|
|
|
GALICIA, UN PAÍS MARABILLOSO |
|
 Imos tratar de desenvolver como terceira parte desta Unidade 0 sobre Galicia, o país das marabillas unha panorámica xeral da Historia do Galego partindo das súas raíces, ademais de ir reparando nas distintas denominacións que esta Terra foi adoptando como consecuencias das diversas etapas polas que pasou.
I-ANTES DO GALEGO: GALLAECIA
A ETIMOLOXÍA DE GALLAECIA:
Aínda que lle debemos aos romanos entrar na historia co nome de Gallaecia, a verdade é que este nome procede dun topónimo céltico, anterior á conquista de Roma deste territorio.
Un punto por investigar: etimoloxía e palabras milenarias do substrato e superestrato do galego
1- Procura información sobre esta palabra o seu significado e como aparece nos documentos da antiguidade greco-latina.
Un par de enlaces para comezar a investigación:
- De onde vén o nome de Galicia
- Sobre o topónimo Gallaecia
AS RAÍCES: O SUBSTRATO E O SUPERESTRATO DA LINGUA
Imos estudar brevemente os conceptos das Linguas de Substrato e das de Superestrato do galego, é dicir, as que se falaron antes do latín e as que se falaron despois do latín, pero antes de nacer o galego.
AS ORIXES
I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.
II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. A nosa lingua nai, o latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.
III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.Tamén teremos un superestrato árabe de menor incidencia.
Para podelo sintetizar mellor bótalle un ollo ao seguinte esquema sobre as raíces da lingua galega.
Completa esta información lendo no libro de texto as páxinas 18, 19, 20 e 21.
2- Tras da lectura segue indagando acerca das palabras de substrato pre-indoeuropeo e de linguas indoeuropeas como o celta que se conservan en galego.
3- Para rematar esta procura fai o mesmo coas palabras de superestrato xermánico e árabe do galego. |
|
|
|
Sobre o local e universal como conceptos complementarios |
|
 Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!
MANUEL MARÍA. Os soños na gaiola
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA FAINOS HUMANOS
Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza
1- Por que cres que pode haber algúns homes que poidan sentir envexa das formigas? Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel? Que sabes ti sobre este pasaxe da Biblia? Quererías ti que existise un idioma universal ou conformaríaste con saber idiomas?
2- Segundo Castelao, que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
COMO SERMOS VERDADEIROS?
A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…
Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)
ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira
3- Localiza a idea central que defende Vilar Ponte e logo redacta un texto no que seguindo a liña argumental do autor expliques razoadamente por que é importante ser orixinal no universo. Procura usar varios argumentos.
POLO DEREITO A SERMOS DIFERENTES
O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenvolvemento natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
CASTELAO, Sempre en Galiza.
4- Explica a metáfora (biberón/teta) que usa o autor.
5- Que está pedindo Castelao neste texto?
|
|
|
|
GALICIA, O PAÍS DAS MARABILLAS |
|
 - Madialeva, chegamos tarde! diríanos hoxe, mirando o seu reloxo aquel personaxe do Coello Branco. Trátase dun personaxe do relato de ficción de Lewis Carroll tan coñecido do que botamos man e emulamos no lema deste curso.
Pois claro, o noso propósito (e a nosa obriga) é demostrarche que nunca é tarde para saber, que todo ten o seu momento e o seu aquel, malo será!...que tes un potencial tremendo por desenvolver e que si, hai que aproveitar o tempo. Xa que imos estar eiquí sentados unha morea de días non estaría nada mal que lle saquemos proveito e, sen deixar de pasalo ben (a educación non debe ser un proceso aburrido nin estar de costas á diversión) atrevernos a aprender.
Como supoño que é razoable e estarás de acordo co que levamos dito, vaiamos a unha segunda cuestión: Para coñecer as cousas non hai como usalas, practicalas. Por exemplo para saber de plantas, velas, tocalas, cheiralas, se son comestibles mesmo probalas. Pois ben co galego pasa algo semellante, ánimo.
Lembras que pregunta nos faciamos no primeiro día de clase de 1º da ESO? Dixemos que era unha pregunta que polo menos tardariamos catro cursos en respondela. Ese cuarto curso xa pasou, logo non está nada mal realizar un bo repaso sobre todo o que levamos andado tentando contestar a esa pregunta. Seguramente concluiremos que aínda nos quedan varias dúbidas por despexar para as que precisamos algo máis de tempo. E aquí é onde entra o noso labor principal neste 2022-23: procurar que esas incertezas se vaian aclarando.
Unha derradeira puntualización nesta introdución do curso que empeza hoxe. Esperta do teu sono. En gran medida ti es como a Alicia do conto. Unha parte das néboas a despexar están rodenado precisamente o chan que pisas, na terra na que vives tanto mires ao teu pasado como ao futuro por labrar. Por iso queremos que descubras as marabillas que agocha, nesa descuberta asegúroche medrarás como persoa.
Como verás ao longo do curso imos tentar que sexas como Alicia e que dalgún xeito coñezas mellor ese mundo marabilloso que se chama Galicia. Para iso deberás atreverte a liberar os soños da gaiola. Deberás desprenderte algo da pouca inocencia infantil que che resta e entender mellor os dobres sentidos, os xogos de palabras e as metáforas da vida. Terás que saber saír do tobo, o que pode significar un sombreiro, coñecer a pedantería do croquet e algunha que outra palabra nova e máis dun personaxe mitolóxico do qu enon tiñas nin idea, tentarás xogar aos naipes por aburrimento e nunca esquecer o que é un sorriso. Daquela aprenderás a ousadía de colocarte ante o espello.
Consultas: No seguinte enlace podes consultar e curiosear sobre algunhas palabras que aparecen no relato de LeWis Carroll: Alicia no país das marabillas |
|
|
|
|