galnarciso



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DO MITO AO POEMA, DA PALABRA Á SOCIEDADE

Que relación terá Breogán con Irlanda?

Será verdade que Ith fixo unha viaxe de conquista cara o Norte?
Procura algo máis de información, por exemplo na Galipedia, para facer logo unha pequena redacción coas túas conclusións sobre a relación entre o mito de Breogán e Irlanda que é como falar da relación que pode que haxa de vello entre Galicia e Irlanda.

Viaxemos soñadores dende o mito que parte dunha torre, no fogar de Breogán, ata un soño e logo percorramos da mao dos poetas do ESPERTAR, da alborada da nosa cultura, un camiño cara un rico porvir, na procura dunha Terra liberada dun sono que semella un duro inverno. Procuremos un canto á primavera para Galicia e lembremos que ese soño de nos abrir camiños no mundo é posible por obra e graza do noso idioma, saibamos do dereito a pensarmos como pobo e reclamemos o dereito á ser libres, superando atrancos que non impiden soños de irmandade. Descubramos que Galicia sen nosoutros é ben pequena e que pode ser outra cousa, envolvéndose en sabas de mil anos, na fala e en nós teremos que atopala, a porta que é a nosa patria, agárdanos. Sabemos xa que o pobo que ame o bon poema será quen de beber nos soños coas palabras e recuperar os camiños,
pórlle nome ó labirinto,
navegalo.

Galicia é unha terra de torres, de mar e de soños.

ACTIVIDADES

Despois de traballar cos versos dos nosos autores esa mirada sensible cara Galicia, lembrando os versos de Ana Romaní cres que a invitación que ela fai ten algo que ver coa que fan outros poetas? Argumenta a resposta.

O LÉXICO DA SENSIBILIDADE POLA TERRA

1-Non é o mesmo sono que soño, explica en que consiste a diferenza.

2- Significan o mesmo senso e sentimento? Procura unha definición destas palabras e un sinónimo para cadasúa palabra que pertenzan á mesma familia léxica.

3- Busca nun dicionario as distintas acepcións da palabra sensibilidade.

4- Completa as seguintes oracións cas palabras do campo semántico dos sentimentos:

É unha persoa moi.......... non soporta a visión do sangue.
A ............. está a flor de pel. Non soporta un chío.
Cando saíu á rúa ........... como a lentura da noite pousaba sobre a pel.
Con dozura............ a testa do animal transmitíndolle tranquilidade.
Ao lonxe.............. un grupo de rapaces que camiñaban cara nós.
A ................ das persoas que conforman unha nación baséase en compartir unha mesma historia, unha cultura e un idioma.
A rapaciña........... con desconsolo pola perda dunha persoa querida.
............. con pracer os últimos pasteis que estaban enriba da mesa.

5- Asociar a seguinte listaxe de verbos a cadanseu sentido (olfacto, gusto, vista, tacto, oído.
xantar, uliscar, enxergar, apalpar, chiar, cantaruxar, beliscar, axexar, catar, cheirar, ventar, ollar, rañar, relatar, bisbar, acariñar, ver, mirar, palpitar, roncar, saloucar, latexar, impar.

6- Relaciona en dúas columnas os seguintes sinónimos: A) asoar, pular, rosmar, impar, apalpar, catar, observar
B) axexar, degustar, tentar, saloucar, roñar, saltar, fungar.

7- Explica as seguintes expresións e escribe unha oración usándoas:
- Cos cinco sentidos:
- Sentido común:
- Trocar o sentido:
- Andar con sentidiño:
- Sentir a Terra:
- Ser propio de...:
- do país:
- da Terra:
- O noso, -a

8- Investiga a que lugares pertencen cada unha das bandeiras da fotografía.

9- Que sinónimos de redenzón e de aurora podes atopar entre as palabras dos poetas traballados nesta unidade cero?
Que significaba rico porvir?
Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 25-09-2013 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
Comezamos o Curso 2013-14
Comezamos o curso esta vez nunha nova etapa, a do bacharelato, co que a perspectiva do valor da educación é ben distinto, vai tomando altura e iso ten por forza que reverter na propia transcendencia e importancia que para todos/as os que o cursades ten este ano e o seu aproveitamento didáctico.

Adaptamos o lema do curso á nosa materia:

Esperta do teu sono, fogar de Breogán! ese é o título tirado do himno galego, dous versos de Eduardo Pondal que servirán como punto de arranque dunha nova mirada cara Galicia, esta xa máis adulta, máis formada por saber que asumimos da nosa personalidade coma galegos. Achegarse con sensibilidade a nosa Cultura e a Lingua da nosa Terra será un dos obxectivos centrais deste curso.

Outra mirada sobre Galicia é posible, Pondal invita aos galegos a realizar ese exercicio de sensibilidade cara a nosa Terra. Botaremos man deste e doutros versos para observar galicia con ollos distintos e atentos...

pero antes de seguir leamos este texto adaptado dun autor marinense, Silvestre Gómez Xurxo, sobre:
BREOGÁN e o seu fillo ITH

"É unha tarde fría e clara de inverno. Os ventos do norte que sopran estes días non teñen auga para formaren nubes. Son aires duros que cuartean a pel e queiman os campos. Son aires de xeadas e lobos famentos ouleando na noite. Non é o tempo máis amante, pero Ith vai coma cada tarde á illa e sobe ata o campo da torre. Hoxe vai só. No fondo, é como prefire ir.

Os demais quedaban arredor dunha boa larada, sentados xerarquicamente de vellos a mozos, pois ese era o costume que se seguía de vello, polo respecto e o cariño que se sentía polos maiores.
A caída da tarde nos días de inverno é a hora da fantasía, das palabras graves e das algareiras ó ao agarimo lume. Nesas horas tamén se aprenden as historias que manteñen viva a memoria colectiva do pobo. E así pasan xeración tras xeración formando parte do orgullo de todos e cada un.

A illa da torre está case pegada á aldea, de feito, só é illa a medias, dependendo da marea. Co devalo, ábrese unha lingua clara de area que une a illa á terra; coa chea, vese unha illa ben formada. Desta vez, a marea está baixa e Ith fai a pé o camiño da illa. Ama ese camiño e gústalle sentilo directamente baixo os pés. Coñéceo tan ben que anda treitos cos ollos pechado e sabe, polas sensacións do tacto e do olfacto, o lugar xusto en que está en cada momento.

Para Ith, o campo da torre abre todos os mundos, porque el sabe ben que o mar é o grande camiño que sempre se pisa por primeira vez e que leva a todas partes, ás coñecidas e ás que están por coñecer. Por algo é fillo do sabio e valoroso Breogán, que chegou polo mar a estas terras para darlles nome e fillos que as poboasen. Quizais o seu destino sexa ese: botarse ao mar e atopar novas terras para poboalas e darlles nome.

Ith é un soñador. A aldea e as súas terras forman un mundo importante, pero pequeno de máis para os seus soños. El precisa mirar alto e lonxe para respirar fondo e atopar aire abondo que encha o seu peito afouto e baril.

Os ollos de Ith pérdense outra volta na auga seguindo trazado dos seus soños e avanzan cara o norte, antes de que se consuma totalmente a luz do sol. O seu corazón bate coa forza do presentimento. E CANDO SE ATOPA DE FRONTE Ó NORTE, NON PODE ACREDITAR NO QUE VEN OS SEUS OLLOS. Aló nos confíns, perdida no horizonte, onde só alcanzan os ollos máis agudos e ilusos, porque non é doado diferenciar entre o que se ve e o que se desexa ver, está a luz da terra tanto tempo presentida. Na hora do luscofusco xorde un resplandor que se espella nas augas do océano. Ith refrega os ollos e contén o ánimo. Volve mirar. Aquela é a terra que o chama, que dende rapaz o estivo levando cada tarde ao alto do campo da torre. Permaneceu mirándoa ata que aquela luz se sumiu apagada pola forza da lúa chea. Unha terra que el sabía fermosa e farturenta, a onde levaría a súa estirpe a vivir en paz e prosperidade. A vida dun home, aínda a dun soñador, contida en poucas palabras: torre, terra, mar, soño.?


Repara no léxico e se non coñeces esta palabras búscaas: larada,algareiras, xerarquicamente, devalo,afouto, baril, iluso, luscofusco, doado,...

COMPRENSIÓN: Quen era Breogán? Nacera naquelas terras nas que vivía? Que decidira construír?

En que tempo cres que viven os personaxes deste relato?

Quen era Ith? Que facía cada tarde? que lle ocorre?

Cal era o seu soño?

A sensibilidade de Ith como aparece expresada no texto?

Xogando coas palabras:
-?onde di o trazado dos seus soños? podería dicirse "o ronsel dos seus soños"?

- Onde di na hora do luscofusco, podería dicirse: na hora do .......

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 17-09-2013 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0