Papiros de Hermaco


Papeis de opinión sobre a vida cotiá

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Santuario da Paraguda
A Paraguda é un alto que coroa o Val Miñor a máis de 500 metros de altura, xunto co Galiñeiro son dos curutos máis altos da comarca. Moitos deses lugares foron utilizados polos druídas dos antigos galegos para reflexionar nas súas cousas, por iso son atopados muíños naviculares, utilizados para moer substancias psicotrópicas, e así estar máis preto do ceo, ou de non se sabe que.

É un refuxio, un lugar para estar, situarse e asentar as cousas cando a cabeza xira sen parar. Alí, co mar de fondo, as cousas vense máis claras, se cabe, ou máis confusas, ou máis escuras, ou magnificadas, ou así. Naquelas marmitas, que o vento labrou, hai un trono a medida de quen queira, e segundo cambias de trono, vas mudando de parecer.

É un refuxio antiaéreo, sobre o seu eixo xiran os avións que aterran en Peinador, dende alí podes dirixir os seus vós cun dedo e mandalos a paseo, ou ao quinto pino, ao final todos rematan de novo en Peinador.

É un lugar onde estar ben cando non se está, un lugar onde estar cando se está ausente, un santuario onde non fan falla máis que o solpor e as endorfinas para sentirse cómodo, un lugar onde tod@s sodes pequechiñ@s e un faise xigante, para baixar dalí entre sombras pero cheo de autoestima e así vivir un día máis.

É un lugar onde buscar cando un desaparece, ou fuxe, no cume ou no fondo do barranco.

Hoxe pódese contar porque non fai falla subir alí.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2007 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Reflexión ambiental
Que a vida física e espiritual do home (ser humano) está ligada coa da natureza non ten outro senso que o que a natureza está ligada consigo mesma, pois o home é unha parte da natureza. Karl Marx, Manuscritos de economía e filosofía (Ed. Francisco Rubio Llorente) alianza, Madrid 1981 (1844), p. 111.

A crise ecolóxica mundial non responde máis que a consecuencia do desplazamento progresivo da racionalidade das ideas pola racionalidade dos resultados. O desequilibrio entre ambas formas de racionalidade afecta ás relacións ser humano-natureza de xeito que o abuso de poder técnico se antepón ó aprecio do valor ecolóxico.

O abuso de poder técnico é patente e limita a propia condición humana: primeiro o fenómeno tecnolóxico amosa a excelencia da razón humana posibilitando o exercicio da súa soberanía sobre a natureza, entón se considera que este progreso tecnolóxico expansiona a libertade. Pero a explotación desa natureza xera novas necesidades e trae consigo problemas de consecuencias imprevisibles ou irresolubles, logo, esa mesma técnica sustenta estratexias de aniquilamento da autonomía do suxeito nunha sociedade e nunha natureza encorsetadas en estructuras formais manipulables, cando non provoca a súa directa destrucción.

Este abuso de acción tecnolóxica xenera problemas na vida social entre os seres humanos e na relación destes coa natureza, como ser humano e natureza son a mesma cousa, a consecuencia é que a destrucción da natureza resulta da mesma humanidade.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2007 13:10
# Ligazón permanente a este artigo
A papuxa que voou baixo
A papuxa ese día voou baixo. Todas as mañás espertaba na ponla norleste 24 do amieiro e saía escopetada a cazar os primeiros mosquitos matutinos sobre o asfalto, pero ese malogrado día voou baixo e petou co salva ventos dunha frajoneta. O vehículo non podía ir moi rápido porque viña costa arriba, xa case chegando ao altiño, pero o suficiente para que o paxaro non calculara ven e petara co seu corpiño de algodón cun muro insalvable.

O golpe non foi mortal pero a parálise e o susto fixeron o posible para que quedara no centro da calzada a expensas dun destino incerto.

E por alí pasei eu, tamén cun destino incerto que me levaba a Riveira. A velocidade non foi impedimento para detectar unha anomalía na superficie lisa da estrada, moito máis doada de ver cunha aleta nun mar encrespado, e antes de seguir vin o movemento da súa crista moura. Mirando a un lado e a outro calculaba a distancia e a velocidade da miña roda, calculaba a breve duración da súa propia vida. Parei, e atravensando a toda presa os dous carrís collín o seu pequeno e fraxil corpo na man.

Aínda que caída de lado non parecía ter nada roto, apenas unha ferida, unha papuxa ferida en imprevisible combate aéreo. Nada grave.

A piques estiven de baixar a fiestra e botala a voar pero pareime a ver a súa reacción. Doutra vez, cun paporroibo, houben de andar atrás del por todo o coche, pois espertou do seu sono e voou de seguida. Pero neste caso non facía por voar, non facía por marchar. Entón pregunteille por qué, e díxome que estaba ben alí, quentiña na man, segura do exterior, sen perigos. Con coidado díxenlle que eu non a podía pechar na man para sempre, non a podía manter toda a vida así, que ía comer?, con quen socializaría?, que pouco mundo vería dende o meu coche!.

Saín do coche e busquei un lugar, unha atalaia segura para o despegue, mais tamén para fitar ao lonxe, un lugar onde poder sentirse segura antes de iniciar un novo vó. Pouseina no pretil dun sinal, unha atalaia de cemento que soportaba un anuncio de boa viaxe, que ironía!, desexarlle voa viaxe a un ser danado por un vehículo viaxeiro.

Sentei no coche, arrinquei e mirando para atrás vin a súa cabeciña negra abanear cos ollos pechados. Marchei, perdina de vista e durante un intre nin pensei nela, pero dalí a pouco, atravesando o río Ulla comecei a raiarme co asunto da papuxa, que por que voaría baixo, que por que a atopei, que como fun quen de deixala abandoada, que sería dela!, que ao mellor a comeu o primeiro gato que por alí pasou, que culpable me sentiría se ao voltar por alí a atopo caída, destrozada ou morta.

Horas despois pasei polo mesmo lugar e vin para o pretil non atopando a figura da papuxa, seguín a marcha e seguín durante as restantes horas de viaxe pensando sobre os mellores momentos da papuxa, de como voaría agora ceibe no ceo, das acrobacias que faría, era a mellor lembranza que lle podía desexar. Boa viaxe, god trup, have a nice trip paxariño.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2007 09:58
# Ligazón permanente a este artigo
Borrascas e caracter
Que é o que nos fai @s galeg@s ser como somos? Témonos preguntado milleiros de veces.

Eu penso que son as borrascas.

Eses caracois de nubes xigantescos que se forman no Atlántico e que, coma un deus encabuxado, nos lanza contra a costa con toda a súa forza titánica.

Antes de chegar, a borrasca empurra contra nós toda a calor do mar, isto fainos sentir ben, moi ben, anque cando esa calor é xa excesiva, o aumento da presión arterial fainos sentir incómodos, demasiada calor como para ser normal, entón comezamos a abafarnos, a cabeza estálanos e dificúltase a respiración. Miramos para o ceo e alí vemos vir os catro xenetes da borrasca, cabalgando a tropel sobre nubes mouras de formas caprichosas que van cambiando ao paso, mentres, o vento castigador de avanzadilla arrasa con todo. Logo dun trebón para o vento e comeza a chover, entón parece que refresca o ambiente, pero logo enfría. Cheira a terra recén mollada, un cheiro peculiar que tod@s lembramos de cando eramos cativ@s, un cheiro a remate do xogo, da festa, de caída da tarde, un cheiro de final pero de principio doutra cousa. No momento, a choiva refréscanos pero detrás veñen máis vento e máis choiva, raios e centellas e, ao pouco, estamos xa aburridos de tanta pirotécnia.

Á capa, sorbevivir á capa aproando ao vento, bo consello de mariñeiros. Cantos rampleiros foron ao fondo por empopar ao vento, trantando de fuxir da borrasca?, a súa popa, como perversa abertura inguinal pedindo calor, vese penetrada polo mar que chega ata o sollado deixando a liña de fllotación na regala entón o barco funde a popa e levanta a proa clamando ao ceo, como cervo ferido, e non queda máis que abandoar o barco e deixarse morrer a expensas do mar e da borrasca.

Pero este non é o caso, amais non se pode sucumbir a primeira, a borrasca nunca pasa e remata, ten reedicións coma hélice xiratoria que é, e mañá á mesma hora outra volta de festival, e pasado de novo, e así ata que esgota. Mentres tanto sucédense momentos de sombras e claridade, uns máis liviáns e outros máis duros, sempre pendentes do ceo, a cada raioliña de sol parece que renace a vida, que se volve a sumir en cada escuridade.

Así conformamos a nosa cosmovisión, subindo e baixando da borrasca, deixándoa pasar se non podemos con ela, pero manténdonos sempre a aboiar, agardando un día de sol. Mais, sol é bo tempo?, para nós poida que non, poida que bo tempo sexa claridade e chuvia morniña, ese que ven despois de pasar a borrasca e antes do anticiclón.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-06-2007 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0