No día no que toda Europa celebra o Día europeo das linguas, é moi interesante saber ata que punto Europa recoñece que existen linguas como o Galego que sen ser as oficiais en todo o territorio do estado ao que pertencen son consideradas dalgún xeito. Un status que podería ser mellor, pero que tendo en conta documentos importantes para dito recoñecemento como a Carta das Linguas Rexionais e Minoritarias son hoxe obxectivos alcanzados. Consulta esta entrda na Galipedia: http://gl.wikipedia.org/wiki/Linguas_da_Uni%C3%B3n_Europea
Podemos botarlle un ollo a este material do ecolingüísmo
Chegamos ao Bacharelato e despois de pasar por un proceso longo de socialización que comezou tras o noso nacemento na nosa propia casa na que eramos o centro do mundo onde só parecía importar eu, despois de aprender a andar e a falar, fomos incorporados ao Sistema Educativo onde soubemos da existencia dun nós resultado da suma de moitos eu cos mesmos dereitos, e cos mesmos deberes.
Pasada logo a etapa de Primaria comezamos un proceso se se quere inverso de volta de novo cara ao eu, na procura do eu como adolescentes que deben descubrir quen é cada quen, cal é o seu carácter, a súa identidade. Esa persoa en formación rematada a ESO, está en disposición de asentar a súa personalidade para comezar a responsabilizarse seriamente co seu futuro como persoa adulta.
Fixemos un recordatorio nestes días de como a lingua fainos humanos, a diversidade lingüística que nos caracteriza fronte as restantes especies e mesmo como ser orixinal nun universo tan diverso pasa por non avergoñarse dun mesmo, ser verdadeiro e asumir que a nosa Terra ten unha cultura e unha lingua en boa medida por descubrir.
Hai quen pode crer que somos galegos simplemente por ter nacido en Galicia, pero como nos demostra Castelao no seu relato " Chegou das Américas..."ser galegos significa máis cousas que ser habitante dun territorio.
Nesta unidade inicial temos seguidamente que abordar outra vez, agora con maior profundidade, o tema de cómo nace unha lingua.
Utilizaremos algunhas citas que seguro vos soarán de anos anteriores:
Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais? Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)
ANTÓN VILAR PONTE
Un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de homes; nace pola disposición psicolóxica dun pobo, que, en condicións históricas favorables, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión.
CASTELAO
?Cada lingua dálle personalidade cultural ao seu pobo e transmítella a cada un dos seus membros. Cada pobo ten a súa. Cada home ten a do seu pobo. Nós, os galegos, temos a nosa.?
RAMÓN PIÑEIRO
Intenta logo deducir e redactar coas túas palabras cómo nace unha lingua.
Finalmente imos pechar esta unidade dándolle un repaso á situación actual da nosa lingua sobre a que imos traballar este curso botándolle unha ollada as últimas estatísticas e comentándoas brevemente. Observa o mapa de uso de galego concello a concello de Galicia ou tamén nesta dirección da galipedia: sobre o uso real da lingua galega. (2001)
O noso lema para este curso vai da verdade e imos ir vendo temas compostos por galegos que nos ilustren. Comezamos por este tema de Leilía do seu álbum Madama titúlase Hei de estar alí, a letra é dun autor moi coñecido na literatura actual Suso de Toro. Podería ser unha cantiga de berce, na que unha nai, ocórresenos que Galicia nos agarima coas súas palabras, porque as palabras son a mediciña máis codiciada cando falamos de sentimentos verdadeiros. Tamén poderíamola interpretar como un diálogo entre dous namorados, o amor que fai xirar o mundo e que é unha das esenciais que nos definen, a lingua pode ser tamén coas súas palabras segredas son elementos que permanecen e transcenden. Fanos eternos, orixinais e universais. O agarimo das falas de amor son pois sómbolo de autenticidade.
No título do tema hai unha esperanza permanente de futuro e de lealdade por cariño,ante a adversidade diversa coa que o mundo complexo nos abafa. Lealdade e proxección de futuro moi desexables á hora de establecer unha verdadeira relación coa nosa lingua:
"Mais se ti mo pides , hei de estar alí".
Imaxinade logo que quen nos fala así é a nosa lingua, a nai Galicia que sempre sabe estar alí.
HEI DE ESTAR ALÍ
Non che prometo, amor,
falar do que non sei
mais se as mans che enfrían,
hei de estar alí.
Non sei dicir mentiras
falando de amor
mais se faltan as forzas,
hei de estar alí.
Preguntas polo amor
non me atrevo, non sei,
mais se todos marchan,
hei de estar alí.
queres falas de amor
que eu non sei dicir,
mais se todos calan,
hei de estar alí.
Cantei coplas de amor
con palabras segredas
mais se ti mo pides,
hei de estar alí.