O xoves día 13 de outubro as 20:30 h terá lugar a presentación da novela gráfica
Cabana de Baleiros do autor Tokio e editado por Demo Editorial. O acto terá lugar a partir das 20:30 h na Aula Ponte de Rosas, sede do
Instituto de Estudos Miñoranos. O acto será presentado polo debuxante Pepe Carreiro, autor de Os Bolechas.
TOKIO (nome artístico de
Alfredo López), é un dos debuxantes pioneiros da BD galega durante os anos oitenta, daquela comezou publicando nos fanzines de Vigo (Castrellis, Katarsis, Coyote), despois publicou humor gráfico na Peneira, Faro de Vigo, El Correo Gallego e A Nosa Terra. Traballou como ilustrador científico e como biólogo mariño, actividade que aínda desenvolve. Agora volve á novena arte cunha obra editada por Demo Editorial: Cabana de Balieiros unha obra de intriga ambientada nunha vila mariñeira de finais do século XIX.
CABANA DE BALIEIROS é unha vila imaxinaria, inspirada en varias localidades da Costa da Morte, nos tempos en que os barcos aínda navegaban coa forza do vento. Esta vila é das que agochan segredos. Moitos deles son misterios que levan e traen as mareas. Algúns afúndense, e outros saen á superficie cando ninguén o espera. Un novo párroco, chamado Telmo, chega á vila, e atópase cunha igrexa abandonada e un mundo que se descubre coas historias que fermentan na terra, fillas do salgado vento que trae o mar. Alí atopa a Céltia, unha muller herdeira de todas as sereas que na historia houberon. Ambos son testemuñas dos dramáticos acontecementos que acontecen nunha terra de costumes ancestrais, onde os instintos humanos marcan o ritmo da vida, xeran o destino dos seus habitantes e levan a algúns ao naufraxio da súa propia alma. Unha historia que nos achega ao longo das súas cen páxinas ao contexto social da Galiza do século XIX, desde a mirada dun autor que, fundamentalmente e por riba de todo, é un defensor da natureza e ten alma de mariñeiro.
DEMO EDITORIAL ven de recibir o premio Ourense de BD, outorgado pola Casa da Xuventude, no ámbito das XXIII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense recentemente celebradas. O responsable editorial, Manel Craneo, estivo presente no evento para a recollida do premio, unha figura do artista plástico Manolo Figueiras deseñada especialmente para o premio. Entre os galardoados de anos anteriores figuran, entre outros, os debuxantes Xaquín Marin e Miguelanxo Prado. O galardón foi concedido pola aposta da editorial polos autores galegos, entre os que se atopan Brais Rodríguez coa obra A man do diaño, Manolo Poy e Miguel Fernández coa obra O fillo da fúria, Dani Montero coa obra Sen mirar atrás e o propio editor Manel Craneo coa obra Os lobos de Moeche. Cabana de Balieiros ven sumar unha nova obra no catálogo da editorial.