolóxica do lugar, posible evidencia dalgún carácter sacro. Esta sacralidade terá continuidade co cruceiro cristián erguido nas súas inmediacións, a carón dunha mámoa.

A orientación do petroglifo máis grande do panel cara o outeiro onde no período castrexo será edificada a Cidade de San Cibrao das Las lévanos a sospeitar que os gravadores do panel da Ermida xa tiveron en conta ó citado outeiro, moitos séculos antes do período castrexo.

Elo pode indicar a preeminencia que o outeiro onde está o Castro das Las, Lámbrica, puido ostentar xa sobre o contorno. Esta preeminencia estaría simbolizada no panel polo maior tamaño do petroglifo orientado cara ese outeiro, polo maior número de círculos concéntricos que contén e pola presenza de liñas radiais, inexistentes no resto das figuras.

Loxicamente, esta relación tivo que ser anterior ó período castrexo. No castro das Las existe, cando menos, unha mámoa ou sepulcro colectivo, parella de outra que hai nas inmediacións dos petroglifos da Ermida. En moitos estudos asóciase a presenza de petroglifos circulares con mámoas do contorno, polo que deben ter unha cronoloxía semellante. No noso caso, elo implica que a presenza humana na citania de San Cibrao Las é moito anterior ás actuais construcións castrexas que alí podemos admirar.






Bibliografía

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: "Os petroglifos da Ermida en Eiras, solsticios e territorio". Ágora do Orcellón 18. Páx. 32-45. Vigo. Xullo de 2009. ISSN 1577-3205.














Ver o petroglifo principal da Ermida (Eiras, San Amaro)
Ver a Pedra Furada da Ermida
Ver algúns aliñamentos nos petroglifos da Ermida
Artigo publicado o 05-09-2010 09:50
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre os petroglifos da Ermida en Eiras (San Amaro)
Panel da Ermida (Eiras, San Amaro)
As coincidencias de petroglifos aliñados cos puntos de solpor nos solsticios poden excitar a imaxinación daqueles que tivemos a sorte de contemplalas, aínda que nada hai, en principio, que permita comprobar a súa intencionalidade.

O intento de explicar os petroglifos como mapas da contorna tamén foi empregado por autores diversos en outros paneis, moi especialmente a coincidencia de petroglifos con lugares húmidos. Noutros casos barállase a posibilidade de que representen poboados ou mámoas, cando non límites territoriais. Ningunha delas é aceptada totalmente, polo que aínda queda moito por avanzar sobre o estudo da intencionalidade dos petroglifos.

A existencia dun lugar común na contorna, lugar central dende o que se divisaría un territorio que será reflectido nun "mapa", neste caso a dous quilómetros de distancia, é unha das hipóteses, creo que nunca contempladas, que se poden tirar dos artigos deste blog, e que requirirán ser confirmadas noutros xacementos.

A motivación astronómica non parece compatible coa existencia do nacemento dos regatos, atopándonos diante dunha gran casualidade, pois os regatos nacen de forma natural. Pero elo non impide que a distribución xeográfica dos lugares húmidos fose xenialmente combinada coa traxectoria solar anual polas elites relixiosas daquela época, aínda que iso é imposible de saber. Polo de agora, as nosas abrigas son as de contemplar e de preservar estes fermosos vestixios de hai cinco mil anos.





Ver artigo Petroglifos da Ermida: Astronomía e territorio?







Ver artigos dos petroglifos de Eiras en Terra Antiquae
Ver Os petroglifos de Eiras, no concello de San Amaro
Artigo publicado o 09-05-2010 09:38
# Ligazón permanente a este artigo
(2009-2020) Artigos posteriores na Burata da Moura

  💫 Escolma de ligazóns ⭐
  💫 Artigos do blogue 📖
  💫 Buscar nos artigos 🔎

©️ Felisindo Glez. Iglesias. 2009-2020 💫
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0