Papiros de Hermaco


Papeis de opinión sobre a vida cotiá

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Galiceño
Os americanos do norte valoran moito aos cabalos, por iso ao logo da súa historia tiveron diversos problemas para asumir a alimentación baseada na súa carne. Os mesteños foron a base da expansión americana, e da resistencia india. América do norte carecía de greas de cabalos, extinguidas había milleiros de anos, en cambio, os prados estaban inzados de bisontes. Ao diminuir os bóbidos, as greas de cabalos ceibes proliferaron e adquiriron moita importancia como forza bruta para o trasporte e o taballo. O mesteño, do que provén a palabra yankee mustang, é un cabalo cimarrón, fuxido ás campas dos primeiros traídos polos conquistadores, por iso os colonos que se expandiron cara ao oeste atopáronse aos indios como expertos xenetes.
Según indican os expertos estes cabalos serían provintes da raza árabe andaluza, aínda que seguramente serían unha mestura de todas as razas que levaran alá os primeiros conquistadores, de incerta orixe, bem seguro que habería cabalos galegos.

Os mesteños convertéronse nun problema xa que a principio do século XX había 2 millóns de cabezas competindo polos pastos coas cabezas de gando, polo que fóron exterminados, ao igual que os bisontes, e nos anos 60 considerados protexidos dado que quedaban menos de 350.000 cabalos.

Compre ver a película Océano de fuego. A historia dos mesteños é moi dignamente recollida na película que describe a historia real de Frank T. Hopkins, e a súa besta Hidalgo, protagonizada por Viggo Mortensen e por un cabalo mesteño das chairas do medio oeste.

En Texas e México, os mesteños denomínanse Galiceños, son uns cabalos que valen para todo e os teñen en moi bo aprezo. Os cabalos que levaron os conquistadores a América do Sur eran cabalos españoles e está consignado nos Arquivos do Indio, que pertenencían ao cruce entre o Galiceño, de orixe Celta, do Soria e do Barba de Marruecos.

A ver se vendo pola fiestra algúns danse conta das marabillas que temos nos nosos montes e aprenden a apreciar o seu.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2007 20:15
# Ligazón permanente a este artigo
O curro ancestral

No sur, á rapa das bestas chamámoslle polo lugar onde se realiza, é dicir, CURRO. O curro é unha das festas máis ancestrais e menos institucionalizadas que hai na nosa terra, ten a fermosura da vida salvaxe, a dureza do contacto, unha relación, entre dúas especies, de dominancia e sumisión e a crudeza da violencia, que nalgúns casos por ser gratuíta non é gusto de moitos. Aínda así, gosto de ir por ver unha vez máis, e repetidamente, ás bestas.
Xa as vexo no monte, agochadas tras dunha xesta, comendo apaciblemente, descansando na campa, buscando entre o terreo queimado unha herbiña, correndo diante do morro do coche polas pistas. Pero no curro gosto de velas e de tocalas, facendo uso da vantaxe que me proporciona a dominancia humana da grea.

Penso que os curros están ?infraexplotados?, pero para facer unha promoción seria dos curros habería que abordar o tratamento do gando mostrenco (cabalos, vacas ou cabras), abordando os seguintes aspectos:

- Control do estado sanitario do gando retirando do monte os animais feridos, mutilados ou enfermos.
- Eliminación de practicas de tortura aos animais (mutilación de cornos ou rabos nas vacas ou pexas nas patas dos cabalos).
- Xestión adecuada de pastos (abrir pastos de montaña, evitar pasto en áreas queimadas, evitar lumes para crear pasto). Obriga de establecer convenios coas Comunidades de Montes.
- Adecuación do espazo curro, limpeza e eliminación de pedras e latas dentro do curro, control de accesos e de vehículos ao recinto, control dos xenetes por medio do público e bestas, ordenación dos postos, seguridade para o público.
- Reducción do estrés nos cabalos, fundamentalmente nais e poldros.
- Regulación da manipulación dos cabalos, contol da agresión gratuíta con penalizacións ou sancións, se é necesario.
- Eliminación do sofrimento no marcado ao lume mediante a implantación doutros métodos menos lesivos.
- Estudo de fotoidentificación individual como método de seguemento regular dos cabalos, que permite ademais desenvolver unha campaña de sensibilización mediante a adopción simbólica de poldros ceibes como actividade divulgativa.
- Imprimirlle unha finalidade e obxectivos claros ao curro e as actividades que nel se desenvolven (rapa, saneamento, etc.).

O público ten que acudir ao curro coa seguridade que lle da dun simple paseo ao monte, volver cheo de picazos dos toxos e de carrachos, pero contento e orgulloso do que alí ocurre, ademais, se leva para casa a foto dun cabalo que adopta (previa contribución económica que pode redundar no dono do cabalo ou na festividade), tede por seguro que volve para o ano e que ademais irá varias veces ao monte por comprobar se o atopa.

O público, e menos o turista potencial ao que se lle pretende vender a festa, non pode voltar a casa pateado polos cabalos que non saben por onde sair do curro, afónico de berrarlle aos impresentables torturadores de cabalos e cabreado de ter presenciado unha batalla desigual identificando aos cabalos como vítimas torturadas.

No curro, os cabalos, garañóns, eguas e poldros, teñen que ser os protagonistas, anque haxa persoas que os traian, os collan, os leven, os fagan rabear e por detras se merquen, se vendan ou se leven para comer. Non debe ser ese o obxectivo que se pretenda ?vender? a un público potencial cun plantexamento turístico ou de ocio.

Se non conseguimos frear esa barbarie e dar valor ao cerne do curro, en pouco tempo teremos a xente reclamando touradas, e para iso lamentablemente tamén hai público. Aídna quedan algúns por celebrar, anímate.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2007 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
O pequeno acorazado
Críase infalible, indestructible, coa súa coiraza de púas. Case que ningún depredador pode con el, nin rapinas nocturnas, nin o áxil raposo, nin tan sequera os máis feros cans. Por iso aventúrase por un mundo adiante sen fronteiras, mais, non se decata que os seus métodos de defensa adaptativos non serven para os modernos cambios da velocidade humana.

É vulnerable ao tráfico rodado, e cada primavera, un rosario de mártires estra as rúas e camiños, coas súas visceriñas tapizando o asfalto. Como ocurren estes accidentes?. Pola súa lentitude?, pola súa confianza?, pola súa seguridade?, por todo un pouco?.

O sistema de defensa do ourizo cacho (Erinaceus europaeus) consiste en facerse unha bola inexpugnable con púas en toda a súa superficie, deste xeito impide que ninguén poida chegar as súas partes débiles. O problema é que esta resposta resulta automatizada frente a calquera perigo e as gomas dos neumáticos non son atravesadas, aínda, por semellante armadura.

Un día de hai tempo, de cando os animais aínda falaban, atopei un ourizo cacheiro entre a arribazón da maré do areal de Langosteira en Fisterra. Cando fun ver, pensando que estaba morto, comprovei que, aínda con vida, acurrucábase sobre si mesmo. Saqueino da area e quedei coa dúbida de se iría alí por comer os insectos presentes no argazo ou ben o traería a maré realmente, fiquei coa dúbida, e, por máis que llo preguntei nin asomou o morro.

Neste caso o pequeniño ourizo da foto indagaba entre as prantas diante da curiosa mirada dun observador da natureza que, antes de deixalo pasear de novo na noite, colleuno para tirarlle unha furtiva foto. Isto acontecía recentemente en Vilanova de Arousa.

Hai algúns elementos que se deixan recoller cada noite polo can da casa, nunha sorte de comportamento sadomasoquista, non se sabe se por medir as forzas do can, se por mancarlle o padal ou se por facer unha visita ao salón da casa, cos mimiños correspondentes e antes de deixalo de novo no xardín, unha vez ceibe busca un lugar afastado, para poder seguir coa súa rutina, pero non tanto para non ser recollido de novo ao día seguinte polo disciplinado can.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-06-2007 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
Sons do mar
Buscando sons do mar, e dos seus habitantes para facer unha pequena performance auditiva, lembrei dun autor fantástico de hai anos pero non teño os seus discos mais que en vellas fitas magnéticas. Paul Winter, cos seus discos Callings e Whales alive, é un autor de referencia. Terei que conseguir o material dixital para escoitar máis a miúdo.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-06-2007 18:21
# Ligazón permanente a este artigo
Arroaces preto de nós
Unha amiga indica que hai 20 anos, polo menos, era habitual ver os arroaces no Morrazo e en Aldán, e pregunta que hai diso actualmente. Afortunadamente aínda é habitual velos nesas áreas. O sitio onde se moven máis na Ría de Vigo vai de Moaña a Cangas, o que pasa é que botan grandes tempadas desaparecidos, non como en Muros-Noia que están de seguido dentro da Ría. O que non sabemos é onde están cando non están aquí ou acaso agóchanse en calquera recunchiño da costa e pásannos desapercibidos, son coma fantasmiñas mariños, como o holandés errante pero sen meter medo por aí.

A Ría de Vigo e Arousa son moi grandes e por iso vanlles ben, porque pasan relativamente desapercibidos, na de Pontevedra é outra historia, sobre todo Sanxenxo-Portonovo onde están moi agobiados, sobre todo no verán, onde son perseguidos dende que sae o sol ata que se pon!, ata 20 embarcacións teño contado ao redor dos arroaces.

Ogallá poidamos compartir as Rías para que eles poidan vivir tantos milleiros de anos no futuro como levan ata o de agora. Deberiamos delimitalas, a metade para nós e a metade para eles, como mínimo. Xa foron tempos piores para eles, agora, sen ser bos, son uns tempos de descanso e incertidume, onde as agresións son mais sibilinas e menos evidentes, transfórmanse en enfermidades crónicas por mor da contaminación e o ruído, pero polo menos xa ninguén os persegue ou os mata deliberadamente anque os accidentes (capturas accidentais) aínda sexan abundantes.

Lembro que a última matanza de arroaces está datada no ano 1977, aínda antronte!, aconteceu na ponte da Toxa onde sete arroaces foron literalmente masacrados e esa vez foi unha das múltiples que tiñan acontecido alí.

A quen lle poden facer mal unha manda de irmáns arroaces patrullando ao longo da Ría?.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-06-2007 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
Estamos coma cabuxas
Ultimamente oio, e dinme moito, iso de que estás coma unha cabra. Non é raro porque debe ser verdade.

Inconformismo, a contrapelo, ecomarxismo, aconvencionalismo, anormalidade, extravagancia, ou simplemente rareza, son cualidades que crean a unha opinión nos demais e que o resumen nesa frase. ¿Qué terán as cabuxas para que pensemos que son así?.

Andar polos balados, tesos, riscos e penedos. Comelo todo. Subir as árbores. Que sei eu!. Tamén ao demo o representan coma unha cabra tola.

Non deixo de poñer a referencia a unha páxina dun amigo, xa non é actual, pero que declara un manifesto de xentes blogeiras raras, raras coma cabuxas.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2007 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
Comportamento sexual animal e humanidade
A antropización de TODO é unha característica moi humana. Neste sentido a sexualidade animal é observada a través dun filtro que cataloga e interpreta, cunha visión humana e en moitos casos pouco obxectiva e mesmo reaccionaria, comportamentos que son externos á nosa comprensión. Recentemente unha pregunta sobre a pretendida homosexualidade animal, e concretamente dos golfiños, levoume a analizar un pouco o caso.

Algúns ?especialistas? identifican comportamentos aberrantes en golfiños cautivos.
Tamén bisexualidad en primates superiores,
Actividades sexuais ?sen finalidade reproductora?
Actividades homosexuais, reflectindo que a homosexualidad e a bisexualidad cumplen fins de cohesión na poboación.

No caso dos cetáceos, nomeadamente os golfiños, o tacto é un senso moi desenvolvido. O cachorro nada paralelo á nai apenas tocando o seu corpo coa punta da aleta pectoral, para sentila ao seu carón, ou nada totalmente pegado á nai mentres durme. Moitos dos xogos de coordinación realízanse con leves contactos corporais. Todo tipo de tocamentos serven como cohesión e relación social e os contactos sexuais non son alleos a esta sinfonía táctil, dado que a área xenital é unha zona moi sensible. É por iso que resulta dificil catalogar o significado, dende o punto de vista antropoxénico, deste comportamento táctil e aparentemente sexual. Estes comportamentos realízanse na totalidade do tempo de socialización, en cambio os comportamentos reproductivos soen estar, na practica totalidade das especies, centrados nunha época reproductora, onde a competencia sexual é moi acentuada. A reprodución nos golfiños é polixínica, onde moitos machos copulan con moitas femias, canto máis mellor, para así, co seu chorro de esperma, desprazar o esperma depositado na anterior cópula, neste tipo de reprodución o tacto mesmo pode que careza de importancia, ou ao menos da importancia que pode ter a nivel social todo comportamento tactil. Moi posiblemente macho e femia non se paren demasiado en comportamentos previos á cópula nin en tocarse demasiado e vaian ao grao directamente, uns por acceder ao máximo número de femias no menor tempo posible e outras por sacarse de enriba a eses moscóns canto antes (outra interpretación antropoxénica).

Outras especies, todas elas con altas capacidades cognitivas presentan características semellantes, entre elas destacan os bonobos, que resolven a maior parte dos seus conflictos e festexan todas as súas alegrías a través do sexo.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2007 12:45
# Ligazón permanente a este artigo
Sabado ilusionante, ¿aparente ou real?
Os acontecementos políticos deste sábado día 16 na nosa Galiza, coa toma de posesión das alcaldías, abriron un tempo de esperanza e ilusión que case non se lembraba dende a transición, tan só comparable coa saída do PP do goberno da Xunta. A política de pactos auspiciada polo nacionalismo e a esquerda moderada centralista (BNG e PSOE) provocou o desprazamento do poder en mans do PP en máis de 30 concellos.

Este pequeno paso, que terá que materializarse nos vindeiros tempos, é indicio da tendencia a unha democracia, malia formal, consolidada, que aínda está en constución.

O fracaso desta política será tratar de reproducir a política dos outros, da dereita, velaí a febleza do socio socialista. Sobre todo no relativo á competencia do mercadeo de votos, e a subordinación deste interese á verdadeira participación cidadá.

A recente historia da política europea evidencia o segundo fracaso da socialdemocracia no século XX, curiosamente por ter aplicado políticas conservadoras mediante a instrumentalización de partidos autodefinidos como socialistas, ao menos verbalmente, mentres demonizaban os movementos relacionados ideolóxicamente co mal chamado socialismo real (comunistas).

Os programas de política municipal nacionalistas emanaron dun traballo colectivo e de diversas fontes ideolóxicas, mais cunha clara vocación de abrir as portas dos concellos á cidadanía como depositaria da soberanía popular.

A virtude de compartir decisións e goberno entre dúas forzas recae na capacidade e posibilidade da negociación e do consenso, mais a dificultade desta unión está no perigo da deriva á instauración dunha política oligárquica que trate á cidadanía como mera clientela aborregada, exactamente igual a como fixeron os outros.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-06-2007 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Ananá grelhado


Nunca se me ocurriría escribir algo gastronómico se non fóra porque nunha xuntanza de amigos deuseme por comentar que ultimamente comía máis vexetais e sobre todo ananá grelhado, todos quedaron estupefactos e cos ollos coma platos.
Anaqué de que?...

O ananá (Ananas comosus)é un una planta da familia das bromeliáceas, nativa de América do Sur. É unha herba perenne, de escaso porte e follas duras e lanceoladas de ata un metro de longo, fructifica unha vez cada tres anos producindo un único froito fragante e doce, no cume da planta. Eu vin as plantas por primeira vez na illa de Madeira e fiquei absolutamente sorprendido!, nunca as imaxinara así.

Como sabemos cando está maduro?
O ananá debe estar firme ao tacto, e cando está maduro despide un aroma moi agradable e tentador. As súas follas deben estar verdes e ben suxeitas, pero cun detalle, que se ao tomar unha folla do centro esta sae con facilidade, indicaranos que o ananá está no punto xusto de maduración. Coidado ao manipulalo na froiteiría pois son moi delicados.

Que achega ao noso organismo ao comelo?
Se partimos da base, de 100 gramos de ananá fresco, debemos de considerar, que: 85% é auga, 27 mg vitamina C e boa cantidade de fibra. Calorías que nos achegan=50.

Cales son as súas propiedades máis destacadas?
Ten acción diurética, polo tanto axuda a quen teñen problema de ril, vexiga e próstata.
Axuda a corrixir e previr o estreñimento e é normalizador da flora intestinal.
O seu zume ten certo poder antiséptico, polo tanto axuda nas inflamacións de gorxa e boca. Contribúe á eliminación de toxinas por medio dos ouriños. Tomado antes das comidas, estimula a secreción gástrica, axudando á dixestión e á actividade do estómago e intestino delgado. Contribúe a restaurar a flexibilidade das articulacións, e atenúa as dores reumáticas. En casos de hemorroides, axuda a desinflamar. Para quen sofre de presión arterial recoméndase o seu consumo. Todas vantaxes.

Xa hai moito tempo que o tomo coma postre e froita pero dende hai un ano trouxéronme novas das variadas grelhas froiteiras do Brasil e introducín esta novidade no meu forno. A grelha de mazá ou plátano é algo corrente, e agora a de ananá.

Como xa dixen antes, tomo máis vexetais na miña dieta, moitos máis, o de suprimir a carne vai ser máis dificil, mais a todo se chegará.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-06-2007 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Moreas de cariños conscientes
A pasada semana tiven a honra de traballar para 24 persoas, homes e mulleres, con limitacións das súas capacidades. A maioría só daban cariño, dun xeito xeneroso e, a penas sabían recibir o mesmo, e canto o precisaban!.
Moito lembrei durante eses días a Ramón Sampedro, aquel sonense que nos deu leccións de humanidade, ao que, de cando en vez, temos que remitirnos para lembrar as súas palabras: Sinto, logo existo. Para coñecer mellor a Ramón non deixedes de revisar Mar adentro, unha obra que trata a súa historia con grande cariño e delicadeza, e o seu libro Cando eu caia, un verdadeiro testamento de sabiduría.

Soidade infernal
Soidade, coma a dos mortos, é a miña;
Inerme, como area da praia ó capricho das ondas;
Como argueiro de palla ó antollo banal do vento;
E coma un esqueleto desprovisto da súa carne acesa.

Páramo ermo e solitario, azoutado polo temporal
De ventos furiosos que xiran semrpe ó meu arredor
Como se quixeran preguntar. ¿que fas aquí só?
Eu xamais resposto, por dignidade.
Cando eu caia. R. Sampedro. Xerais 1998.

O mar tamén foi referente para Ramón, nel fracturouse a súa vida, a el quería voltar.

Fragmento de Quero ir ao mar

E se fai falla, para soñar,
Para encontrarte de novo, amor,
Porque non teño na terra soños,
Quero ir ao mar, para revivirme, para afogar.


Tod@s somos un pouco prisioneiros dos nosos corpos, de nós mesm@s, dunha parte de nós da que non podemos fuxir, e así compartimos a vida co eu e co antieu. Mágoa cando non se levan ben e desaparece a consciencia, quedando só o dar e recibir cariño alle@s á realidade que nos rodea.

Seguirei a traballar con eles, lembrarei a Ramón e a súa sabiduría, recibirei moreas de cariños inconscientes e devolvereinas conscientemente.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2007 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0