Este texto de Castelao, un discurso promunciado un 25 de xullo no ano 1948 na Arxentina, está cheo de saudade e emoción, pero tamén é unha pequena gran obra xenial do noso autor na que realiza unha curiosa panorámica do máis esencial da nosa cultura ata o comezo do XX. Aquí tedes un enlace para podelo ler enteiro: ALBA DE GRORIA
CUESTIÓNS:
1. Tras da lectura, indica as partes nas que podemos dividir este texto e intenta argumentar a que respostan cada unha desas divisións.
2. Por que evoca Castelao á Santa Compaña?
3. Dos personaxes que se citan cántos coñeces, indica brevemente qué sabes deles.
4. Escolle 10 destes personaxes que non coñezas e infórmate sobre eles.
Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza
II- IGUAIS, PERO DIFERENTES ou COMO SERMOS ORIXINAIS ANTE OS DEMAIS?
A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais?
O galego culto que hoxe se exprese en galego, por ese só feito demostra levar na alma un nidio sentimento de liberdade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre, co fin de lles dar o tempero preciso para que poidan fecundar mortas terras, cheas de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.
Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua; xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)
Se queremos ser nós mesmos temos que cultivarnos en galego, envorcado o noso espírito da infancia e da mocidade no molde redentor do noso idioma. Do noso idioma que nos abre magnánimo e fecundo as portas dos corazóns de moitos millóns de almas que se expresen no portugués irmán? No comezo eramos vinte persoas?hoxe son moitas as Irmandades feitas; no termo destes últimos anos falouse máis galego culto que denantes nun século. Galicia comezou a ser considerada. E aquí tedes como somos uns homes históricos; uns homes a quen o porvir non terá que esixirlles responsabilidade. Porque ofrendaron a Galicia un pensamento propio, unha vontade propia e un sentimento propio.
ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira
III- O RESPECTO QUE MERECEMOS: O DEREITO A SER DIFERENTE.
O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.
CASTELAO, Sempre en Galiza.
IV- MINITEXTOS
Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!
MANUEL MARÍA
Os soños na gaiola
?Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.? A.D.R. CASTELAO
CUESTIÓNS
1-TEXTO I- Por que cres que hai algúns homes que senten envexa das formigas? Por que cres que esas persoas consideran un castigo o mito da Torre de Babel?
2- Segundo Castelao, que caracteriza ao ser humano fronte ás restantes especies animais?
3- TEXTO II Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante e un galego falante?
4- Que cres que significa a expresión ?redimirse da servidume do mimetismo??
5- Como nace unha lingua?
6- Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
7-Este texto II escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é unha das meirandes aportes deste movemento? Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.
8-TEXTO III A cultura é un alimento dos seres humanos? Cal son os termos reais das metáforas do ?biberón? e da ?teta??
9- Que está pedindo Castelao no último texto?
10- Despois de ler todos os textos redacta unha resposta a esta cuestión final: Como podemos ser respectuosos coa nosa identidade, coa nosa cultura e coa nosa lingua?
A defensa da lingua propia non converte as alleas en inimigas porque o respecto que demandamos para a nosa convértenos en respectuosos e solidarios con todas as demais; ao cabo, a palabra é a produción máis especificamente humana, e mal se pode ser respectuoso co home sen selo coa lingua que fala.
Velaí, logo, que a tolerancia debe ser emblema dos loitadores pola dignificación da lingua, e nunca deben facer súas as actitudes de desprezo das que outros fan uso. Tolerantes, que non febles, nesa loita esperanzada pola dignificación da nosa lingua, é dicir, pola nosa dignificación. Orgullos@s e conscientes da nosa diferenza, esa que nos fai orixinais ante o mundo.
IGUAIS en dignidade, DiFeReNTeS en cultura,
FALAMOS GALEGO!
Lectura:
DEITADO FRENTE AO MAR
Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nen saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...
CELSO EMILIO FERREIRO,
Longa noite de pedra.1963
CUESTIÓNS:
Por que fala galego Celso Emilio, só porque lle gusta?
Quen son os patufos desleigados?
Explica as metáforas "ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe/ remo i arado, proa e rella sempre".
Que quere dicir Celso Emilio cando di estar "perto dos que sofren longo unha historia contada noutra lingua?
A quen se dirixe Celso Emilio no poema?
Que che di este poema?
Audición: (Este poema tamén podes escoitalo en versión recente de García MC)